Os edís de Esquerda
Unida no Grove, Juan Lamelas e José Antonio Otero, reclamaron na xuntanza
mantida para a modificación da ordenanza de terrazas que o Concello faga
cumprir a mesma.
Esquerda Unida leva
desde que se aprobou hai catro anos e medio esixindo o seu cumprimento.
O Grove, 21 de febreiro de 2018.- Os grupos municipais do Concello do
Grove reuníronse onte pola tarde para valorar a proposta de modificación da
ordenanza de terrazas. Trátase dunha proposta do goberno municipal, presidido
José A. Cacabelos, que engade un modelo estético diferente á recentemente
remodelada rúa Castelao.
Nesta xuntanza, o voceiro do grupo
municipal de Esquerda Unida, Juan Lamelas, fixo fincapé en algúns dos problemas
ocasionados polo incumprimento de funcións por parte do Concello á hora de
facer cumprir a ordenanza que diferentes veciños lles teñen trasladado, e que
son coñecidos polo alcalde, sen que este teña tomado ningunha medida ata agora
para darlles solución. Así mesmo, tamén foi trasladado por parte dos edís
esquerdistas consideracións sobre a modificación da ordenanza fiscal polo uso
de terreo público que ocupan estas instalacións, ademais da importancia que
teñen as terrazas na vida económica e social deste concello, e que a
convivencia entre veciños, peóns e hostaleiros, é perfectamente compatible coa
aplicación da ordenanza.
“En case tres anos de
mandato do señor Cacabelos, nada se ten feito por parte do Concello para facer
cumprir esta ordenanza” explica Lamelas. “Agardamos que agora
que propoñen esta pequena modificación por fin se poñan a facer o seu traballo”
conclúe.
O outro asunto importante desta
xuntanza foi o relativo ás terrazas que ocupan terreos portuarios. Hai un
consenso absoluto no arco municipal respecto de que Portos de Galicia debe
aplicar os criterios aprobados polo Pleno do Concello do Grove no que respecta
a este tipo de instalacións en zona portuaria.
Grupo Municipal de Esquerda Unida
O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario