xoves, 14 de novembro de 2013

Ante a adicación exclusiva de Aida Filgueira e o orzamento de 2.014


O Grove, 14 de novembro de 2013.- Desde a Asemblea Local de Esquerda Unida do Grove, queremos amosar o noso rexeitamento á proposta que se debatirá no pleno deste mes de conceder a adicación exclusiva á tenente de alcalde Aida Filgueira.
As incongruencias nesta materia por parte do tripartito veñen sendo constantes desde que formaron goberno. Se ben estando na oposición, tanto Miguel Ángel Pérez como Aida Filgueira criticaban o gasto en adicacións do anterior goberno cuatripartito por consideralas innecesarias e excesivas, vimos como propuxeron sen ruborizarse a liberación total ou parcial xa non de tres concelleiros como era anteriormente, senon de nove. Tentaron xustificar esta medida afirmando que o gasto sería menor, cuestión que se revelou falsa, e máis agora, co aumento da adicación da señora Filgueira de media xornada a xornada completa, aumentando o gasto en órganos de goberno respecto do mandato anterior en varias decenas de miles de euros anuais, sen contar asesores e demais persoal afín contratado para contento dos socios do PP.
Mais o problema que vemos desde Esquerda Unida non é que haxa xente cobrando por adicarse á xestión municipal, senon en como se fai este gasto e cales son os criterios utilizados. A inutilidade da señora Filgueira como concelleira é manifesta. A súa xestión á fronte das concellerías que ten delegadas e que vendeu como un logro importante cando asinou o pacto de goberno é practicamente nulo, como quedou en evidencia na súa comparecencia ante o pleno na que extendeu a máis de unha hora o seu relato de exposicións itinerantes, iniciativas de outros concelleiros, ou actividades que se realizan desde hai anos no Concello como logros da súa xestión.
Pero non é todo. Parece ser que os seus propios compañeiros de goberno están molestos coa proposta da señora Filgueira. Eles mesmos se dan conta de que non aporta nada ao goberno máis que un voto nos plenos, e ademais haberá que restar recursos de algunha outra parte para poder dar cumprimento aos desexos da concelleira de Alternativa Meca para dar solución á súa situación profesional. E é neste punto no que se demostra outra das mentiras deste goberno, a unidade e a cohesión. Un goberno con maioría absoluta, que presume de unidade de acción e de obxectivos claros, non foi quen de aprobar os orzamentos deste ano 2013, ano no que se tivo que traballar cos orzamentos prorrogados de 2012. E vemos agora, tras o ultimátum de Filgueira, como se pretende levar a aprobación o orzamento de 2014 no que se recollerá a adicación exclusiva da tenente de alcalde. Un orzamento sen debate, a pesares de que Alternativa Meca propuxo a participación popular na súa elaboración, e no que nen tan sequera participou a corporación local.


Asemblea Local de Esquerda Unida
O Grove, 14 de novembro de 2013

Ningún comentario:

Publicar un comentario