O grupo municipal alédase
de que o goberno comece a vixiar as rúas peonís evitando o acceso de vehículos
non autorizados, pero denuncia que chegan tarde con esta medida, pois hai tempo
que debían aplicala.
Solicitan que se
identifiquen as rúas restrinxidas con cores e se tramiten as tarxetas de
residentes tal e como indica a Ordenanza de Tráfico que entrou en vigor en
febreiro do 2018.
O Grove, 15 de xullo
de 2020.-
O Grupo Municipal de Esquerda Unida alédase de que o goberno municipal
reaccione e comece a vixiar e multar aos vehículos que circulan polas rúas ás
que só teñen acceso os residentes e servizos. O seu voceiro, José Antonio
Otero, considera que “a sanción é o mellor modo de que se acabe con estas
condutas”, pero entende que se chega tarde con esta medida “pois xa tiña que
ser aplicada hai moito tempo”.
O
esquerdista indica que non só as rúas Luís Seoane e Jaime Solá precisan de
vixilancia e sanción xa que, “existen moitas máis rúas no casco urbano que teñen
restrinxido o acceso só aos residentes, pero polas que diariamente circulan
numerosos vehículos e incluso son utilizadas como zonas de estacionamento”.
“Moitas
persoas usan estas rúas como vía de escape ante posibles atascos ou simplemente
para evitar rodeos logo dos numerosos cambios de circulación que realizou este goberno nos últimos anos”
afirma Otero, que considera que “o Alcalde é consciente desta conduta dende hai
moito tempo, pero non quixo tomar medidas e tómanas agora que se lles foi das
mans”. O voceiro esquerdista indica isto
recordando que o 27 de novembro de 2017 o pleno do Grove aprobou a ordenanza de
tráfico que entrou en vigor o 6 de febreiro de 2018, onde no seu artigo 38.6
indica que nas rúas de acceso restrinxido a residentes e autorizados só poderán
acceder os que acrediten tal condición e obteñan a tarxeta de residente que
terán que ter colocada de xeito visible no interior do vehículo. Así mesmo a
ordenanza indica que se marcarían as rúas por cores para que os usuarios fosen
identificados con máis facilidade, “pero a día de hoxe non hai nada avanzado
neste aspecto, a pesar de ternos afirmado que estaban en elo, cada vez que
preguntábamos en pleno sobre as tarxetas”, sentenza Otero.
É
por iso que reclaman ao concello que, ademais de impoñer sancións por circular
por rúas restrinxidas sen autorización, “se comece a executar os puntos da
ordenanza, se identifiquen con cores as rúas e se tramiten as tarxetas de
residentes, para que estes non teñan que explicar continuamente ás forzas de
seguridade que teñen dereito a acceder a rúa onde se atopa a súa residencia ou
garaxe”, finaliza Otero.
Gabinete
de Prensa
Esquerda
Unida O Grove
Ningún comentario:
Publicar un comentario