sábado, 5 de decembro de 2020

EU acada o compromiso da Presidenta da Mancomunidade para dar prioridade ao cambio da tubaxe de auga do Grove

O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, acadou no día de onte o compromiso de Marta Giraldez para que no 2021 a Mancomunidade do Salnés dea prioridade absoluta ao cambio da tubaxe que subministra a auga potable ao Grove. Solicita que Augas de Galicia presente dunha vez por todas o proxecto e financie o 100% da obra. Presentarán unha moción para iso no vindeiro pleno grovense.

A presidenta da Mancomunidade tamén se comprometeu co esquerdista a ver as opcións de devolver ao Grove a Escola de Hostalería e realizar cursos e talleres mancomunados no concello meco.

O Grove, 5 de decembro de 2020.- O pasado xoves, celebrouse o pleno da Mancomunidade do Salnés onde se aprobaron os orzamentos para o 2021. Se ben a opción coa que partía de inicio o representante de Esquerda Unida, José Antonio Otero, era votar en contra dos orzamentos da mancomunidade, logo de ver que novamente as contas da Mancomunidade non contemplaban partida algunha para o cambio da tubaxe que subministra a auga potable para o Concello do Grove, finalmente decantouse pola abstención, logo de arrincar o compromiso da Presidenta, Marta Giraldez, a dar prioridade absoluta a esta obra no vindeiro ano.

Así mesmo, o compromiso acadado polo esquerdista contempla que no momento en que se teña coñecemento do proxecto (que está pendente de entregar por Augas de Galicia) e do custo da obra, a Mancomunidade procurará o financiamento que lle pertenza, no caso de que o ente autonómico finalmente non se faga cargo do 100% da mesma. Un financiamento que podería chegar dos fondos FEDER, de subvencións da Deputación ou a través do orzamento da propia mancomunidade.

Esquerda Unida logra así que se lle dea prioridade a unha obra de gran importancia para O Grove e arremeten ao mesmo tempo contra Augas de Galicia, aos que tachan de incompetentes por non ter presentado aínda un proxecto de execución logo de comprometerse a telo rematado no 2018. Solicitan tamén que sexa o ente dependente da Xunta de Galicia quen financie ao 100% o cambio da tubaxe, “cuestión á que tamén se comprometeron hai uns anos”, indican os esquerdistas.

Para dar forza a esa petición, José Antonio Otero, anuncia que no vindeiro pleno do Concello do Grove, presentarán unha moción solicitando a Augas de Galicia a execución da obra e o seu total financiamento. O voceiro de EU considera que “xa chegou de burlas e de que a Xunta de Galicia menosprece ao noso concello”. “A administración Autonómica ten unha débeda histórica co Grove e esta obra é unha das prioritarias, xa que son preto de 11.000 persoas (máis de 20.000 no verán) as que poden quedar sen abastecemento de auga se se produce unha nova ruptura da tubaxe”, sentencia Otero.

Ademais do compromiso da obra de abastecemento de auga, José Antonio Otero, logrou tamén o compromiso da Presidenta da Mancomunidade do Salnés a valorar as opcións para devolver a O Grove a Escola de Hostalería e a achegar ao concello grovense máis cursos e talleres organizados pola propia mancomunidade.

Sobre a Escola de Hostalería, o esquerdista recorda que esta escola naceu no Grove e estivo vencellada ao concello meco ata que, por decisión da mancomunidade durante a época de Durán, se decidiu trasladar a Sanxenxo. Otero indica que iso foi “unha usurpación en toda regra” e pide que a escola regrese ao seu lugar de orixe. Máxime cando, segundo o esquerdista, a mancomunidade está pagando un aluguer polas instalacións onde se desenrola a Escola e O Grove conta co espazo adaptado e o seu uso é gratuíto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario