xoves, 28 de novembro de 2019

O PLENO APOIA A DEFENSA DA EDUCACIÓN PÚBLICA COMO GARANTE DO DEREITO UNIVERSAL Á EDUCACIÓN EN CONDICIÓNS DE IGUALDADE


O Pleno do Concello do Grove aprobou por maioría a moción presentada polo Grupo Municipal de Esquerda Unida en defensa da Educación Pública como garante do dereito universal á educación en condicións de igualdade.

A moción, defendida polo noso voceiro, José Antonio Otero, contou con 14 votos favorables (EU-PSOE-BNG) e 3 abstencións (PP)  seguinte proposta de acordos:


Instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia aos seguintes puntos:

  1. Que se garantan prazas públicas suficientes nos novos desenrolos urbanísticos, mediante a cesión de solo público para a creación e apertura de centros escolares de titularidade e xestión pública
  1. Que se revise a normativa sobre concertos educativos de modo que, namentres subsistan, estes teñan carácter estritamente subsidiario
  1. Que, nos procesos de renovación de concertos vixentes, se supriman todos aqueles que non se xustifiquen por existir prazas públicas vacantes. Estableceranse os mecanismos normativos e protocolos administrativos para que non se produza o peche de liñas de escolas públicas naquelas zonas onde simultaneamente se manteñan concertos coa ensinanza privada
  1. Que adopten as medidas oportunas para lograr unha rede única de centros públicos educativos, a través da supresión progresiva dos concertos educativos ata a súa completa desaparición, mediante a integración voluntaria e negociada dos centros privado-concertados que ocupan solo público
  1. Que, namentres se suprimen os concertos, para que en ningún caso se poida destinar solo municipal para centros escolares privados de ningún tipo. O solo público só para o ensino público
  1. Que se elimine automaticamente o concerto educativo a todos os centros que segreguen por sexo, establecendo normativas específicas para que ningún tribunal poida amparar a segregación e a desigualdade.
  1. Que se asegure como prioridade a existencia dun ensino público con recursos e de calidade en todos os ciclos e que cubra todas as necesidades dende os 0 anos.
  1. Que haxa procesos de escolarización transparentes, democráticos e que conten coa participación dos axentes sociais. Estableceranse mecanismos normativos e sistemas de inspección educativa que os apliquen dende as Direccións Provinciais, a través de comisións de escolarización centralizadas (por municipios ou distritos escolares), que organicen unha adecuada i equitativa escolarización, prestando especial atención á escolarización do alumnado con necesidades educativas específicas e de comprensión educativa, tanto nos centros públicos coma nos privados concertados, mentres existan.
  1. A eliminación do distrito único naquelas poboacións onde exista, pois aumenta as desigualdades nos sistemas educativos ó aglutinar en centros á poboación por status socioeconómico ou por criterios ideolóxicos afíns ó ideario do centro, impedindo o exercicio, en condicións de igualdade, do dereito á educación.
  1. Que, namentres se suprimen os concertos, se estableza a obrigatoriedade de solicitar en primeira opción de matriculación polo menos un centro público educativo para as familias que desexen que os seus fillos ou fillas estuden nun centro da rede sostida con financiamento público.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Constitución española, no seu artigo 27, declara o dereito universal á educación, así como o carácter obrigatorio e gratuíto da ensinanza básica (27.4), establecendo, no seu punto 5, que “os poderes públicos garanten o dereito de todas á educación, mediante unha programación xeral da ensinanza, coa participación efectiva de todos os sectores afectados e a creación de centros docentes”.

Así pois, de acordo co mandato institucional, corresponde ós poderes públicos a obriga de garantir o dereito universal á educación non só mediante á correspondente planificación da ensinanza, coa participación da comunidade educativa, se non tamén a de crear centros docentes públicos que permitan facer efectivo o mencionado dereito.

Recóllese tamén no artigo 27.1 da CE a “liberdade de ensinanza”, recoñecendo ás persoas físicas e xurídicas “a liberdade de creación de centros docentes, dentro do respecto ós principios constitucionais” (27.6). Queda así exposta a posibilidade de creación de centros privados, con arranxo a unha normativa estatal, para o recoñecemento e homologación das súas actuacións.  Pero de ningún modo se contempla na nosa Constitución, nin no dereito comparado, a obriga de financiar con fondos públicos a creación ou funcionamento de centros escolares privados, nin moito menos o pretendido “dereito a escoller centro” por parte das familias.

Como se dixo anteriormente, o texto constitucional establece que a ensinanza básica é obrigatoria e gratuíta, pero non indica que o Estado estea obrigado a outorgar a gratuidade á educación en centros privados polo simple feito de que as familias elixan un centro distinto do creado polos poderes públicos. Así o deixou asentado o Tribunal Constitucional na sentenza 86/1985, do 10 de xullo, ditada pola súa Sala Segunda: “...sendo de todo claro que o dereito á educación – á educación gratuíta na ensinanza básica- non comprende o dereito á gratuidade educativa en calquera centro privado, porque os recursos públicos non acudirán incondicionalmente, alá a onde vaian as preferencias individuais”. Queda claro pois que, para o Tribunal Constitucional, a liberdade educativa non implica en absoluto que os centros privados deban ser financiados con fondos públicos nin que o pretendido dereito a escoller centro sexa algo máis que unha mera preferencia particular.

A Educación Pública, de titularidade e xestión pública, é, e debe ser, polo tanto, garante da equidade e a cohesión social, en tanto que asegurará o exercicio do dereito universal á educación en condicións de igualdade e democracia, “sen discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social” (artigo 14 da CE)

A “liberdade de elección de centro” reclamada por determinados sectores sociais é de facto “preferencia de selección”, como mostran reiteradamente as investigacións máis recentes. Preferencia de aqueles centros que queren ter unha clientela “escollida” e que serven ás clases máis acomodadas para afastarse de alumnado inmigrante, con maiores necesidades ou de clases máis baixas, á vez que con esa selección o centro asegúrase estar en mellores postos nos rankings de centros, para seguir sendo demandado pola futura clientela “selecta”. Preferencia de selección tamén daquelas familias que non queren ver mesturados ós seus fillos e fillas cos que non son da súa mesma clase social. Buscan dese modo “contactos” sociais e compañeiras/os de aula que poidan influír en mellores resultados educativos e no futuro socio laboral dos seus fillos e fillas. O resultado é a segregación escolar.

A obriga social dos poderes públicos debe ser garantir o dereito á mellor educación posible en todos e cada un dos centros públicos, favorecendo a escolarización máis preto ó domicilio familiar do alumnado. Por elo e para elo todos os municipios e barrios deben contar con prazas públicas suficientes en centros dotados con todos os recursos necesarios para posibilitar que así sexa. Isto non só é máis xusto e equitativo, se non que preserva ante todo a función social da educación, e iso só se pode garantir con unha rede pública educativa única, que non derive recursos públicos a financiar opcións privadas.

A existencia dunha ampla rede de colexios concertados, auspiciada e impulsada por sucesivos gobernos do PSOE e do PP ó longo das tres últimas décadas, xerou unha dobre rede de centros educativos financiados con fondos públicos que, ademais de contribuír de maneira crecente á segregación escolar, dou pé a unha confusión interesada: preténdese confundir o dereito a crear centros privados co das familias a recibir axuda pública para escollelos, o que, de ningún modo, como xa se dixo, está na nosa Constitución nin no dereito comparado.

Hai que dicir ó respecto que España constitúe unha anomalía dentro do panorama europeo, dada a alta proporción de centros que, sendo de titularidade privada, reciben financiamento público a través de importantes subvencións (segundo datos do Consello Escolar do Estado, a escola concertada recibe anualmente máis de 6.300 millóns de euros). Somos o terceiro país de Europa neste tipo de centros, só por detrás de Bélxica e Malta. En todos os demais países, segundo datos da OCDE, a educación é fundamentalmente pública (89,2% en educación primaria e un 83% en secundaria na UE-28, fronte a un 67,3% en España).


A elo engádese que a educación concertada segrega: A dobre rede de centros converteuse nestes anos en garantía de desigualdade. O 82% do alumnado inmigrante, de minorías e con maiores necesidades educativas está escolarizado na escola pública, mentres que só o 18% é admitido en centros concertados, a pesares de recibir financiamento público. Con elo atopámonos ante un círculo vicioso de segregación social que de continuar, aboca a unha importante diminución da equidade e a cohesión social a través desta dobre rede educativa.

En definitiva, o sistema (que non dereito) de “elección de centro” basease na lóxica individualista da “ética do máis forte” e non na lóxica igualitaria da pluralidade e a convivencia. Así entendida, a liberdade de elección é un privilexio e non un dereito, ademais dunha estratexia para situar a educación dentro do proceso de privatización do mercado. Aínda sendo comprensible que as familias poidan ter preferencias á hora de escolarizar ós seus fillos e fillas, non se pode equiparar a manifestación dunha preferencia con un dereito fundamental, nin as preferencias particulares poden prevalecer sobre a planificación educativa ou unha escolarización equitativa. Se a educación é un ben público non pode tratarse como un negocio privado. O estado debe velar polo ben común e non fomentar un mercado educativo con rankings de colexios, onde as familias compitan para conseguir a mellor oferta, como se dun gran supermercado se tratase.

Ningún comentario:

Publicar un comentario