xoves, 24 de outubro de 2013

24O Folga Xeral no ensino



O vindeiro xoves 24 de outubro, está convocada unha folga xeral no ensino contra a contrarreforma educativa do

PP.

Esquerda Unida une a súa voz á gran maioría da comunidade educativa para esixir a retirada do proxecto da LOMCE. Ante unha lei imposta, sen debate previo e de costas á comunidade educativa, unha lei mercantilista xa que somete a educación a intereses economicistas onde tamén inclúe aos “axentes privados” como parte do sistema educativo.

A executiva nacional de Esquerda Unida manifesta que esta contrarreforma serve para seleccionar futuras elites dirixentes, excluíndo a quen precisa máis apoio, restaura itinerarios segregadores e suprime competencias da comunidade educativa na xestión de centros. Está é a imposición dun goberno que goberna para unha minoría interesada en restaurar a mala educación do pasado.

Ramón Vázquez deputado de AGE e membro da área de educación de EU, manifesta que “a crise é a escusa para privatizar e desmantelar o sistema educativo, é unha vontade política o feito de rescatar a bancos mentres se recorta en servizos públicos”. O PP facendo seguidismo das políticas antipersoas, insiste e colabora activamente na degradación da escola pública, para elo entre o peche de centros no rural, repago de comedores escolares, menosprezo da lingua, descenso do profesorado de apoio, etc. Con todo isto o PP pretende que só poidan estudar aqueles que teñan con que pagar, a educación deixa de ser un dereito para ser un privilexio.

Por todo isto, Esquerda Unida fai un chamamento á participación nas mobilizacións previstas para o 24 de outubro, e que tamén dende a rúa loitemos polos nosos dereitos, por unha educación pública, laica e de calidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario