domingo, 15 de maio de 2011

Neno: “Temémonos que no PSOE siga habendo medo ao PXOM”

 Prensa:
 Neno: “Temémonos que no PSOE siga habendo medo ao PXOM” 

 Todogrove.com | domingo, 15 de mayo de 2011
Distanciado dos estereotipados eslóganes, o candidato a alcaldía de Esquerda Unida, José Antonio Taboada Neno é prolífico en antecedentes á hora de dar resposta as cuestións formuladas. Por iso, nesta entrevista concedida a TODOGROVE:COM, non dubida en retrotraerse nada menos que 28 anos para deixar patente o “medo” dos socialistas en levar adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal. A Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey acolleu este domingo o mitin central da formación, ao que asistinron unhas oitenta persoas.
Texto: I. Rodríguez | Fotos: M. Muñiz

Comecemos falando da etapa do cuadripartito. Esquerda Unida iniciou o pasado mandato formando parte do Goberno e rematouno na oposición. Consideran que a marcha de Xan Lamelas á oposición pode ser boa para os intereses de Esquerda Unida nestas eleccións?

Nin boa nin mala. Cada partido político cubre as súas etapas en función das circunstancias. Incorporámonos ao Goberno porque na anterior campaña electoral manifestaramos a necesidade dunha alternativa ao Partido Popular, xa que entendiamos que oito anos eran máis que suficientes era necesaria unha alternativa progresista. Polo tanto Esquerda Unida cumpriu nun principio o seu compromiso cos electores, e as circunstancias que viñeron posteriormente forman parte dunha traxectoria da que estamos totalmente satisfeitos. 


A decisión de saír do Goberno foi tomada no momento adecuado?

En todo caso, iso terano que valorar os electores. Nós de forma periódica e sistemática intentamos facer ver aos socios de Goberno que o ritmo dos acontecementos non era o que nos comprometeramos. Máxime tendo en conta que os dous primeiros anos de Goberno entendíamos que eran fundamentais ao ser coincidentes co bipartito da Xunta. Era necesario non soamente que quedaran reflectidas as intencións, senón ir cubrindo etapas. A nosa saída do cuatripartito non foi un arrebato, senón a consecuencia duns incumprimentos sistemáticos do que acordaramos. 


Xa co mandato practicamente concluído, en que grao consideran que se cumpriu o devandito pacto de Goberno?

Eu particularmente non estou satisfeito de nada. 


Antes falabamos de Xan Lamelas, el deixou claro no seu momento que non quería ser o cabeza de lista...

Non é así a cuestión. Xan Lamelas, un militante moi disciplinado, viviu unha etapa complicadísima, porque na comisión de Goberno era el só fronte a oito persoa que o boicoteaban e incluso se mofaban del. Aguantou seis meses, doce, vinte e catro, trinta e seis, ata que chegou o momento no que dixo “non aguanto máis”. Polo tanto Esquerda Unida reuniuse, valorou a situación, fixo unha rolda de prensa na que manifestou a súa intención de saír do cuadripartito. Entón alguén lle preguntou si era o candidato de EU nas vindeiras eleccións municipais, el dixo simplemente que non se sentía en condicións. Nin sequera o falaramos, simplemente tomou esta decisión, que condicionou enormemente que Xan Lamelas fose o candidato, posto que sería unha incoherencia. Decidimos manter ese compromiso que el adquiriu persoalmente, pero iso non implica que se retire da vida política, todo o contrario, vai de segundo... esperemos que sexa concelleiro. 


Polo que conta, que Lamelas fose o máis novo do cuadripartito foi un hándicap para el.

El fixo todo como cría que tiña que facer, e atendendo en todo momento ao que decidía a asemblea local de Esquerda Unida. Hai que recordar que Xan Lamelas traballou a reo, pero entrou nunha dinámica de un contra oito, o que ía mermando considerablemente as súas ganas, que son moi importantes. O tripartito nunca tivo interese en que Xan Lamelas respirase un aire, digamos, docificado, todo o contrario, canto máis enrarecido estivera, máis contentos estaban. 


Para pechar este tema, Lamelas é o número dous, pero facía falta un número un, que é vostede. O paso adiante que tivo que dar foi por ilusión ou por responsabilidade co partido?

Levo moitísimos anos nesta liorta, polo tanto sempre estou a disposición da agrupación de EU. Entendemos que non é fácil militar nun partido coma este porque non flúen precisamente os candidatos, nin os de bo tipo nin os de mal tipo. Hai catro anos tomamos a decisión de que a xente nova, con ilusión, liderase a nosa candidatura. Chegado o momento seguimos debatendo si podíamos seguir nesta dinámica, o que pasa é que a magoa que crearon dentro da organización estes últimos catro anos facían ver que ao mellor unha persoa non tan nova, un pouco máis avezada puidese estar ao fronte da organización. Ao final decidiu a agrupación que fose eu o que liderara a candidatura, e bueno... aquí estamos. 


EU, como é lóxico, sempre reivindica o seu papel de partido de esquerdas. No actual Goberno hai dous partidos que tamén se definen de esquerdas, o PSOE e o BNG, que valoración fan da súa actuación nestes catro anos?

Catro anos dan para moito, pero hai cuestións puntuais que definen o que é un partido de esquerdas e o que non o é. Nós, desde un principio estivemos defendendo o sentido público dos servizos fronte ao interese dalgún de privatizalos. Iso é cando menos un punto de diferenza entre uns e outros. Nun principio tivemos que loitar co tema do lixo, cando Bea levou á comisión de Goberno a idea de privatizar o servizo. O PSOE apoiouno, nos opuxémonos radicalmente e o BNG agardou a ver como se desenvolvían os acontecementos, non houbo un posicionamento directo, aínda que finalmente apoiaron a posición de EU. Algo similar aconteceu coa xestión da depuradora, cando non había nin proxecto. A inmensa maioría das iniciativas deste tipo xorden de posicionamentos da dereita, é algo impensable. Si queremos seguir privatizando, privaticemos tamén a Alcaldía, fagamos unha xerencia. Temos tres persoas liberadas e temos na mente privatizar? A xente podería preguntarse para que serven. Nestes temas quizais quen fose Bea quen levase un pouco a bandeira, co apoio do PSOE, quizais para non queimarse en exceso. 


Bea era a nota discordante do cuadripartito?

Todo o mundo di que era o máis forte deste Concello, polo menos así se facía ver. Non se entende moi ben, que nun Concello con tantos socios, no que se supón que a fricción ten que estar a flor do día, no único punto no que se perderon un pouco as formas foi no tema das colareiras, co alcalde boicoteando o que a concelleira (Vitoria Canoura) estaba facendo. Eu penso que a xente entende perfectamente cal e a filosofía política dos grupos que estabamos aí. O PSOE é un partido nestes momentos escorado cara a dereita, ten unha clara cor neoliberal, o BNG, un pouquiño ao pairo; e papel do señor Bea, pode ser moi digno, pero obviamente non nos satisface. Si estivésemos no Goberno este último ano, estariamos enfrontados radicalmente coa actitude do señor Bea... e por suposto coa do alcalde.


Vaiamos ao seu programa, un dos seus puntos centrais é o emprego. Nunha situación económica como na que estamos, e coa autonomía limitada coa que ten unha administración local, hai marxe para crear emprego desde un Concello?

Partimos da base de que as administracións locais teñen unha relativa capacidade, pero tamén hai que ter en conta que a configuración da Deputación é unha consecuencia das eleccións municipais, e é outro elemento fundamental á hora de contribuír a que se xere emprego. Ao noso entender, a situación está clara. Asistencia a domicilio é un servizo pírrico, todo o mundo demanda que se amplíe. Hai unha posibilidade de xerar postos de traballo, e de calidade, non como os que hai neste momento. Ademais, hai outras cuestións que poderían ser perfectamente explotadas, nos apuntamos ao mar e ao monte. Poderíanse crear brigadas que mantivesen os nosos montes nunhas condicións de limpeza, e utilizar aos mariñeiros que estean en paro para limpar o noso mar. Hai que investir neste tipo de cousas, porque son moi rendibles, aínda que isto non se vexa a curto prazo.


Fai pouco dicíame que Esquerda Unida ten prioridades. Si entran no Goberno, cal é prioridade número un?

Dito así, sigue sendo Plan Xeral, na medida en que si somos capaces de sacalo adiante, moitos dos problemas que temos xa quedarían solucionados. O PXOM define claramente onde vamos emprazar as nosas instalacións deportivas, as nosas infraestruturas, o noso polígono industrial. Pero sabes o que nos tememos? Que no PSOE siga habendo ese medo que se produciu no ano 1983, cando estaba todo practicamente deseñado, o PXOM enriba da mesa, e algún concelleiro do PSOE meteuno nun caixón. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario