venres, 11 de maio de 2018

Campaña de afiliación “O noso Manual para cambiar o mundo”



O noso manual para cambiar o mundo é o lema da campaña de afiliación coa que te animamos a participar activamente para camiñar e chegar lonxe, facendo real a igualdade e a xustiza social.

Ante unha realidade inxusta que se impón no día a día, temos por diante moito traballo para rachar con este sistema e acadar:

Un país libre de precariedade.
A fin do patriarcado en todas as súas expresións.
Novas políticas que melloren a nosa calidade de vida e que procuren una desenvolvemento sostible.
Unha economía ao servizo do pobo e non duns poucos.

Anímate e participa na construción dende a esquerda. Son moitas as maneiras coas que podes axudarnos a mellorar para traballar con diferentes ferramentas:

-      Dende as rúas e as institucións. Somos miles de persoas as que nos mobilizamos pola defensa e recuperación dos dereitos básicos.

-   Dende os centros de traballo e nos barrios. Porque a organización é unha ferramenta revolucionaria.

-   Dende as áreas e espazos de traballo colectivo: Formámonos porque o coñecemento é a chave para derrocar este sistema artellado contra a maioría social.

E co conflito como motor de cambio.

E porque temos un proxecto no que a pluralidade é un valor fundamental, queremos contar contigo!

Podes afiliarte:

Inscribirte como simpatizante:

Ou achegarte ao noso local
Rúa Luís Casais, 11 baixo os mércores a partir das 20.30 h.

E formar parte da nosa organización para comezar a andaina ao noso carón.


O Mundo que queremos

A democracia é que sexa o pobo quen tome as decisións que concernen á súa vida.

Non pode haber democracia sen feminismo; sen soberanía dos pobos que conforman o Estado español; sen economía ao servizo da clase obreira; sen coidar o noso entorno.

O mundo que queremos é un reflexo da nosa identidade:

Feministas
Un mundo sen patriarcado para ser persoas libres. Onde mulleres e homes teñan os mesmos dereitos. Onde a sexualidade de cadaquén sexa respeitada e nunca coartada. Onde podamos elixir ser quen e como queiramos ser.

Republicanas
Defendemos unha república federal que devolva a soberanía aos pobos do Estado; que respete as identidades nacionais e que asegure o dere­ito de autodeterminación. Desmontar o sistema monárquico é tamén rachar co réxime do 78.

Socialistas
Só pode ser xusto un sistema económico que se base no benestar social e non no beneficio persoal. Porque só cunha economía socialista poderemos rachar con todas as desigualdades, destruír o sistema de clases e ter unha plena democracia.

Ecoloxistas
Coidar o noso planeta é asegurar un futuro para a humanidade, pero tamén é respectar a natureza e defender os dereitos dos animais. É entender que o mundo en que vivimos ten recursos limitados e que debemos procurar un desenvolvemento social sostible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario