martes, 24 de marzo de 2009

O Grove 1979-2009. 30 anos de concellos democráticos

Prensa:
O Grove 1979-2009. 30 anos de concellos democráticos
O Grove 1979-2009, 30 anos de Concellos Democráticos, é o epígrafe elixido pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica O Grove, para a celebración de diversos actos conmemorativos deste 30 aniversario, que se desenvolverán no Grove entre o 3 e 18 de abril.
Texto: L. Prieto | Fotos: J.L. Oubiña

O presidente da asociación, Xan Caneda, acompañado do secretario da mesma, Xesús María González, presentaron o programa a desenvolver a comezos do vindeiro mes de abril.
O primeiro dos actos será a presentación do libro homenaxe a Anxo Guerreiro (Geluco), na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, o venres 3 de abril ás 20.00 horas, na que participaran Xaquín Álvarez Corbacho, Víctor Santidrián, Xosé María Mourelos e Xan Caneda.
Exposición e mesa redonda
O 4 de abril será inaugurada a mostra O Grove 1979, 30 anos de Concello Democrático, que recolle en paneis de gran formato documentos e fotografías de ese ano, tanto referidos á política como á vida social ou ao deporte da vila do Grove recollidos pola entidade. Esta exposición poderase ver durante todo o mes na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey.
Despois do acto de inauguración celebrarase a mesa redonda A primeira Corporación Democrática: 1979, na que intervirán Xaquín Álvarez Corbacho, Miguel Taboada de Santiago, Jesús González Otero e Xosé Fuentes Castro, e que estará moderada por Xosé Avelino Ochoa Gondar.
Cea-baile
Como remate das actividades a ARMH celebrará o sábado 18 de abril, unha “cea-baile republicana” de confraternidade no Hotel Mar del Norte a partir das 21.30 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario