Unha das roturas da tubaxe na Lanzada. Captura vídeo Todogrove |
O
grupo municipal de Esquerda Unida someterá ao pleno, deste vindeiro luns 25 de
xaneiro, unha moción na que insta a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia a
redactar e presentar, o máis axiña posible, o proxecto de substitución da rede
de abastecemento que subministra a auga potable ao Concello do Grove así como a
que a administración autonómica comece a devandita obra neste 2021, asumindo o
custo total da mesma.
A
actual rede de abastecemento, que foi instalada a finais dos anos 80 ,atópase xa
no fin da súa vida útil, si ben a maior gravidade xurde no tramo que chega ao Concello
do Grove dende Vilalonga, pois a tubaxe atopase somerxida no mar e o deterioro que
sufre e aínda maior debido a corrosión das augas mariñas. Isto provocou numerosas
avarías nos últimos anos, a maioría no tramo da Lanzada, o que provoca que a
súa reparación sexa toda unha odisea, pois hai que agardar a que baixe a marea
para poder darlle solución, o que supón que a veciñanza do Grove poida ver restrinxido
o subministro de auga.
Esta
obra é unha prioridade para o Concello do Grove e a Mancomunidade do Salnés, e
xa no 2016 o daquela presidente do ente supramunicipal ten acadado o compromiso
con Augas de Galicia para a substitución da tubaxe. Pero a pesar dese
compromiso e do anunciado no 2018, no que prometían o proxecto e orzamento para
comezar a obra no 2019, a día de hoxe a obra segue sen proxecto e sen vistas de
que se execute a curto prazo.
Por
ese motivo, dende Esquerda Unida agardan que o Pleno aprobe por unanimidade a
solicitude a Augas de Galicia e á Xunta de Galicia para que o cambio da tubaxe
sexa unha realidade neste ano.
Moción íntegra:
PARA INSTAR A AUGAS
DE GALICIA A AFRONTAR A SUBSTITUCIÓN DA TUBAXE QUE SUBMINISTRA A AUGA POTABLE A
O GROVE
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O
Grove, ao igual que a maior parte da comarca do Salnés, recibe o subministro de
auga potable dos depósitos situados en Treviscoso (Vilanova de Arousa). As tubaxes foron
instaladas a finais dos 80, co que o período de vida útil das mesmas está a
piques de caducar se non o fixo xa. O problema máis grave xurde no tramo que
chega a O Grove dende Vilalonga, pois ven somerxido no mar, co que a vida útil
deste tramo viuse reducido de forma considerable debido a corrosión das augas
mariñas.
As
rupturas que ten sufrido a tubaxe neste tramo son numerosas nos últimos 5-6
anos, sobre todo no seu paso pola Lanzada. Tan só no 2020 contabilizáronse ao
menos 5 avarías no noso límite municipal, algunha das cales se produciron en
época estival. Traballar na súa reparación é toda unha odisea, pois é preciso
agardar á baixamar para realizar as tarefas precisas, o que pode provocar que O
Grove permaneza varias horas con restricións de auga ou mesmamente sen a
totalidade do subministro, dependendo da época do ano.
Cando
menos dende o 2016, o cambio da tubaxe que transcorre por debaixo do mar por
unha nova canalización por terra é unha prioridade para O Grove e a
Mancomunidade do Salnés. Son numerosas as publicacións onde o daquela
presidente do ente supramunicipal, Gonzalo Durán, consideraba esencial esta
obra e solicitaba a Augas de Galicia a súa prioritaria execución.
Tal
e como consta nas publicacións de varios medios de comunicación, en marzo do
2016, unha reunión entre Augas de Galicia e a Mancomunidade do Salnés finalizaba
co compromiso do ente dependente da Xunta de Galicia para mellorar a conexión
de auga co Grove. A obra estimábase naquel entón en preto dos 1,8 millóns de
euros. Dous anos despois, en abril de 2018, Augas de Galicia, que non cumprira
co anunciado no 2016, volvía adquirir un compromiso co noso concello, esta vez
para a redacción do proxecto da obra co propósito de concretar o orzamento real
da execución do cambio da tubaxe. Poucos meses despois, Augas de Galicia
dirixíase novamente á Mancomunidade do Salnés para indicarlle que o proxecto
estaría rematado a finais de ano e que as obras darían comezo no 2019, para
iso, os Orzamentos da Xunta de Galicia para ese 2019 incluirían unha partida
orzamentaria para a instalación da nova tubaxe. Finalmente non houbo proxecto e
os Orzamentos 2019 non incluíron nin un só euro para tal obra.
Van
aló preto de 6 anos dende ese primeiro compromiso de Augas de Galicia coa
Mancomunidade do Salnés para a substitución da tubaxe que subministra a auga
potable as veciñas e veciños do Grove e case 3 anos do compromiso para redactar
o proxecto e incluír nos orzamentos da Xunta a partida precisa para esta obra.
A día de hoxe non está redactado o proxecto e ningún dos orzamentos pasados
(2019 e 2020) nin o actual (2021) contemplaron nin contemplan partida algunha
para afrontar unha obra esencial e primordial para a comarca, pero sobre todo
para O Grove.
Dende
Esquerda Unida arrincamos o compromiso da actual presidenta da Mancomunidade do
Salnés para que a obra da nova canalización de auga potable para O Grove sexa
unha prioridade absoluta para o organismo supramunicipal, ao igual que o foi
para o anterior presidente na súa etapa. E queremos que tamén sexa unha
prioridade para Augas de Galicia e a Xunta de Galicia, pero sobre todo queremos
que sexa unha realidade e para iso é preciso que dunha vez por todas redacten o
proxecto de execución e destinen o orzamento preciso para asumir a obra, que
nos consideramos ten que ser do 100%, xa que é competencia desta
administración.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
O Pleno do Concello do Grove insta a Augas de Galicia e a
Xunta de Galicia a:
1-
Redactar
e presentar o máis axiña posible o proxecto de substitución da rede de
abastecemento que subministra a auga potable ao concello do Grove, derivando
por terra a canalización que se atopa nestes momentos soterrada baixo o mar.
2-
Comezar
neste 2021 a devandita obra e a asumir o 100% do custo da mesma.
Ningún comentario:
Publicar un comentario