venres, 13 de decembro de 2019

EU tacha de incompetente ao goberno por non informar á veciñanza dos cortes de auga



Os esquerdistas consideran impropio que ante uns cortes de auga programados non se informe á veciñanza para que se poida organizar.

Advirten que esta actuación converte ao concello en responsable subsidiario ante calquera dano nos electrodomésticos ou prexuízos aos negocios.

O Grove, 12 de decembro de 2019. Esquerda Unida mostra o seu malestar coa xestión que o goberno municipal está a realizar nas obras da rúa Alexandre Bóveda e os cortes no subministro de auga potable desta semana.

Os esquerdistas entenden os inconvenientes e problemáticas que se suceden como consecuencia das obras, pero consideran que a falta de información e sobre aviso polos cortes que esta semana deixou por sorpresa en tres ocasións a numerosas vivendas sen servizo de auga durante longas horas do día "son a mostra da incompetencia do grupo de goberno". O voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, non concibe que "ante uns cortes programados, pois déronse durante tres días seguidos nas mesmas horas, non foran postos en coñecemento da veciñanza, para que esta se puidese organizar nos seus fogares e negocios".

Otero advirte que esta incompetencia pode ocasionar graves prexuízos á veciñanza e supor un desembolso económico para o concello, pois entende que o ente municipal “será responsable subsidiario ante posibles danos nos electrodomésticos, caldeiras, termos... ou ante os prexuízos ocasionados aos negocios por non por en sobre aviso destes cortes de auga”.

"Antes das eleccións o Alcalde informaba nas redes sociais practicamente ao minuto de calquera corte de auga, fose programado ou ocasionado por unha avaría, agora coa maioría absoluta amarrada non dan chío", indica Otero que ironiza coas situacións que se teñen dado no anterior mandato. "Teñen posto a megafonía a percorrer o pobo para anunciar os plenos para que acudise a veciñanza co propósito de presionar á oposición, pero para avisar a estas veciñas e veciños dos cortes de auga non o consideran preciso".

É por isto que os esquerdistas pide máis rigor e seriedade ao goberno e que, calquera situación que poida crear prexuízo á veciñanza e negocios locais, sexa advertida utilizando todos os medios posibles para evitar o maior dano posible.

Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove


Ningún comentario:

Publicar un comentario