martes, 25 de outubro de 2011

EU anuncia o seu voto contrario á suba do soldo do alcalde

Prensa: Todogrove.com

 lunes, 24 de octubre de 2011
Esquerda Unida criticou a “elaborada e retorcida estratexia” que o Goberno local elaborou para “xustificar o aumento do gasto” nas retribucións que perciben os seus membros, “disfrazándoo de exercicio de austeridade”.
Redacción | Foto: M. Muñiz 
Por iso, este partido xa deixou claro nunha nota de prensa que o seu concelleiro, José Antonio Taboada, votará en contra da suba do soldo do alcalde, Miguel Ángel Pérez, no pleno do vindeiro xoves. A proposta que o Goberno levará a esta sesión consiste en fixar o salario de Pérez –que pasaría da dedicación parcial á exclusiva– en 3.135,54 euros brutos ao mes, en lugar dos 800 que percibía ate o de agora. Con esta modificación, explicou EU, o custo dos salarios dos integrantes do tripartito pasaría dos 107.000 euros ao mes aos 139.972,92, sendo así “superior” ao do anterior Goberno.
“Esquerda Unida nunca estivo e nunca estará en contra da dedicación exclusiva dun alcalde, sexa da color política que sexa. O que non é de recibo é que primeiro se predique unha cousa e logo se faga outra”, denunciou esta formación, molesta coa “desvergonzada actitude” do Goberno local en materia de “xestión financeira e execución do gasto municipal”.
Lembra este partido que no mes de agosto, o alcalde e o concelleiro de Facenda, Juan Luis Callón, realizaron unha rolda de prensa para alertar da situación de “asfixia financeira” na que se atopaban as arcas municipais – da que “aínda non se informou aos voceiros da oposición”–, na que se anunciaron medidas de contención do gasto, que EU teme que vaian dirixidas a “reducir” os servizos que presta o Concello, como foi o caso da supresión da escola de adultos. Ademais, os responsables do Concello puxeron en marcha outras medidas “non anunciadas”, como foi a suba de impostos por unha banda, e a “elevación do gasto dos membros” do Goberno local, para “pagar o voto na investidura” dos concelleiros do PGD, Alfredo Bea, e AMeca, Aida Filgueira, denunciou Esquerda Unida.

O “apetito económico” do alcalde
Lembra a formación esquerdista que os responsables do Concello están a traballar no presente ano cun orzamento prorrogado, polo que mentres Pérez contou cunha dedicación dun cuarto de xornada, foi posible asumir o gasto do Goberno –no que todos perciben un salario– “sen ter que modificar a partida orzamentaria”. Sen embargo, “para saciar o apetito económico” do primeiro edil, houbo que “recorrer a outras arcas públicas distintas das municipais”, criticou EU, que considera “aberrante” a “actitude” dos actuais responsables do Concello, que non teñen “a suficiente catadura moral para representar á cidadanía” do Grove.

Que opina Filgueira?
Esquerda Unida preguntouse tamén “cal é a postura” da concelleira de AMeca, Aida Filgueira, quen “no anterior mandato criticou con dureza o gasto derivado das liberacións” dos dous tenentes de Alcalde, “chegando a propoñer no Pleno unha moción na que se solicitaba a retirada de polo menos” un deses salarios, “por entender que non estaban xustificados”. Esta partido cuestiónase se, na actualidade, está xustificado o que ela percibe, tendo en conta que o seu “proxecto estrela”, a construción do Centro de Día, “converteuse en fume”, e que ademais conta para o seu traballo “coa axuda dunha asesora”.
Tamén se preguntou a formación esquerdista se está xustificado ou non o salario do responsable de Seguridade Cidadá, Alfredo Bea, quen “despois das eleccións anunciou que ía traballar menos e ser máis político”, posto que considera que e edil “está a cumprir” co primeiro destes puntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario