venres, 20 de abril de 2007

Ás voltas co Tiro a Pichón

Desde Esquerda Unida – Esquerda do Grove queremos congratularnos pola unión vivida onte das organizacións sociais deste Concello en prol dun problema social como era a cancelación do Campionato de Tiro ao pichón, que finalmente se celebrará este ano.

Onte, traballadores (representados polos distintos comités de empresa), empresarios (das distintas organizacións) e partidos políticos asinamos un documento polo que pedíamos unha moratoria ao campionato sempre dentro da legalidade.
Mais desde EU – EdG sentímonos tristes pola falla de dous grupos políticos, PSOE e BNG. O PSOE, liderado polo seu candidato, desmarcouse deste fronte común para vender xestión ante protesta, unha protesta que non existiu, senón que foi unha proposta. O señor Cacabelos tentou anotarse puntos para si xogando co que nós pensamos era información privilexiada, rompendo o consenso social en prol dunha publicidade propia, feito que criticamos desde a nosa postura de esquerdas.
O BNG pola súa parte escusouse con que era un problema da empresa. Para o BNG os problemas sociais son privados. Nós pensamos que deberían ter estado na reunión aínda que fose para expresar a súa postura en contra do documento.
Por outra banda, resaltar a falla total de planificación turística no noso Concello. Se se cancelase o tiro ao pichón, quedaríamos “en bragas”. Isto é debido a unha nefasta xestión turística do Concello durante os últimos anos, que nós calificamos como inexistente, e pola cal estamos a pagar as consecuencias: turismo estacionalizado, precariedade laboral, salarios baixos…
Desde EU – EdG pensamos que é necesario abrir un diálogo social coas partes implicadas neste caso no sector turístico para entre todos buscar alternativas que den un pulo a tan importante fonte de ingresos no noso municipio. É necesario impulsar o Consello Económico e Social e apostar pola democracia participativa para deste xeito atopar solucións e alternativas aos problemas que van xurdindo día a día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario