Esquerda Unida criticou que as cifras que os responsables municipais fixeron públicas para alertar da “asfixia económica” que sufre o Concello están “deseñadas para crear un estado de alarma” que xustifique “unha redución drástica de servizos municipais”.
Redacción | Foto: M. Muñiz “Cando hai apenas tres meses nos presentamos ás eleccións municipais, todas as agrupacións e partidos políticos eramos conscientes da situación económica tanto do Concello como da economía en xeral, e sabedores da redución de ingresos que as administracións públicas ían sufrir. Non pode ser, pois, sorpresa para o tripartito a redución de ingresos municipais”, opinou o concelleiro desta formación, José Antonio Taboada, nun comunicado no que EU amosaba a súa preocupación polas afirmacións que o alcalde, Miguel Ángel Pérez, e o concelleiro de Facenda, Juan Luis Callón, verteron o pasado luns respecto do preocupante momento que atravesan as arcas municipais. Entende Taboada que as cifras que entón se fixeron públicas responden ao obxectivo de acometer unha “redución drástica de servizos municipais”, posto que, cuestións como o incremento do IVE –que no presente ano incrementará o gasto municipal en 45.000 euros, segundo Callón–“non poden ser un imprevisto” ao ser “unha medida anunciada en setembro de 2009.
Un novo modelo fiscal Taboada reclamou aos responsables do Goberno local que convoquen aos voceiros dos distintos grupos políticos para traballar nos orzamentos do presente ano –que o tripartito pretende aprobar en setembro–, de tal xeito que o Concello poida contar cunhas contas adaptadas á “realidade actual” e non cun orzamento prorrogado, deseñado para o pasado ano e no que son “lóxicos estes desfases dos que falan”. Por outra banda, o voceiro de EU tamén solicitou ao Goberno que nestas xuntanzas informe a oposición de cales son as medidas que pretenden adoptar para afrontar esa redución de ingresos. Este partido defende a implantación dun “novo modelo fiscal no que se graven ás rendas máis altas e se deseñen medidas para aliviar ás familias con menos recursos”. Ademais, invitou ao Goberno local a “poñer freo” a súa “política recadatoria actual de multas indiscriminadas”, e a reducir o gasto que supoñen para as arcas municipais as dedicacións parciais ou exclusivas que cobran todos os membro do tripartito, xa que, engadiu, “algún dos seus membros cobra máis dun salario de distintas administracións públicas”. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario