Esquerda Unida – Esquerda do Grove presentamos no último Pleno Municipal unha Moción na que se instaba ao Grupo de Goberno a presentar un informe sobre o grao de cumprimento das distintas Mocións aprobadas na última lexislatura nun prazo máximo de dous meses, e na que ademais se pedía ao mesmo que dera os pasos necesarios para dar fin a todas aquelas ás que aínda non se tivese chegado a dito estado, de xeito que fosen postas en marcha de maneira inmediata.
Os dous meses de prazo máximo expiraron esta semana, e desde o noso Grupo Municipal agardamos con impaciencia dito informe para coñecer de primeira man os froitos do noso traballo e dos distintos grupos municipais, e tamén como información á cidadanía que debe e merece ser informada do traballo realizado polos seus representantes.
Para Esquerda Unida – Esquerda do Grove a información e a participación cidadán son piares fundamentais dunha democracia sana e moderna, polo que insistimos sempre nestes puntos, que son unha base importante do noso programa electoral que presentaremos ante os veciños e veciñas do noso municipio para as xa cercanas eleccións municipais. Para nós, rendir contas ante a cidadanía non é soamente recomendábel senón tamén necesario para unha democracia saudábel.
Ningún comentario:
Publicar un comentario