O Grove, 2 de agosto de 2023. O pasado mércores, os concelleiros de Esquerda Unida, José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, reuníronse co concelleiro delegado de Limpeza, Mantemento de Espazos Públicos e Mercado, Juan Ramón Outeda, co propósito de coñecer de primeira man a situación na que se atopan os servizos tanto o de limpeza como o de mantemento dos parques e outros espazos públicos, xa que nos últimos meses están recibindo numerosas críticas veciñais. Así mesmo, os esquerdistas aproveitaron a xuntanza para trasladar unha serie de propostas de actuación nos diferentes ámbitos.
En canto ao servizo de limpeza, dende Esquerda Unida solicitaron o de limpeza que realizan os operarios municipais durante a semana, “para coñecer a cobertura que este servizo está prestando ao municipio, pois son numerosas as queixas veciñais indicando que as súas rúas non están sendo visitadas polos varredores”, indica Otero. Logo de finalizar o proceso de estabilización, no servizo de limpeza incorporáronse 10 operarios pero, tal e como lles confirmou o concelleiro delegado, tan só 6 están destinados á limpeza de rúas, unha cifra que os concelleiros de Esquerda Unida consideran insuficiente, polo que pediron que se procurase o incremento de persoal nesta área.
A falta de recibir e revisar o plan de traballo que están realizando os varredores, dende Esquerda Unida propuxeron que se procurase o desvío puntual de algún dos operarios da zona do casco urbano a outras rúas e barrios máis esquecidos. Ademais, tras confirmar a incorporación de persoal para desbrozar, insistiron na limpeza inmediata dos beirais de diferentes rúas e que se continuase co traballo iniciado nos barrios co propósito de eliminar canto antes a maleza existente. Otero, Millán e Meis lembran que estas cuestións estaban incluídas no acordo do pleno de órganos e que “tendo en conta que xa deberían ter feito este traballo hai varios meses, ollamos como dende a sinatura do acordo foron realizando esa limpeza de maleza, tanto nas rúas como nos barrios. Aínda así, insistimos en que aínda quedan moitas zonas nas que é preciso actuar de inmediato”.
Por outro lado, dende o grupo municipal, tamén en base ao acordo alcanzado, quixeron coñecer a situación na que se atopa o mantemento dos parques infantís e insistiron na urxencia á hora de dar solución ao arranxo dos diferentes elementos que se atopan deteriorados, “pois estamos nunha época na que a demanda é moito maior debido ao bo tempo e ao período vacacional”, recalca o voceiro esquerdista, que tamén reiterou a necesidade de executar canto antes a mellora do firme exterior do parque de Terra de Porto, “xa que temos constancia de varias persoas, pequenas e maiores, que debido ao estado do firme sufriron caídas de diferente gravidade, polo que é preciso tomar cartas no asunto o máis axiña posible”.
Otero, Millán e Meis tamén solicitaron a limpeza habitual nos arredores dos colectores de lixo, “sobre todo os que se atopan nas zonas próximas a locais de hostalería, xa que adoitan estar graxentos e provocar malos cheiros, máxime nesta época estival”. Outra das demandas foi relativa á posibilidade de reformar a vella depuradora do Corgo, que é utilizada polos servicios de xardinería e limpeza, co propósito de mellorar o espazo de almacenaxe e traballo para os operarios municipais. Por último, dende Esquerda Unida pediron que se procurase a vixilancia da parte traseira da Lonxa nas xornadas de mercadillo, “pois debido ao mal estacionamento de moitos usuarios, a estrada, que se convirte na única opción de circulación, queda reducido a un só carril, provocando enormes atascos e inconvenientes para os vehículos que se ven obrigados a transitar por esa zona”.
O concelleiros do grupo municipal de Esquerda Unida, José Antonio Otero, Susana Millán e Anxo Meis, valoraron positivamente a xuntanza co concelleiro de Limpeza, Mercado e Mantemento de Espazos Públicos, “pois púxonos ao día sobre a situación das súas áreas, resolveunos as dúbidas e acolleu con gratitude as propostas que lle trasladamos”. Así, indicaron que este é o inicio dunha serie de xuntanzas cos diferentes concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, “pois cremos que é o mellor modo de coñecer a situación das súas áreas, se é o caso, mostrar o noso desacordo co traballo que se realiza e, sobre todo, trasladar directamente as propostas do noso programa co propósito de mellorar os servizos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario