13 maio 2018

EU pide a renovación da deteriorada sinalización viaria do Bao

O grupo municipal rexistra unha solicitude para que o Concello inste á Xunta a actuar

O Grove, 12 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida  ven de rexistrar unha solicitude para que o Concello do Grove inste á Consellería de Infraestruturas e Vivenda a repoñer a deteriorada sinalización da estrada de acceso ao municipio. A formación tamén reclama que a Xunta proceda ao pintado da PO-316. E é que a delimitación dos carrís do vial do istmo resulta dificilmente visible para os condutores, sobre todo durante a noite; dando lugar a unha situación na que a mala imaxe pola escasa lexibilidade dos indicadores se mestura coa inseguridade viaria.

Coa tempada alta a piques de comezar, Esquerda Unida considera primordial que o goberno galego faga os deberes e asuma a parte que lle toca para conseguir que O Grove ofreza unha imaxe acorde ao municipio de alta afluencia turística que é. Concretamente a formación refírese á estrada de titularidade autonómica do Bao. Un acceso que é carta de presentación; pois constitúe a primeira imaxe da localidade que ven os que chegan de fóra. E que, neste momento, non luce como debera.

Juan Lamelas e José Antonio Otero queren que o goberno local se dirixa ao executivo autonómico para reclamar a renovación dunha serie de sinais que se atopan nun avanzado estado de deterioro e, polo mesmo, resultan dificilmente lexibles; nalgúns casos a causa da ferruxe ou o desgaste habitual polo paso do tempo, e noutras polas pintadas que os recobren. “Isto impide a sua correcta visualización por parte dos condutores; ademais da mala imaxe que proporciona a un concello como o noso, que ten no turismo unha das fontes económicas máis importantes. Sumado a isto, e tendo en conta que a maioría son sinais indicadores de dirección, estamos ante unha falta de información importante nun municipio das nosas características”, destacan os edís.
Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove




11 maio 2018

Campaña de afiliación “O noso Manual para cambiar o mundo”



O noso manual para cambiar o mundo é o lema da campaña de afiliación coa que te animamos a participar activamente para camiñar e chegar lonxe, facendo real a igualdade e a xustiza social.

Ante unha realidade inxusta que se impón no día a día, temos por diante moito traballo para rachar con este sistema e acadar:

Un país libre de precariedade.
A fin do patriarcado en todas as súas expresións.
Novas políticas que melloren a nosa calidade de vida e que procuren una desenvolvemento sostible.
Unha economía ao servizo do pobo e non duns poucos.

Anímate e participa na construción dende a esquerda. Son moitas as maneiras coas que podes axudarnos a mellorar para traballar con diferentes ferramentas:

-      Dende as rúas e as institucións. Somos miles de persoas as que nos mobilizamos pola defensa e recuperación dos dereitos básicos.

-   Dende os centros de traballo e nos barrios. Porque a organización é unha ferramenta revolucionaria.

-   Dende as áreas e espazos de traballo colectivo: Formámonos porque o coñecemento é a chave para derrocar este sistema artellado contra a maioría social.

E co conflito como motor de cambio.

E porque temos un proxecto no que a pluralidade é un valor fundamental, queremos contar contigo!

Podes afiliarte:

Inscribirte como simpatizante:

Ou achegarte ao noso local
Rúa Luís Casais, 11 baixo os mércores a partir das 20.30 h.

E formar parte da nosa organización para comezar a andaina ao noso carón.


O Mundo que queremos

A democracia é que sexa o pobo quen tome as decisións que concernen á súa vida.

Non pode haber democracia sen feminismo; sen soberanía dos pobos que conforman o Estado español; sen economía ao servizo da clase obreira; sen coidar o noso entorno.

O mundo que queremos é un reflexo da nosa identidade:

Feministas
Un mundo sen patriarcado para ser persoas libres. Onde mulleres e homes teñan os mesmos dereitos. Onde a sexualidade de cadaquén sexa respeitada e nunca coartada. Onde podamos elixir ser quen e como queiramos ser.

Republicanas
Defendemos unha república federal que devolva a soberanía aos pobos do Estado; que respete as identidades nacionais e que asegure o dere­ito de autodeterminación. Desmontar o sistema monárquico é tamén rachar co réxime do 78.

Socialistas
Só pode ser xusto un sistema económico que se base no benestar social e non no beneficio persoal. Porque só cunha economía socialista poderemos rachar con todas as desigualdades, destruír o sistema de clases e ter unha plena democracia.

Ecoloxistas
Coidar o noso planeta é asegurar un futuro para a humanidade, pero tamén é respectar a natureza e defender os dereitos dos animais. É entender que o mundo en que vivimos ten recursos limitados e que debemos procurar un desenvolvemento social sostible.

10 maio 2018

EU volve reclamar a paralización do cobro polas pistas de pádel ata que a tarifa correspondente entre en vigor

Foto: Facebook Concello do Grove

A formación critica a incompetencia e a fuxida cara adiante do goberno local; que agora aplica unha tarifa que tampouco se axusta ao contido da ordenanza vixente  

O Grove, 9 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida volve reclamar a paralización do cobro polo uso das pistas de pádel do Monte da Vila e a devolución dos importes cobrados dende o 23 de abril ata agora. A formación critica a actitude do goberno local; que ten optado, nunha inexplicable fuxida cara adiante, por aplicar unha nova tarifa que tampouco se axusta á realidade da ordenanza vixente.

No último pleno, e despois de rexistrar unha solicitude en referencia a este asunto, Esquerda Unida denunciou o cobro ilegal de tarifas inventadas polo uso das pistas de pádel anexas ao pavillón de deportes do Monte da Vila. E é que, como xa se explicou, os prezos aprobados polo pleno para estas novas instalacións atópanse aínda en fase de exposición pública e non entrarán en vigor, cando menos, ata o día 25 deste mes.

Lonxe de recoñecer o seu erro, o goberno local ten optado por aplicar unha nova tarifa de 15 euros igualmente inaxeitada. Feito do que o executivo de Cacabelos ten tentado culpabilizar á formación esquerdista. “Quen decidiu aplicar esta tarifa de quince euros por hora e media de uso foi o goberno; o mesmo que antes optara por cobrar de forma fraudulenta antes da entrada en vigor da nova taxa”, asevera EU. Que insiste en destacar que a súa aposta segue a ser pola paralización do cobro e a devolución do recadado ata o de agora por este concepto.

Esquerda Unida lembra que o concelleiro de Deportes “dixo en varias ocasións que as pistas ían ser de uso gratuíto mentres non entrase en vigor a necesaria modificación da ordenanza municipal. Pero, en lugar de facelo así deciden continuar co cobro; agora aplicando unha interpretación inexacta da Ordenanza reguladora da taxa pola utilización e aproveitamento das instalacións deportivas municipais”.

E é que, tal e como explica EU, a normativa actual contempla o cobro de 10 euros por hora de uso para pavillóns municipais. É dicir, para a instalación completa. “O caso das pistas de pádel ten unha peculiaridade, e é que se cobra por pista, non pola instalación completa. Polo que a ordenanza vixente non é aplicable”.

Incapaz de recoñecer o seu erro, o goberno local aplica agora unha tarifa de 15 euros por hora e media polo uso de tan só un tercio das novas instalacións”. Unha interpretación totalmente improcedente da normativa vixente, que implica un sobrecusto de 20 euros por hora. “É curioso que pretenda crucificarse a quen


denuncia unha ilegalidade e non a quen a comete”, indican os esquerdistas, que  volven reclamar a paralización de calquera cobro ata a entrada en vigor da nova taxa. “Son un goberno sen palabra, sen autocrítica e sen vergoña”, sentencia EU.


Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

06 maio 2018

EU denuncia o cobro arbitrario de tarifas inexistentes para as pistas de pádel


A pesar de que a ordenanza que regula o prezo de uso destas instalacións deportivas aínda non entrou en vigor, hai semanas que xa se cobra aos usuarios

Os prezos que están a aplicarse non se corresponden cos recollidos na ordenanza que foi aprobada en pleno

Foto: facebook Concello do Grove

O Grove, 5 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia o cobro ilegal de tarifas inventadas polo uso das novas pistas de pádel anexas ao pavillón de deportes do Monte da Vila. A formación ven de rexistrar unha solicitude na que insta ao Concello a reembolsar os importes indebidamente ingresados por este concepto nas últimas semanas. E é que, a pesar de que a ordenanza que regula o prezo destas instalacións aínda non entrou en vigor, estanse a aplicar unhas tarifas que, para maior gravidade, nen tan sequera coinciden coas aprobadas en pleno.

“Estase vulnerando a lei ao aplicar unha taxa que non está en vigor, así como uns bonos que nada teñen que ver co aprobado en pleno”. Así o explica o edil José Antonio Otero, que denuncia a total arbitrariedade do goberno local en relación a un asunto da maior gravidade, ante o que deberan tomarse as medidas oportunas. EU entende que un proceder coma este non pode ter cabida no seo dunha administración pública, e esixe que se depuren as responsabilidades pertinentes. 
                                     
O 26 de marzo a corporación aprobou inicialmente a modificación da Ordenanza reguladora da taxa pola utilización e aproveitamento das instalacións deportivas municipais. Un cambio que o goberno local levou a pleno, precisamente, co obxectivo de incluír nese documento fiscal os prezos das novas pistas de pádel. Pero a nomeada modificación atópase aínda en período de exposición pública, e non entrará en vigor ata o 25 deste mes de maio (sempre e cando non se presenten alegacións, caso no que esa data se vería atrasada).

A ordenanza contempla unha taxa de 10 euros por hora e media de uso das nomeadas pistas en horario de mañá (de 9 a 15 horas); e de 12 euros polo mesmo tempo en horario de tarde (de 15 a 22:30). Así como dous bonos: un de 5 sesións para ser usado durante as mañás, a 40 euros; e outro de 50 euros para as tardes.

Se ben os prezos das sesións individuais que están a aplicarse si coinciden cos recollidos no documento fiscal municipal; non acontece así cos bonos. E é que, xa dende o pasado 23 de abril, o Concello oferta un bono de dez partidas a 25 euros; e outro de 40 a 100 euros, ambos para ser utilizados en calquera franxa horaria. Ademais, están a aplicarse bonificacións nas cargas realizadas no moedeiro da aplicación utilizada para a reserva das pistas; cuestión que tampouco se estipula na nomeada ordenanza.

Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove

04 maio 2018

O Pleno aproba por unanimidade a moción de EU para lograr unha vila segura para as mulleres

O pleno da corporación apoiou, este xoves, de maneira unánime a moción do Grupo Municipal de Esquerda Unida encamiñada a lograr unha vila segura para as mulleres, segura para todas as persoas. 

Comunicado Prensa da proposta de moción

EU propón medidas para facer do Grove un espazo seguro para as mulleres e libre de violencias machistas 

Ve necesario elaborar un mapa de puntos negros que, por ubicación ou falta de iluminación, poden resultar especialmente ameazantes para as mulleres  soas

Aposta por crear espazos seguros nas festas; e por dar formación específica en materia de igualdade ao persoal de Emerxencias e da Policía Local 

O Grove, 3 de maio de 2018.- O grupo municipal de Esquerda Unida quere que o municipio do Grove no seu conxunto se converta nun espazo seguro e libre de violencias machistas. Por ese motivo, a formación á que representan Juan Lamelas e José Antonio Otero ten dado forma a unha moción a través da que EU instará á corporación a impulsar medidas, en colaboración co CIM e co Consello Local de Igualdade, que o fagan posible.  Sobre a mesa está a eliminación dos puntos negros que poidan ser considerados especialmente perigosos ou ameazantes para as mulleres que transitan soas; a formación específica en igualdade para que Policía Local e Servizo Municipal de Emerxencias dispoñan das ferramentas para actuar axeitadamente ante un episodio de violencia de xénero; e a creación de espazos seguros non mixtos nas festas e celebracións máis multitudinarias.

Nos últimos anos tense elaborado colectivamente un mapa de agresións sexuais en Galicia. Un traballo pensado para identificar e localizar de xeito claro as zonas que poden resultar máis perigosas para as mulleres; e que Esquerda Unida quere empregar como referente para dar forma a unha ferramenta similar no ámbito municipal.

“No Grove existen algúns puntos negros onde a falta de luz, as características da vía ou mesmo a configuración natural da zona provocan que as veciñas non transiten tranquilas, e que o resto da cidadanía evite pasar por elas a determinadas horas”. Así o explican os edís esquerdistas, que ven fundamental que o Concello vaia da man de colectivos culturais, xuvenís e deportivos; así como da comunidade educativa; para realizar este traballo. Ademais, EU reclama que o Concello habilite as partidas orzamentarias necesarias para atallar as problemáticas específicas que incrementen a sensación de inseguridade, como a mala iluminación. E tamén que se inste ás administración competentes a facer o propio nos entornos que sexan identificados como especialmente hostís, e que non sexan de titularidade municipal.

“Debemos construír unha vila accesible e sen barreiras, amable e priorizando os espazos para o encontro”. Así o explica EU, que cre que isto non pode ser posible sen “incorporar a perspectiva das mulleres”. Nese senso, a formación ve fundamental que nas festas locais e grandes espectáculos (“momentos que poden resultar especialmente conflitivos debido á elevada concentración de xente e ao consumo de alcol”) existan espazos seguros debidamente sinalizados, dotados de protocolos de atención especializados e de persoal debidamente formado que asista ás mulleres e rapazas novas que poidan atoparse nunha situación de vulnerabilidade.

EU destaca ademais o feito de que “para asegurar a integridade das mulleres e ofrecerlles unha atención axeitada en cada situación de violencia, debemos contar cunhas forzas de seguridade que teñan unha axeitada formación en igualdade”. Por ese motivo, reclaman a posta en marcha dun Plan de Formación en Igualdade para Policía Local e Servizo Municipal de Emerxencias. 

Área de Comunicación
Esquerda Unida O Grove 

[descargar moción]