A formación aposta por formación específica para a Policía Local e accións nos centros de ensino para frear condutas aditivas entre a mocidade
O Grove, 28 de xaneiro de 2019. - O grupo municipal de Esquerda Unida ve necesario que o Concello se involucre de xeito activo para incrementar o control sobre as casas de apostas e previr condutas aditivas, especialmente entre a poboación máis nova. Os edís de EU animan ao goberno local a dar un paso á fronte e a tomar parte activa para frear o incremento da ludopatía que se ten detectado nos últimos meses, e que resulta especialmente preocupante por afectar en gran medida a mocidade e menores de idade. É por elo que a formación leva ao pleno do Concello do Grove unha moción, a través da que insta ao consistorio a traballar, da man de clubes deportivos, centros de ensino e Policía Local, para combater esta problemática e fomentar hábitos saudables.
Dende hai uns anos proliferan os anuncios de casas de apostas deportivas online. Unha publicidade moi agresiva, que tamén se insire en eventos e retransmisións deportivas; e que ten impulsado de xeito alarmante o incremento do número de usuarios. Segundo o último informe trimestral do Mercado do Xogo Online, neste momento hai en España 613.812 persoas que fan uso das casas de apostas; un 13,44% máis que no mesmo período de 2016.
O xogo patolóxico é un trastorno que figura entre as adiccións de tipo comportamental nas clasificacións médicas e psicolóxicas. Unha adición que consiste na perda do control do comportamento e que se caracteriza por ter graves consecuencias para as persoas que a padecen, como problemas académicos, laborais, económicos, sociais e mesmo legais. É por elo que Esquerda Unida considera necesario que as distintas administracións, dende o Concello ata o goberno central, pasando polo autonómico, actúen adaptando o marco legal e implementando un maior control sobre a publicidade. “Por un lado entendemos que é necesario prohibir a publicidade destes locais e frear a súa expansión a través das ordenanzas ou as normas urbanísticas. Tamén son importantes as medidas de prevención ante a ludopatía. E, por último, expomos unha serie de propostas a nivel fiscal para gravar a actividade das casas de apostas e do xogo online”, explica o grupo municipal de EU.
A formación anima ao Concello a estudar a revisión das ordenanzas municipais para introducir limitacións urbanísticas á implantación de locais de apostas nas inmediacións de espazos frecuentados pola infancia, a adolescencia e a mocidade, como centros educativos, culturais, deportivos e xuvenís. Así como a regular a eliminación de calquera cartelería do mobiliario urbano ou do espazo público deste tipo de establecementos. Igualmente, EU ve necesario que o goberno local impulse actividades formativas nos centros escolares para afondar no uso que a poboación máis nova fai dos xogos online e previr problemas derivados dos mesmos, e anima ao Concello a impulsar espazos e modelos de lecer e socialización que fomenten un ocio san e potencien o coñecemento, o deporte e as artes entre a mocidade.
Esquerda Unida aposta por involucrar tamén á Policía Local, reforzando a formación dos axentes para mellorar a súa capacidade de resposta ante infraccións relacionadas coas apostas e o xogo, particularmente no que se refire ao acceso de menores. Pero tamén aos clubes e aos equipos de fútbol locais, de xeito que estes colaboren eliminando calquera identificación do deporte coas apostas e pondo en marcha campañas de concienciación.
EU tamén aposta por crear no Concello unha taxa específica para os establecementos que instalen pantallas ou outro tipo de dispositivos na vía pública. No que se refire á implicación do Estado, o grupo municipal ista ao goberno local a demandar do executivo central a reforma da Lei Xeral da Comunicación Audiovisual e da Lei Xeral de Publicidade e a impulsar o Real Decreto de Comunicacións Comerciais das Actividades de Xogo e de Xogo Responsable co obxectivo de restrinxir a publicidade para xogos e apostas online e incrementar a protección do público infantil e xuvenil. Así como a aumentar o tipo aplicable no Imposto sobre Actividades do Xogo para as casas de apostas e do xogo online.
Por último, EU anima ao goberno local a reclamar tamén a implicación do goberno da Xunta para que este limite a proliferación de casas de apostas físicas mediante o establecemento dun mínimo de metros de separación entre elas, ou por núcleos de poboación; e para que prohiba as terminais de apostas deportivas en bingos, salóns de xogos e casinos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario