O día de hoxe, 14 de abril de 2021, é unha data importante para a cidadanía demócrata do noso país. Cúmprense 90 anos da proclamación da Segunda República, un proceso histórico que constituíu un avance incalculable en termos de democracia e xustiza social. O noso país segue tendo materias pendentes que non esquecemos, como o pleno recoñecemento de quen loitou pola liberdade e a democracia fronte ao fascismo, pero hoxe a República é sinónimo de futuro e esperanza. Futuro ante a decadencia dun réxime incapaz de satisfacer as súas propias expectativas e esperanza fronte ao odio de quen quere levarnos ao pasado e o medo aos avances de quen se conforma coa situación actual.
É o momento de traballar por un país republicano que poña a vida das familias traballadoras no centro. Para iso, é necesario construír un horizonte compartido entre todos e todas, debuxando un novo imaxinario transformador que se comprometa cos actuais retos sociais, culturais, políticos e institucionais. Falar de República é falar dun país ecoloxista, feminista e plural que fai da xustiza social a súa bandeira. Falar de República é falar de dereitos sociais e de condicións de vida dignas para a clase traballadora e os sectores populares. Falar de República é falar de xustiza, democracia e liberdade.
Loitamos por un país ecoloxista que aposte por un modelo económico responsable co medio ambiente e o planeta, un país feminista que acabe coa secuela do machismo e garanta igualdade na diversidade, e un país plural que vexa na súa complexidade cultural e nacional unha riqueza que debe ser coidada. Loitamos por un país con xustiza social no que os dereitos dos traballadores e as traballadoras estean por encima dos intereses das oligarquías afeitas a mandar sen presentarse ás eleccións.
O noso proxecto de país e modelo de Estado deben ser construídos de maneira participativa, pois a República é un proxecto popular de maiorías que conecta coas preocupacións cotiás da cidadanía. A monarquía carece de lexitimidade non só de orixe, senón pola súa corrupción e o seu papel estrutural como ligazón entre os poderes económicos e os poderes políticos e mediáticos. Monarquía é sinónimo de pasado e decadencia. Con todo, a República é un proxecto integral e renovador de país que abarca o conxunto de problemas, inxustizas e anhelos da cidadanía, máis aló do ámbito institucional. Desde estas coordenadas facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía demócrata e progresista para que se sume á construción colectiva do republicanismo.
Desde Esquerda Unida reafirmamos, nunha data tan importante para a tradición democrática e emancipatoria no noso país como a de hoxe, a nosa firme aposta por seguir construíndo, xuntos e xuntas, un país máis xusto, máis democrático e máis fraterno.
Por seguir construíndo, xuntos e xuntas, Horizonte República.
Ningún comentario:
Publicar un comentario