O Grupo Municipal de Esquerda Unida presenta unha moción para que o pleno do Concello do Grove se comprometa a apoiar a Folga Xeral
das Mulleres facilitando o seu desenvolvemento, que facilite con todos os
medios materiais, persoais e de difusión as manifestacións, concentracións,
actividades e actos que convoquen as asociacións de mulleres no 8 de marzo e
que a Casa do Concello enarbore a bandeira feminista como símbolo de apoio á
loita das mulleres.
A proposta debaterase
no pleno do vindeiro luns 26 de febreiro
MOCIÓN COMPLETA
DE APOIO Á FOLGA FEMINISTA. 8 DE MARZO DE
2018
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O próximo 8 de Marzo, día
Internacional da Muller, o movemento feminista co apoio de organizacións e
colectivos políticos, sociais e sindicais convoca unha folga xeral das mulleres
ao longo e ancho da nosa xeografía.
Unha convocatoria de denuncia
fronte ás desigualdades, ás discriminacións e ás violencias estruturais que
sufrimos máis da metade da poboación mundial, as mulleres, pero tamén de
reivindicación dun novo modelo social, xusto, democrático e igualitario.
Unha folga feminista contra un
sistema capitalista e patriarcal que permite que as desigualdades estruturais
que padecemos as mulleres estean alcanzado tales niveis de gravidade e de tal
dimensión, que fai ineludible tomar as rúas, as institucións e os centros de
traballo para demostrar que sen nosoutras o mundo párase.
Un mundo cuxo funcionamento,
datos e prácticas nos engloba e debúxanos nestes escenarios:
·
En todo o mundo, as mulleres gañamos só entre o
60 e o 75 por cento do salario dos homes en traballos de igual valor.
·
No Estado español, o traballo dedicado polas
mulleres aos fogares, ao coidado e á reprodución alcanza o 53 % do PIB, o que
significa que o Estado fai recaer nas mulleres gran parte do que debería estar
atendido a través dos servizos públicos.
·
En Galicia a fenda salarial entre mulleres e
homes sitúase nun 22,1%, onde ademais a maioría de mulleres con emprego
sitúanse nos tramos salariais máis baixos. Os últimos datos así nolo presentan,
o 36,34% das mulleres asalariadas teñen ingresos iguais ou inferiores do
salario mínimo interprofesional. É a chamada pobreza salarial, mulleres pobres
con emprego.
·
A práctica da interrupción voluntaria do
embarazo non está garantida para todas as mulleres. A lexislación existente
permite que a clase médica máis reaccionaria poida negarse a realizar o IVE nos
centros sanitarios públicos e que o código penal siga contemplando o aborto
como un delito.
·
A misoxinia percorre a cultura e a ciencia en
todos os seus ámbitos. Na arte, na literatura, no cine, nas matemáticas, na
bioloxía, na enxeñería ou arquitectura, as mulleres apenas existen. Esta
invisibilización implica que as mulleres non aparezan na narración da Historia
e que todas as súas achegas seguen a ser totalmente ignoradas.
·
As agresións sexuais e as violacións, nalgúns
casos, pasaron de ser actos criminais individuais a formas grupais cada vez
máis presentes.
·
Os continuos asasinatos de mulleres, que deben
traducirse nun rexeitamento frontal a esta inaceptable realidade, que consolide
a construción dunha cultura anti patriarcal para erradicar esta violencia
sistémica da vida das mulleres.
·
A notoria expansión que está adquirindo o debate
e a demanda dos ventres/úteros de aluguer, non o esquezamos de mulleres pobres,
que son quen se ven obrigadas a esta forma de explotación capitalista e
patriarcal.
·
Os milleiros de mulleres e nenas traficadas para
consumo sexual dos homes e a súa irrefutable conexión coa “industria do sexo” e
a prostitución.
Por estas e moitas máis razóns
este concello debe apoiar a Folga Feminista convocada para o 8 de marzo. Unha
folga que irá enmarcada con grandes mobilizacións ao longo de todo o país, onde
as mulleres tomarán as rúas para demostrar que non só hai que parar o mundo,
senón que tamén hai que transformalo cambiando os seus modelos patriarcais por
modelos de igualdade, xustiza, paridade, liberdade, diversidade e democracia.
Por todo o exposto, o
Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do Pleno do Concello
do Grove a seguinte,
PROPOSTA DE ACORDO
Compromiso do Concello
do Grove a:
1. Apoiar a Folga Xeral das Mulleres, facilitando o seu desenvolvemento nesta
Corporación.
2. Facilitar con todos os medios materiais, persoais e de difusión as
manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoquen as
asociacións de mulleres no 8 de marzo.
3. Enarborar a bandeira feminista na Casa do Concello como símbolo de apoio á
loita das mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario