Ante as mobilizacións que veñen protagonizando miles de estudantes no noso país e outros moitos países europeos contra o chamado proceso de Boloña, Esquerda Unida desexa facer chegar ao conxunto da cidadanía o seu apoio a ditas mobilizacións, que responden a unha lexítima e xustificada preocupación pola implantación de novos plans de estudo (no marco do Espazo Europeo de Educación Superior), sen un debate amplo e en profundidade con participación de toda a comunidade universitaria.
Así mesmo queremos manifestar o seguinte:
- Defendemos unha transformación profunda da Universidade, entendida como servizo público aberto a toda a cidadanía, que non busque la “competitividade, senón a calidade e a cooperación con todo o mundo. E que non estea supeditada aos intereses do mercado, senón orientada á formación de persoas creativas e críticas cunha elevada formación cultural e profesional, como mellor garantía para impulsar un desenvolvemento social e ecoloxicamente sostible que posibilite unha saída real da crise.
- Esiximos financiamento público suficiente non só para acometer realmente as transformacións pedagóxicas e curriculares necesarias, senón sobre todo para garantir un sistema de becas-salario e axudas ao estudo que faga realidade a “dimensión social” da educación superior, asegurando que todo estudante poida completar todos os estudos superiores sen obstáculos derivados da súa orixe socioeconómica. Para iso requírese incrementar os fondos destinados ás universidades públicas ata alcanzar o 2% do PIB.
- Rexeitamos toda pretensión de mercantilizar a educación superior, xa sexa facendo descansar o seu financiamento nas “achegas” de empresas privadas, ou mediante a apropiación privada dos recursos públicos, a través de mecanismos como las “spin-off” (transferencias da investigación con fondos públicos á empresa privada) que tan ben coñece e alenta a Sra. Garmendia.
- Compartimos a reivindicación de distintos estamentos universitarios que piden a paralización das reformas en marcha ata que unha verdadeira discusión pública esclareza o seu sentido xeral e o seu contido preciso.
Por todo iso, e en consonancia co amplo traballo político e social realizado polos mozos e mozas de EU no seo do movemento estudantil, convocamos á sociedade en xeral a participar activamente nas mobilizacións contra a implantación do proceso de Boloña, e de xeito especial a apoiar a folga e manifestacións do próximo 12 de marzo.
Por unha Universidade pública, gratuita e democrática ao servizo do coñecemento e das necesidades sociais.
Contra toda forma de mercantilización da educación superior.
Por un debate aberto e participativo sobre a reforma universitaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario