O 14 de abril de 1931 a ilusión comezaba a abrirse paso nunha España caduca, dominada polas estruturas caciquís, pola incontestable intromisión dunha Igrexa Católica ben apoiada unha clase dirixente e elitista acomodada, por un exército corporatista e intervencionista, que un ano antes, en 1930, amosara a súa preferencia pola Monarquía e que reflictiría no 36 o seu verdadeiro carácter ao apoiar o golpe de estado.
No entanto, as ilusións, e tamén a lóxica inexperiencia, deberían lidiar con esas estruturas. Ese é o grande problema: Chávez o sabe; Morales tamén; e por suposto, sabíao Salvador Allende. Cada vez que un programa de esquerdas se asoma na area política, as inercias da dereita controlan cáseque por norma (Don Diñeiro manda) o aparato de propaganda e de manipulación, o que se dá en chamar hoxe Falsimedia, e ofrecen unha realidade ben distinta da que acontece, esaxerando acontecementos ou simplemente inventando outros para incidir nunha poboación aínda non formada como cidadanía crítica. Iso mesmo aconteceu na II República, unha vez promulgada.
O 14 de abril de 1931, en canto se soubo que se proclamaba por segunda vez na súa historia a República, bandeiras e mans festivas erguían exultantes, na meirande parte das prazas de vilas e pobos, toda a esperanza de cambiar esa odiosa sensación de asulagamento moral e físico que os viña acompañado desde o fracaso da I República. Dous días antes, nas eleccións municipais do 12 de abril, xa se deixara entrever ese crecente desexo de transformar o decorrer da historia. En efecto, 41 das 50 capitais de provincia foran gañadas polos republicanos e socialistas. Como din algúns estudosos, ese día xa se comprobou que a Monarquía procedente da Restauración caía derrotada. O 14 de abril acelerouse a súa decrepitude e desaparición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario