
Un
sinxelo paseo polo primeiro dos centros visitados, CEIP Rosalía de
Castro no Grove, é máis que suficiente para decatarse do deterioro das
instalacións con paredes desconchadas, cuartos de baño vergoñentos,
buratos no chan, portas que abren para dentro incumprindo a normativa de
seguridade nos centros, e goteiras no pavillón de deportes que impiden o
seu uso na maior parte dos días de choiva. Trátase dun centro onde a
Consellería de Educación aprobara un plan de obras en tres fases. A
primeira e segunda incluía o arranxo dos problemas no interior das
instalacións, unhas obras que comezaron pero non remataron deixando por
exemplo os cuarto de baño sen tocar e nun estado lamentable. A terceira
fase centrábase no pavillón algo que xa a Consellería de Educación
informou ao centro que non se vai executar por falta de cartos o que
impide o uso do mesmo xa que tal e como informou a propia directiva os
días de choiva é imposible realizar calquera tipo de actividade pola
acumulación de auga no chan e outros días, o profesor vese obrigado a
pasar a fregona antes de iniciar as clases.
O propio conselleiro
de Educación, Jesús Vázquez, visitou en dúas ocasións o centro,
curiosamente sempre en época pre electoral, insistindo no compromiso da
Xunta para executar estas obras. Agora, pasadas as eleccións esquécense
as promesas e o anuncian que o centro continuará sen amañar.
O
segundo dos centros visitados polos deputados de AGE, o CEIP O Cruceiro
de Vilalonga (Sanxenxo) o deterioro, as deficiencias e os incumprimentos
por parte da Xunta de Galicia repítense. O goberno galego anunciou hai
seis anos a construción dun novo centro escolar ante o mal estado do
actual e a día de hoxe non só seguen a esperar o inicio das obras senón
que a xustificación que lles dan desde a Consellería de Educación é que
aínda non conseguiron os terreos despois de asegurar en repetidas
ocasións que o tema estaba xa arranxado. Problemas no sistema eléctrico,
goteiras, malos olores a causa das deficiencias na canalización,
problemas de accesibilidade, son algúns dos problemas cos que teñen que
convivir todos os días ante o silencio e a inacción da Consellería de
Educación. Proba do abandono ao que o goberno galego ten condeado fai
referencia as obras de instalación do cableado necesario para que o
centro se sumase ao proxecto Abalar que tiveron que ser realizadas de
xeito altruista por un empresario que ante a negativa da Xunta de
Galicia a executar esta obra cun custe aproximado de 3.000 euros,
ofreceuse a facelo el gratuitamente en beneficio dos nenos e nenas do
centro.
Ante esta vergoñenta situación á que o conselleiro de
Educación, Jesús Vázquez, condea a sufrir aos alumnos e alumnas destes
centros de educación infantil e primaria, Alternativa Galega de Esquerda
presentará unha serie de iniciativas parlamentarias instando ao goberno
galego a cumprir as súas promesas, levando a cabo as obras de mellora
no pavillón do CEIP Rosalía de Castro e solucionando o resto de
deficiencias, e a iniciar de xeito urxente as obras de construción do
centro no caso do CEIP O Cruceiro de Vilalonga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario