A saúde mental das persoas nun mundo dominado polo capitalismo salvaxe
Para Esquerda Unida é altamente significativo que organismos internacionais como a OMS e a UNESCO soliciten medidas estruturais que recoñezan e adecuen os coidados da saúde, introducindo o parámetro da influenza cultural e a diversidade humana. Nos contextos actuais, de fortes migracións a nivel planetario, esta recomendación é, desde logo, de vital importancia, xa que ao síndrome de Ulises, de por si importante, que sinala a desposesión, a ruptura entre un antes e un despois, súmase o trato de fronteira, as dificultades da viaxe, etc, que derivan, ou poden derivar, nun cadro de enfermidades que debilitan a saúde mental das persoas. As guerras, os conflitos bélicos, as loitas do corpo humano para sobrevivir rematan por pasar factura.
Todo isto acontece nun contexto de capitalismo salvaxe. A interacción de factores biolóxicos, psicolóxicos e sociais é determinante na conformación da saúde mental das persoas. Aí, o sistema de vida que establece o capitalismo activa todas as condicións para caer na rede, tanto no mundo rico coma no pobre: baixas laborais, aumento do gasto en ansiolíticos e antidepresivos, aumento do consumo de todo tipo de drogas, de condutas suicidas, de consultas de saúde mental e enfermidades psicosomáticas. Maior riqueza non significa, xa que logo, aumento de benestar nin máis xustiza social. O neoliberalismo esnaquizou os valores da solidariedade e foi substituída por contratos mercantís e publicidade mediática. Os lazos humanos son máis fráxiles, hai máis incomunicación.
Máis aló do significativo que é un Día no que se chama a atención sobre un feito en particular, a Saúde Mental é, hoxe, tanto a nivel do Estado español como a nivel da Nación galega, unha das deficiencias estruturais máis graves do noso sistema público de saúde. Vivimos dando as costas aos padecementos de milleiros de persoas no noso país. Persoas que viven entre rexas, afastados de seres queridos. Os datos son elocuentes e deben espertar a acción inmediata das autoridades competentes para achegar unha solución. No VI Congreso Nacional de Sanidade Penitenciaria, organizado pola Sociedade Española de Sanidade Penitenciaria (novembro de 2006), denúnciase que o 8% da poboación reclusa (65.066 persoas presas no 2006) padece unha enfermidade grave e que o 40% ten trastornos mentais e de personalidade. E mesmo existe o dato terriblemente abraiante de que nos cárceres españoles hai máis de 700 persoas con discapacidade mental, 200 delas con máis dun 65% de discapacidade). Como é por que estas persoas non están onde deberían recibir unha atención médica digna dese nome? Poderán estas persoas, e nestas condicións avanzar na súa autonomía persoal? Poden rehabilitarse así?
Mesmo, á hora das detencións cabe preguntarse se os axentes da autoridade competente teñen protocolos de actuación destinados a minimizar as detencións pola forza. Os problemas de saúde mental convértense así nun problema de orde pública desmesurado e resolto con medidas, ás veces, desproporcionadas.
O cárcere convértese no espazo onde van a parar as persoas enfermas, con problemas de saúde mental, algúns deles grave. Precisamos e demandamos políticas sociais valentes e urxentes: a rede de servizos de saude mental pública é claramente deficitaria. Faltan centros especializados: mesmo familias afectadas, que requirían para un membro da súa familia un ingreso hospitalario de longa duración, víronse con moitos atrancos para conseguilo. A falta de centros especializados, polo tanto, o cárcere, e mesmo as familias, que se ven entón sometidas a unha verdadeira desesperanza entre o coidado do ser ao que queren e a imposibilidade por darlle o tratamento especializado que require. Un inferno en vida.
Esquerda Unida reclama máis recursos públicos: pisos asistidos para enfermos crónicos, servizos de atención domiciliaria, máis equipos psicoterapéuticos, máis centros rehabilitadores, máis centros de respiro familiar e máis servizos de einserción sociolaboral.
Da Lei de Dependencia fálase moito, pero aínda está todo por facer e as familias gardan impacientes. Ollamos mesmo como unha mocidade formada en psicoloxía línica está emigrando de Galicia por carencia de prazas públicas no sistema de añude galego. Cando frearemos esta fuxida de persoas, sobradamente preparado para afrontar os retos da saúde mental do século XXI?
As administracións Públicas deben velar polo noso dereito á saúde. Teñen a obriga, e nós, ante as graves carencias estruturais a obriga de insistir, hoxe, o 10 e outubro, o día que se dedica á Saúde Mental, e todos os días do ano, que aínda non fixeron todo o que deberan para preservar o noso dereito á saúde.
Santiago, 10 de outubro de 2007
Ningún comentario:
Publicar un comentario