O Grove, a 12 de agosto de 2023.- A principios de semana, o Alcalde do Grove facía unhas declaracións sobre a necesidade de crear unha taxa turística no concello grovense a raíz das noticias sobre a aplicación da mesma na capital galega. Afirmaba que en moitas cidades españolas e europeas xa se aplica este tipo de taxa e que estaba valorando a aplicación no Grove. Unhas palabras que Esquerda Unida considera "desproporcionadas e unha burla".
Para a concelleira e responsable de turismo da agrupación esquerdista, Susana Millán, “querer comparar a nosa vila con urbes que ofrecen aos visitantes servizos que aquí nin se abordan, parécenos desproporcionado. Unhas vilas e cidades que contan durante todo o ano con transporte público, estacionamentos vixiados ou actividades de ocio, deportivas, culturais, congresos, exposicións,...”
Así, Esquerda Unida considera “unha burla que o Alcalde e o seu equipo de goberno cheguen a falar deste tipo de canon e menos dunha aplicación a curto ou medio prazo despois dos últimos catro anos de nula xestión turística que levou a O Grove a un estado de abandono que enfada por igual á veciñanza e aos turistas”.
Susana Millán opina que non se pode falar de taxa turística “mentres non exista consenso co sector e contemos con un Plan de Desenvolvemento Turístico, un departamento de turismo con persoal, unha oficina de turismo aberta durante todo o ano, unha páxina web de turismo actualizada, bolsas de estacionamento, unha ordenanza municipal actualizada que regule as terrazas, unha que regule as vivendas de uso turístico, o estacionamento de autocaravanas, os ruídos, as zonas de carga e descarga dos buses turísticos,...”.
Segundo Millán, “agora que xa estamos na metade do mes de Agosto e vendo como se preparou a nosa vila para a chegada do verán podemos afirmar que, outro ano máis, o que identifica a este goberno é a falta de previsión e interese polo sector turístico”. “Moitas das labores de mantemento, limpeza e desbroce, reparacións de infraestruturas, continúan pendentes. Incluso un dos servizos máis demando nos meses de verán como o de socorrismo nas praias, estivo a piques de desaparecer”, denuncia a esquerdista, que considera que o goberno municipal “non aposta polo sector turístico a pesar de presumir de que é un dos eixos económicos máis importantes da nosa vila, e a mostra está en que non existe unha liña real de traballo”.
Por estes motivos, dende Esquerda Unida ven a proposta de aplicación dunha taxa turística, como “unha burla e un afán meramente recaudatorio de Cacabelos” e instan ao Alcalde a “traballar para ofrecer primeiramente uns servizos de calidade ao nosos visitantes e logo poderemos ver de aplicar a taxa correspondente”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario