A formación anima á cidadanía a acudir a Santiago de Compostela para denunciar a política sanitaria impulsada polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia
O grupo municipal lamenta que, a pesar do consenso existente na corporación, o Concello non peña habilitado autobuses para facilitar a participación na mobilización
A situación do centro de saúde do Monte da Vila é un exemplo dos recortes impostos, que derivan en falta de médicos suficientes, na precarización das condicións de traballo do persoal sanitario e nunha perda da calidade asistencial
O Grove, 7 de febreiro de 2019.- Esquerda Unida anima á cidadania a participar na mobilización en defensa da sanidade pública convocada para o domingo en Santiago de Compostela. A formación fai un chamamento para que as e os grovenses secunden de xeito masivo unha manifestación que permitirá evidenciar o enorme malestar existente polo deterioro do sistema sanitario provocado polos recortes do goberno da Xunta. Unha perda da calidade asistencial da que o centro de saúde do Monte da Vila é bo exemplo; pero que, lamentablemente, se extende á atención primaria e especializada e ás urxencias de toda Galicia.
Unhas semanas despois de que a corporación do Concello do Grove aprobase de xeito unánime unha moción para denunciar as carencias do centro de saúde da localidade, Esquerda Unida anima á poboación local a participar na gran manifestación coa que o colectivo SOS Sanidade Pública quere denunciar unha problemática que afecta a hospitais, PACs e consultas de atención primaria de toda Galicia. A formación lamenta que, a pesar do consenso existente a nivel local, o goberno grovense non teña dado aínda paso algún de cara á convocatoria da manifestación local pola que avogaba Esquerda Unida, así como outros grupos da corporación. Así como o feito de que o Concello non teña habilitado ningún tipo de transporte que facilite a participación da cidadanía do Grove na manifestación do domingo.
“Os recortes matan, non ao negocio coa saúde” é o lema co que persoal sanitario, organizacións políticas e sindicais e cidadania denunciarán o domingo os recortes de persoal sanitario, camas e orzamentos impostos polo Partido Popular ao sistema galego de saúde. “A Xunta de Galicia basea a súa política en recortar gasto, reducir as prazas de persoal, pechar camas, privatizar os novos hospitais, incrementar a concertación co sector privado, suprimir áreas sanitarias, desmantelar hospitais comarcais, marxinar á atención primaria e aos PACs, eliminar pediatras, deteriorar servizos de urxencias, poñer a investigación, a innovación e a formación en mans de multinacionais, precarizar as condicións dos novos especialistas favorecendo a súa emigración, e acabar coa participación social no control dun sistema que pagamos entre todas e todos”. Así explica SOS Sanidade Pública as razóns dunha convocatoria que partirá da Alameda compostelana, e que Esquerda Unida considera fundamental para deixar constancia clara do fartazgo e do malestar que os reiterados ataques do goberno da Xunta á sanidade pública teñen provocado na sociedade.
Esquerda Unida anima á poboación local a congregarse ás 11:40 á altura da estatua das Marías para participar conxuntamente na marcha que arrincará ás 12 para esixir dotacións de personal e medios axeitados e suficientes para PACs, servizos de urxencias e centros de atención primaria. Entre as reclamacións figura tamén a recuperación das áreas sanitarias e dos hospitais comarcais, así como dos servizos e centros privatizados; e a fin dos recortes e da precariedade laboral.
Ningún comentario:
Publicar un comentario