mércores, 22 de abril de 2015

Esquerda Unida continúa coa campaña de recollida de sinaturas en contra do CICRI

Esquerda Unida intensifica a campaña en contra do CICRI e a reforma portuaria ampliando os establecementos nos que os veciños poden asinar. Tamén se pode descargar o documento dende a web www.euogrove.es ou recoller na copistería Copyman. O venres volverán ao mercado municipal.

Nunha semana, máis de 500 veciños mostraron a súa oposición a unha obra que pretenden vender como auditorio, pero que non deixa de ser unha sala multiusos. Os esquerdistas solicitarán a retirada dos puntos que traten sobre o CICRI da orde do día do último pleno do mandato.



Cando aínda non transcorreu unha semana dende o comezo da campaña de recollida de sinaturas en contra da construción do Centro de Interpretación da Carpintería de Ribeira (CICRI) e do Plan Especial do Porto do Grove e A Toxa, Esquerda Unida xa contabiliza máis de 400 sinaturas na rúa e máis dun centenar no portal Change.org.

A campaña seguirá aberta e a agrupación esquerdista amplía e seguirá ampliando os locais nos que os veciños e veciñas poderán mostrar a súa oposición a unha obra que non soluciona os problemas reais e que non deixa de ser unha sala con cadeiras de plástico, a imaxe da que existe na Casa da Cultura, a pesar de que este goberno o vende a “bombo e platillo” como un Auditorio.

Esquerda Unida anima a todos os veciños a mostrar o seu rexeitamento asinando as follas que poderán atopar nos máis de 30 establecementos da localidade. Ademais, os veciños que así o desexen, poden descargar o documento da páxina web www.euogrove.es ou recoller unha copia na copistería Copyman. Cando a teñan completa poden entregala no local de Esquerda Unida (Rúa Luís Casais, 1. 2º esquerda) os lúns a partir das 19 horas. Por outro lado, os membros da candidatura de Esquerda Unida-Son volverán achegarse o venres ao mercado municipal para recoller sinaturas e explicar a postura da agrupación sobre o CICRI.

Aínda que os puntos da orde do día do derradeiro pleno non están concretados, todo indica que o goberno tripartito levará a esta derradeira sesión do mandato os tramites precisos para deixar encamiñada a construción do CICRI en terreo portuario antes das eleccións. É por iso que Xan Lamelas solicitará a retirada da orde do día de todos os puntos que traten sobre este asunto, deixando o debate para a corporación que resulte electa tras o proceso electoral do vindeiro 24 de maio.


Ningún comentario:

Publicar un comentario