Estes
son os temas que tratamos no pleno do luns no punto de Rogos e Preguntas:
O noso voceiro solicitou que o goberno concretase unha xuntanza co Comité de Empresa do Casino La Toja co propósito de coñecer a situación actual e procurar medidas dende a administración local. Chegan rumores de que a situación é preocupante e que dende Luckia estase procurando un desmantelamento da sala da Toxa en prol da nova sala situada en Vigo.
PAXINA WEB TURISMOGROVE
Volvemos solicitar, por cuarto ano consecutivo, a eliminación das referencias ás praias de Bandeira Azul na web de turismogrove, pois sigue anunciando que temos areais co distintivo da Unión Europea cando non é certo. Tamén preguntamos en que estado se atopa a nova web turística anunciara xa no 2016.
APP MERCANOGROVE
Interesámonos polo estado no que se atopa a aplicación/marketplace “Merca no Grove”. Si se está traballando nela, cantos comercios están adheridos e cando se vai ter previsto que estea operativa.
RECURSO
SENTENZA LEI DE COSTAS
Pedimos información sobre a contratación dun servizo de asistencia xurídica, a través dun decreto de Alcaldía, para un Recurso Contencioso-Administrativo contra a Resolución da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar – Delimitación de Núcleos. Quixemos saber si este asunto tiña algo que ver coa sentenza gañada a Costas no 2017.
FESTA DO MARISCO
Solicitouse durante o debate da moción do BNG que se convocase o Consello Local de Turismo para tratar a Festa do Marisco. Durante os Rogos e Preguntas instouse a que nesa convocatoria se presentasen tamén as contas do evento gastronómico do 2019.
TERRAZAS
Preguntamos o estado no que se atopaba o expediente para a bonificación do 100% da taxa de terrazas neste ano 2020, aprobado nunha moción no pleno no mes de xuño. Tamén preguntamos si se iniciaron os trámites para solicitarlle a Portos de Galicia e Costas do estado a que bonificasen o maior porcentaxe da taxa de terrazas dos negocios que se atopan nos seus dominios, tal e como solicitaba a moción anteriormente indicada.
Así mesmo, solicitóuselle ao Alcalde que deixara de mentir, logo de ter indicado en dúas ocasións que se ía ordenar a retirada de mesas a unha terraza á que se lle permitira ampliala tan só no Estado de Alarma e que se ía sancionar e ordenar retirar o cercado doutra terraza no casco urbano por ser antiestética e incumprir a ordenanza municipal. As dúas a día de hoxe, logo de máis dun mes, continúan igual.
CONSELLO LOCAL DE DEPORTES E PISTAS DE PADEL
Preguntamos cando se ten pensado convocar o Consello Local de Deportes para renovar os representantes do órgano sectorial, pois vai máis dun ano do novo mandato e non se convocou aínda este consello.
Tamén solicitamos ao Concelleiro de Deportes que deixe de mentir e pida perdón ao Club de Padel polas súas mentiras logo de ter afirmado que as restricións nas pistas de padel foran consensuadas coa directiva deste club nunha reunión no concello, cando estes indicaron que tan só acataron as decisións tomadas polo concelleiro.
Así mesmo volvemos preguntar o motivo polo que os monitores da pista de padel tiñan que ser autónomos para traballar neste departamento.
CAMBIO DE XEFE DA POLICÍA LOCAL
Preguntamos a que atendeu o cambio de xefe da Policía Local, tras ver que por Decreto se aprobou o día 10 de xullo a remoción da anterior xefa e 11 días despois se nomeou, tamén por Decreto de Alcaldía, o novo xefe accidental.
TARXETAS
DE RESIDENTES NAS RÚAS PEONÍS
Preguntamos novamente en que situación se atopa a expedición de tarxetas de residentes e a identificación de cores das rúas peonís do noso concello, tal e como indica a Ordenanza de Tráfico que entrou en vigor en febreiro de 2018.
PINTADO DA RÚA ALEXANDRE BÓVEDA
Ante a falta de visibilidade das liñas de delimitación de carrís e dos pasos de peóns do tramo de Alexandre Bóveda recentemente humanizada, solicitamos que se procure o repintado da mesma cunha pintura que resalte máis ou se procure outras cores, sempre que cumpran a normativa de tráfico.
CAMIÑO DENDE A ATLÁNTIDA ATA A SIRADELLA
Solicitamos que se procure coa Deputación de Pontevedra, como titular, a ampliación do camiño forestal que transcorre dende a Atlántida ata a Siradella. Veciños e usuarios do mesmo alértannos da perigosidade que supón circular por esa zona ao contar con un vial moi estreito por onde transitan camións e trailers (derivados polo concello a circular por esa zona) así como vehículos a grandes velocidades.
LORDELO – CON DAS SEÑORITAS
Instouse á reparación das escaleiras de baixada ao mar do paseo de Lordelo, que se atopan esnaquizadas, e tamén dun dos bloques de formigón do muro do paseo altura do Con das Señoritas, que está desprazado.
VELLOS TEMPOS
Preguntamos en que situación se atopa o servizo, cando se vai reacitvar, con que protolo e cantas familias se beneficiarán do mesmo coa nova normalidade. Considerámolo un servizo esencial pois moitas familias levan meses “atrapadas” nas súas casas sen un mínimo respiro.
Tamén quixemos saber o motivo polo que se informou que o servizo ía comezar o día 3 no Monte da Vila cando finalmente non foi así, e por que non se lle avisou ás familias desta suspensión con tempo e forma.
Así mesmo, tamén emprazamos á concellería de Igualdade e Benestar a atender as propostas e a solicitude de xuntanza dun colectivo de San Vicente para tratar asuntos de Servizos Sociais. Unha xuntanza pola que o colectivo leva agardando dende o día 12 de xullo sen ter reposta por parte do departamento.
PLAN DE MOBILIDADE (PMUS)
Pedimos información sobre o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), pois dende setembro do 2019 non volvemos saber nada sobre o asunto, cando quedáramos en reunirnos asiduamente.
Preguntamos pola propostas realizadas por Esquerda Unida ao documento do PMUS: humanización da rúa O Corgo, apertura do vial do Monte da Vila dende Xoán XXIII, o traslado da parada de taxis á avenida Beiramar, a creación do “Metrominuto” ou a creación dun mini-parque infantil de tráfico. Así mesmo interesámonos polo estado da proposta que realizamos sobre as bolsas de terreos para crear aparcamento, máxime logo de ter eliminado medio centenar trala humanización da Alexandre Bóveda, Rosalía e Conchases. Tamén criticamos que non se fixo nada sobre accesibilidade logo de ter advertido no documento presentado no 2019 dunha quincena de pasos de peóns que non contaban con rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida
CAFETERÍA DA CASA DA TERCEIRA IDADE
Por último, preguntamos os motivos polo que non están publicados os pregos de condicións para o concurso de concesión da Cafetería da Casa da Terceira Idade, logo de que a actual concesionaria rematara o pasado 31 de xullo.
Tamén preguntamos por que motivo se estaba culpabilizando a última concesionaria do servizo da cafetería de provocar que estes pregos non estean publicados, máxime cando tiñan que estar preparados pois o servizo remataba en principio o 11 de xullo, e finalmente o 31 de xullo logo de que aprobaran a prorroga en Xunta de Goberno Local o 29 de xuño.
Ningún comentario:
Publicar un comentario