xoves, 20 de xuño de 2013

A Galería Besada acolle este sábado a estrea dun libro colectivo sobre Lueiro Rey.

Prensa. Todogrove.com.- Medio cento de autores participan cos seus textos en Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, un libro de Edicións Xerais coordinado polo profesor e crítico literario Ramón Nicolás que este sábado ás 20.00 horas será presentado na Galería Besada. 


Redacción

Na que será a estrea en sociedade deste volume de máis de 200 páxinas que afonda na vida e obra do máis insigne escritor grovense o director de Xerais, Manuel Bragado, e o coordinador da obra, Ramón Nicolás, estarán acompañados do escritor Luís Cochón e do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, así como do responsable deste espazo expositivo da rúa Concepción Arenal, Carlos Álvarez Besada.

Como se pode ler na web de Edicións Xerais, Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida é unha obra colectiva que “pretende actualizar e pór ao día” a traxectoria biográfica deste escritor grovense, así como o “o pouso humano que deixou en tantas persoas, o seu pensamento político e, xaora, a súa extensa e aínda hoxe pouco divulgada produción” literaria. 

Para abordar a súa figura, neste libro coordinado polo profesor e crítico Ramón Nicolás, responsable de varias antoloxías deste escritor nacido en Fornelos de Montes, contouse coa participación de medio cento de persoas “de diversas xeracións e sensibilidades”, que engloban tanto aos que o trataron en vida como aos que estudaron a súa obra ou aos que directamente “aínda se senten preto del”. Ademais, para o volume que se presentará este sábado tamén se recuperaron textos inéditos ou “escasamente coñecidos” da súa autoría e un “abondoso corpus fotográfico e documental nunca antes publicado”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario