Prensa:
«Imos traballar por un programa de consenso entre toda a esquerda»
Lamelas asume sen complexos a herdanza de Xan Caneda para gobernar O Grove.
La Voz de Galicia / Serxio González / O Grove
-Sendo un candidato novo, cómpre comezar polo principio, por unha pequena presentación.
-Chámome Xan Lamelas, teño 25 anos e actualmente estudo Enxeñería Técnica Industrial e Mecánica na Universidade de Vigo.
-¿Como chega vostede a liderar a candidatura?
-O meu compromiso coa esquerda vén de hai tempo. Comecei a militar con 17 anos nas Xuventudes Comunistas. As miñas preocupacións polos problemas sociais veñen daquel tempo. De feito, pechei a lista de hai catro anos.
-E agora a lidera.
-Sempre dixemos que á lista de EU podiamos darlle a volta sen que pasase nada. Isto pódese comprobar perfectamente. Hai catro anos, Caneda era o número un e eu o dezasete. Agora, eu son o un e Caneda o dezasete.
-¿Como foi o proceso de relevo de Caneda?
-Abriuse un debate importante para buscar o cabeza de lista. Pensouse nun perfil, alguén novo pero cun compromiso político claro para dar unha especie de cambio xeracional sen deixar de contar cos nosos veteranos. Ao longo daquelas reunións saíron moitos nomes, entre eles o meu. Ao cabo fun proposto e decidín aceptar o reto.
-Supoño que será complicado administrar a herdanza de alguén tan carismático coma Caneda.
-Ben, Caneda foi e é un político moi carismático, que arrastra. Pero nós o que defendemos é un programa e unha ideoloxía. Eu asumo o reto que me marca este proceso, pero como un pulo a traballar máis e mellor.
-Hai quen augura que o cambio non será doado e que vostedes perderán apoio. ¿Que opina?
-Non agardamos baixar de ningún xeito. De feito, o peor resultado que agardamos é manter o actual grupo de dous concelleiros. Realmente o voto de EU é un voto fiel, consecuente. Nós apostamos, ademais, por quitar bastantes votos entre a xente nova, a que vota por vez primeira. A nosa é unha lista de xente nova con capacidade, que ben pode chamar a atención desa mocidade.
-¿Como ve, de todos os xeitos, o panorama político perante o 27-M?
-Realmente aínda non está nada decidido. O PP amosa enormes dúbidas sobre a súa capacidade de xestión e a lista que presenta non inspira confianza. Vemos ao PG como un apéndice do PP, outro partido máis da dereita. E os demais partidos loitando por conseguir un goberno de progreso, cada un coas súas propostas e o seu xeito, o seu programa.
-¿Cre que AMeca pode introducir unha parte de incertidume ou prexudicar á consecución desa maioría de esquerdas?
-Iso decidirano os veciños e as veciñas co seu voto. AMeca crea unha incertidume no posible goberno de esquerdas, claro. Pero iso está nas mans dos veciños, pouco importa o que nós creamos ou deixemos de crer. Son eles os que teñen que depositar a súa confianza nuns ou noutros.
-¿Garante vostede ese goberno progresista?
-É o noso lema. Un goberno de esquerdas con nós é posible. Só é posible se EU forma parte dese goberno. Nós somos os garantes de que ese goberno desenvolva políticas reais de esquerda. Coido que é máis que probable que na esquerda consigamos nove concelleiros, e se é así imos traballar porque haxa un programa de consenso, progresista, para conseguir o equipo de goberno que O Grove merece.
-¿Apoiaría a outro candidato da esquerda para ser alcalde se EU non fose a lista máis votada?
-Non habería problema ningún, sempre e cando se conseguise ese programa consensuado de esquerda real. A nosa idea é, por suposto, ser nós esa candidatura máis votada.
-As experiencias máis recentes, o tripartito, non saíron moi ben…
-Obviamente hai experiencias ao longo da historia do Grove frustradas. Pero non debemos esquecer que non é certo que O Grove sexa un concello ingobernable. Como mostra temos estes últimos catro anos. Case todas as mocións foron aprobadas por unanimidade ou por unha maioría moi ampla. Agora trátase de gobernar polo ben común. Queremos un goberno de esquerdas baseado nun programa de mínimos no que se recollan as demandas históricas do noso concello. Nós imos facer o noso traballo, pero non para que haxa un goberno simplemente nominal, senón, repito, de esquerdas real.
-¿Por que cre que fracasou aquel tripartito?
-Naquel goberno marcharon todos os partidos que o compuñan menos un. Se alguén tería que facer unha análise seria sobre o que sucedeu e unha autocrítica importante sería, precisamente, ese partido que quedou só.
-¿Fala do PSOE?
-Evidentemente. Pero, mire, pode parecer que iso é de antonte, pero realmente aquilo foi algo que pasou hai bastantes anos. Xa choveu e as circunstancias políticas do Grove de hoxe mudaron e son ben distintas. Realmente penso que dos erros do pasado o que hai que facer é aprender, e non volver cometelos. Insisto en que precisamos un acordo de mínimos.
Entrevista completa extraida da Voz de Galicia edición dixital do 16-05-07
Ningún comentario:
Publicar un comentario