venres, 1 de setembro de 2023

EU demanda explicacións pola suba dos prezos da Escola de Música Municipal

 

Logo de ter acceso ao expediente, requiren explicacións ao considerar que existen aspectos dubidosos na xustificación dun aumento por clase que vai dende os 10 aos 25 euros. Piden que executen un incremento menor.

Entre outros aspectos, contémplase unha suba do 37% por parte  da empresa que xestiona o servizo sen que no informe se xustifique. Solicitan ademais que aclaren de que forma se presta o servizo logo de ter rematado o contrato da licitación.

Critican que a escola municipal non se atope no rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia, perdendo a oportunidade de acceder ás subvencións da Xunta de Galicia para o seu financiamento.

O Grove, a 1 de setembro de 2023.- A finais de xullo, a xunta de goberno local, en base a unha memoria solicitada pola concelleira de educación, aprobou unha nova tarifa para a Escola de Música, cun aumento que oscila entre os 10 e os 25 euros en función do tipo de clase, e establécese unha matrícula de 15 euros. Unha medida que suscitou críticas entre as usuarias e usuarios do servizo, o que levou a Esquerda Unida a solicitar a devandita memoria co propósito de esclarecer un incremento que o goberno alegou debido ao déficit que presentaba o servizo ante a falta de actualización nos 10 último anos. Pero para o grupo que encabeza José Antonio Otero no informe existen varios puntos que consideran dubidosos, polo que esixen aclaracións. 

Un dos puntos que chamou a atención dos esquerdistas é relativo ao incremento en máis dun 37% que, para este curso, contempla a empresa encargada da xestión do servizo, o que supón un gasto a maiores de 23.000€ en relación ao curso pasado. Un aumento que Esquerda Unida, á vista dos datos ofrecidos na memoria, considera “excesivo e inxustificable, pois non se especifica detalladamente a que atende”. Así mesmo, preguntan de que xeito se está prestando o servizo, pois “a adxudicación era por un curso escolar, sen posibilidade de prórroga, e este rematou o pasado mes de xuño, o que nos fai sospeitar que este servizo estea funcionando de forma irregular, ao igual que sucede co de Axuda no Fogar ou o de Limpeza de Edificios Públicos”, manifesta Otero. 

Por outro lado, dende Esquerda Unida manifestan que a memoria contempla nos apartado de gastos do curso 2022-23 un desembolso de 2.160,05€ pola compra de instrumentos, cando na adxudicación establecía que o xestor do servizo debía ofrecer estes materiais. Un punto que levanta interrogantes na formación de esquerdas, que tampouco entenden como se volve reflectir ese mesmo gasto na previsión do presente curso. 

Outro dos temas para o que piden aclaracións é relativo a un dos puntos da memoria que trata sobre as actuacións realizadas pola Escola de Música e os gastos de desprazamento que tivo que asumir o concello pois, segundo indica Otero “non se indica o número total de actuacións e cales correron a cargo da empresa adxudicataria en base á oferta da licitación e a táboa de gastos tampouco contempla estes conceptos”.

Dende Esquerda Unida esixen ao goberno unha maior transparencia neste asunto. Coa información da que dispoñen, consideran que non hai xustificación abonda para este aumento das tarifas, polo que agardan unha explicación por parte do executivo local. Aínda recoñecendo a necesidade de axustar as taxas despois dunha década sen cambios, critican a magnitude do aumento e entenden o enfado das usuarias e usuarios polo que tamén solicitan ao goberno que execute un incremento menor para este curso e vaia axustando a taxa de forma gradual nos vindeiros exercicios.

Por último, a formación de esquerdas critica que logo de 10 anos de funcionamento da Escola de Música, a día de hoxe esta non estea inscrita no Rexistro de Escolas de Música e Danza de Galicia, ocasionando que non se poida acceder ás axudas, de ata 9.000 € que cada ano ofrece a Xunta de Galicia para o seu financiamento. Xa perdida a deste ano, piden que se faga canto antes ese trámite de inscrición para poder acceder á vindeira convocatoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario