venres, 28 de xuño de 2013

Esquerda Unida ante a expulsión do pleno do noso concelleiro Xan Lamelas

NOTA DE PRENSA

O Grove, 28 de xuño de 2.013.- Desde que o goberno tripartito que dirixe actualmente O Grove tomara posesión hai agora dous anos, vén sendo unha constante en todas as sesións plenarias o desprezo e o entorpecemento do labor dos concelleiros da oposición. O alcalde Pérez e algúns membros do seu goberno, como o señor Bea ou o señor Callón, teñen por costume interromper as intervencións dos concelleiros que realizan a súa función fiscalizadora do goberno e a presentación de propostas e iniciativas que consideran oportunas para os intereses dos veciños e veciñas d’O Grove.

Diversos son os métodos que o goberno tripartito capitaneado por Pérez utilizan en contra da pluralidade democrática que tanto lles molesta. Mentres os membros do goberno realizan as súas exposicións sen ningún tipo de límite, superando en varias ocasións a media hora, o Alcalde encárgase de recordar antes de dar a palabra aos concelleiros da oposición que sexan breves, comezando as súas interrupcións transcorridos escasos segundos do inicio das mesmas. Esta estratexia ten como finalidade cortar a argumentación das posturas contrarias ao goberno, que polo visto enervan os ánimos de quen nos goberna.

Moi común tamén é a presentación de emendas ás mocións presentadas pola oposición que lle resultan comprometedoras ao PP (neste caso PGD e AMeca actúan de escudeiros). Non se trata de emendas que aporten ou melloren as mocións presentadas, senón que se trata de emendas que baleiran totalmente de contido ditas mocións, enchéndoas de eufemismos e lugares comúns, para facilitar o voto a favor do PP a cuestións que rachan coa liña política do partido, mais que son sabedores que o votar en contra faríalles perder credibilidade entre a veciñanza.

Estas actitudes antidemocráticas veñen sendo denunciadas pleno tras pleno desde a súa toma de posesión polo noso concelleiro o señor Lamelas, xa que desde Esquerda Unida non estamos dispostos a tolerar esta ditadura da intolerancia.

No último mes vimos de observar o cambio de rumbo ante estas denuncias. Un cambio de rumbo no que se acentúa o carácter retrógrado e totalitario do tripartito. Puidemos ler na prensa despois da sesión plenaria correspondente ao mes de abril como ao señor Pérez lle molesta o debate de mocións tipo no Pleno municipal. Trátase de mocións (das que tamén fai uso o PP) sobre cuestións que afectan á cidadanía en xeral (incluídos aos nosos veciños e veciñas) que son presentadas en multitude de concellos como medida de presión ante outras administracións. O señor Pérez afirmou pois dar permiso aos seus concelleiros para abandonar o Pleno no debate destas propostas, menosprezando o debate democrático que se debe dar nas institucións, e renunciando ao seu deber como representantes do pobo. Está claro que o Alcalde con esta medida o que busca é anular o debate sobre as vergoñentas políticas que está levando a cabo o PP e que están agudizando a emerxencia social na que vive o noso país.

Mais o culmen do despotismo deste goberno púidose observar neste último Pleno. Ás constantes interrupcións e falta de explicación das súas posturas, tivemos que sumar a petición do Alcalde de retirar da orde do día unha proposta do BNG para arranxar o parque infantil do CEIP Rosalía de Castro, proposta que chegou a cualificar como “calquera parvada”, e anunciando a súa intención de non incluír na orde do día dos vindeiros Plenos (ao igual que fixo coas mocións presentadas por EU para esta sesión plenaria) as mocións que el considere de igual índole. É dicir o señor Pérez gárdase a potestade de considerar “calquera parvada” as mocións presentadas de agora en diante polos grupos políticos da oposición e non permitir o seu debate no máximo órgano de representación municipal, onde está representada a vontade popular dos veciños e veciñas d’O Grove.

Ante esta situación o noso concelleiro Xan Lamelas, ao igual que fixera antes o voceiro do PSdG, o señor Cacabelos, presentou as súas queixas con rotundidade e vehemencia. Ante este feito o intolerante e totalitario señor Pérez retiroulle a palabra ao noso concelleiro sen que este rematara de facer a súa exposición, polo que aumentaron as queixas e denuncias pola nosa parte, e nun arrebato de “chulería” e desdén, o Alcalde decidiu expulsar do Pleno ao señor Lamelas, pois non se tolera a discrepancia por este goberno tripartito.

Este relato dos feitos non casa moito co discurso que tanto o PP como AMeca mantiñan cando eran membros da oposición no anterior mandato. O anterior goberno tivemos que soportar como desde as filas destes dous partidos se nos acusaba de ditadores e de aplicar a “lei do rodillo”. Pois ben, agora o PP e AMeca, xunto co PGD, non só aplican a “lei do rodillo” da maioría absoluta que suman os tres partidos gobernantes, senón que lles sobra o debate e ata a celebración dos Plenos aos que están obrigados por lei.

Desde Esquerda Unida amosámonos insubmisos ante esta ditadura da intolerancia que está a practicar este goberno escaso en ideas e propostas, e declaramos a nosa máis firme determinación de continuar defendendo o debate democrático e o respecto pola pluralidade política.

Se nos impoñen represión, nós declarámoslles a guerra.


Asemblea de Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario