mércores, 6 de febreiro de 2019

Esquerda Unida insta ao Concello a actuar para rematar cos problemas do transporte escolar


A formación anima á Concellería de Educación a impulsar o antes posible accións conxuntas e coordinadas coas ANPAS, as direccións dos centros e a oposición

Consideran intolerable que unha empresa de autobuses condicione os horarios das clases e obstaculice as posibilidades de conciliación 

O Grove, 5 de febreiro de 2019.- O grupo municipal de Esquerda Unida insta ao Concello a tomar a iniciativa para tentar solventar os continuos problemas que están a producirse nas liñas de transporte escolar. A formación considera intolerable que as condicións impostas por unha empresa de autobuses obriguen ao alumnado a chegar tarde a clase un día tras outro; ou condicionen os horarios dos centros de ensino e obstaculicen as necesidades de conciliación das familias. A formación considera que a situación non pode prolongarse por máis tempo, e anima á Concellería de Educación a actuar para formar unha fronte común e esixir solucións.

Hai meses que familias e persoal docente veñen alertando do deficiente funcionamento do transporte escolar no Grove. E é que o sistema actual, que permite combinar liñas para que un mesmo autobús preste servizo a centros diferentes, non semella contentar a ninguén máis que á propia empresa que o presta. As problemáticas derivadas desta circunstancia están a afectar tanto aos centros de primara como aos institutos da localidade. Centros nos que, segundo alerta a comunidade educativa, en ningún caso o transporte está a funcionar de xeito adecuado.

Esquerda Unida considera que o Concello debe tomar cartas no asunto e poñerse á fronte das reclamacións. A formación, que xa ten trasladado a súa postura ao goberno local, insta á Concellería de Educación a convocar coa máxima urxencia ás direccións dos centros educativos e ás ANPAS da localidade, así como aos grupos da oposición, para abordar as carencias e idear unha estratexia de presión conxunta e coordinada. 

Esquerda Unida entende que non é de recibo que unha empresa de transporte sexa quen marque os horarios dos centros educativos e coarte a adaptación de xornada que nalgúns casos reclaman as familias; ou que posúa potestadade para decidir adiantar a hora de chegada do alumnado dun instituto 20 minutos. A formación considera que o servizo debe adecuarse ás necesidades educativas e de conciliación, primando en todo caso o benestar dos menores aos que atende. Nese senso, o grupo de EU considera que non caben excusas, e insta ao Concello a actuar para esixir que a Xunta de Galicia se implique e obrigue á concesionaria a adaptarse e a prestar un servizo de calidade e acorde a eses parámetros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario