venres, 23 de outubro de 2020

EU súmase á concentración do domingo en defensa dunha sanidade de calidade no Grove e animan á veciñanza a acudir

Os esquerdistas indican que, a pesar de estar convocada por un grupo político concreto, secundan a concentración porque a demanda é compartida tanto polo seu grupo como pola sociedade grovense.

Animan a toda a veciñanza a acudir á concentración, coas medidas de seguridade e sanitarias pertinentes, para lograr unha atención primaria presencial e a construción dun novo Centro de Saúde que garanta unha sanidade pública de calidade no noso concello.

O Grove, 22 de outubro de 2020.- A agrupación local de Esquerda Unida secunda a Concentración convocada para o vindeiro domingo 25 de outubro diante da Casa do Concello e súmanse así ás reivindicacións que o BNG fai na mesma: Unha atención primaria presencial e a construción dun novo Centro de Saúde. Unhas reclamacións que, indican os esquerdistas, son unánimes non só nos grupos políticos senón na totalidade da veciñanza grovense.

Recordan que hai máis dun ano xa saíron a rúa, daquela convocada por todos os grupos municipais, reclamando unha atención primaria de calidade logo da situación que se estaba a vivir no Centro de Saúde do Grove. A situación non mudou no último ano, e son notorias as continuas queixas que a veciñanza ven realizando debido a ausencia continuada de médicos. Queixas que veñen en aumento nos últimos seis meses xa que, á ausencia de facultativos, hai que engadir as restricións que a Xunta impuxo coa Covid-19, que limita a atención presencial en prol dunha atención telefónica que está a prexudicar aínda máis á veciñanza con doenzas. Por iso, dende Esquerda Unida reclaman a volta á atención presencial, coas medidas de seguridade pertinentes, e que se cubran as baixas de todos os facultativos do Centro de Saúde.

Sobre este, o Centro de Saúde, os esquerdistas tamén comparten a demanda da construción dun novo edificio, pois entenden que é unha das débedas históricas que a Xunta de Galicia ten co Grove. Si ben afirman que parte da culpa de que non se conte con esa importante infraestrutura “tamén a ten o goberno local, pois non é quen de poñer uns terreos a disposición da administración autonómica”. Entre outras cuestións, recordan que o terreo proposto para a construción deste edificio, na zona das Touzas, precisa da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, “documento que o executivo dirixido por Cacabelos non quere aprobar a pesar de contar cunha maioría máis que suficiente para elo”.

Así mesmo, dende Esquerda Unida non entenden a pasividade do goberno municipal no tema sanitario e recordan que no mes de agosto, cando afloraron as maiores críticas pola ausencia de facultativos no Centro de Saúde, o grupo municipal esquerdista solicitou unha reunión de voceiros para traballar de forma conxunta en accións de presión e protesta ante esa grave situación. “Xuntanza que nunca tivo lugar e pola que aínda agardamos a día de hoxe”, sentencian dende as filas esquerdistas.

É por todo iso, polo que dende Esquerda Unida secundan a Concentración e animan a toda a veciñanza a acudir este domingo ás portas da Casa do Concello, iso si, contando coas medidas de seguridade e sanitarias pertinentes; o uso de máscara e mantendo o distanciamento recomendado.

Gabinete de Prensa

Esquerda Unida O Grove

Ningún comentario:

Publicar un comentario