Lembran que a convocatoria dos Consellos Locais de Turismo, Deportes, Igualdade e Cultura e Patrimonio está dentro dun dos acordos asinados para o pleno de órganos e que, cando menos, estes teñen que reunirse para renovar os membros tralo inicio do novo mandato.
Indican que aínda que o prazo remata a finais de outubro, queren que se acelere a convocatoria do CLT, para tratar a inminente Festa do Marisco, e do CLD, para coñecer o estado das bases das subvencións deportivas.
O Grove, 15 de setembro de 2023.- O grupo municipal de Esquerda Unida emitiu hoxe un comunicado no que pide ao goberno municipal que non demore a convocatoria dos diferentes consellos sectoriais pois, ademais de ser o normal tralo arranque do novo “curso político”, é un compromiso dentro dos acordos que o grupo de esquerdas asinou co PSOE antes do pleno de órganos.
Os consellos sectoriais en cuestión, nomeadamente o Consello Local de Turismo, o Consello Local de Deportes, o Consello Local de Igualdade e o Consello Local de Cultura e Patrimonio, deben realizar, polo menos, a súa primeira reunión para a renovación dos seus membros, tal e como establece o inicio do novo mandato, e comezar así o traballo que encomende cada un deles.
A pesar de que o acordo marcaba como data límite o 31 de outubro, Esquerda Unida expresou a súa preocupación debido a un retraso perceptible na convocatoria destas reunións, das que os esquerdistas fan fincapé nas relativas a turismo e a deportes.
Sobre a de turismo, lembran que o pasado 30 de agosto, o seu grupo solicitou un encontro do Consello Local de Turismo co propósito de obter información sobre os avances relacionados coa Festa do Marisco que comeza o vindeiro 5 de outubro. E seguen incidindo na mesma pois, aínda que neste tempo xa se puxeron en marcha algunhas licitacións, consideran que hai varios aspectos que tratar. Esquerda Unida tamén expresou o seu interese en coñecer se se implementarán algunhas das súas propostas relacionadas coa accesibilidade e a seguridade nesta celebración, pero sobre todo, o que queren é que todos os membros do CLT poidan participar na organización do evento gastronómico máis importante de Galicia.
En relación co Consello Local de Deportes, Esquerda Unida subliñou a importancia de poñelo en marcha o antes posible para avaliar diversos aspectos no ámbito deportivo, pero principalmente para coñecer no punto en que se atopan as bases para a concesión de subvencións aos clubs, que a día de hoxe seguen sen ser publicadas, ocasionando problemas para os clubs deportivos do Grove, tal e como denunciaron o pasado 6 de setembro.
Deste xeito, Esquerda Unida insta ao goberno municipal a non demorar o cumprimento do acordo asinado e a convocar estas reunións sectoriais de forma inmediata para garantir unha xestión efectiva e transparente dos asuntos relacionados co turismo, o deporte, a igualdade e a cultura no Concello do Grove.
Ningún comentario:
Publicar un comentario