martes, 15 de maio de 2007

Quen veño sendo: Amelia Soutullo

¿Quen son? Nacín en O Grove. Son técnico superior en dietética e traballo como dependenta nunh tenda relacionada coa miña especialidade. A miña nai é mariscadora e o meu pai, que agora está xubilado, traballaba na Toxa. A miña familia é, polo tanto, como outras tantas no Grove. O tema da política lévoo no sangue: o meu pai pertence ao Partido Comunista e xa foi en listas electorais. Eu fun a única dos tres irmáns que somos que herdou esa vena del. Pero lembro que xa de pequeniña me levaba a manifestacións. Supoño que de aí ven todo.
¿Por que me meto en política? En política levo desde sempre. De feito, esta non é a primeira vez que vou nunha candidatura. Xa van por tres veces que participo nas listas, o que pasa é que en postos situados moito máis atrás. Pero chegou o momento no que se precisaba xente, e xente nova, para tomar o relevo. E nese momento está claro: ou dás o paso, ou tes que deixalo. Eu decidín dar o paso adiante porque me parece o máis coherente. O Partido tiña que facer un relevo,meter xente nova contando, sempre, coa veteranía dos que xa levan moitos anos. É certo que temos diante nosa un reto difícil, sobre todo polo enorme oco que deixou Xan Caneda. El non é un político calquera. Penso que para todo O Grove é un referente como concelleiro, como traballador e como persoa. Agora abandonou a primeira liña da actividade política, pero iso non significa que deixase de traballar. Nós temos a tranquilidade de saber que sempre está aí para botarnos unha man cando fai falta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario