No último acto
da campaña electoral antes de que a vila se mergulle na xornada de
reflexión, a coalición Alternativa Galega de Esquerda (AGE) recibiu ante
máis de cen persoas na Casa da Cultura o apoio dun feixe de
ex-concelleiros grovenses, nun acto que contou coas intervencións do
grovense Xan Lamelas e dos candidatos ao Parlamento Bernarda Rubianes e
Juan Fajardo.
Texto: I. Rodríguez | Fotos: M. Muñiz
Circunstancias
de última hora motivaron que dos catro nomes anunciados no cartel de
AGE para o mitin deste venres, tan só dous rematasen finalmente subindo
ao escenario da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, os números 1 e 8 da
candidatura por Pontevedra, Juan Fajardo e Bernarda Rubianes,
responsables de expoñer as liñas programáticas da coalición que lidera
Xosé Manuel Beiras.
De
presentalos a todos eles responsabilizouse, en substitución do
ex–concelleiro e responsable local de Anova, Xosé Manuel Domínguez,
outro antigo edil, o escritor e bibliotecario Luís Rei, quen para darlle
a palabra en primeira instancia a outro antigo membro da corporación
grovense, Xan Lamelas, aproveitou para saudar o “aval” que a esta
formación brindaran outro bo número de representantes da esquerda
grovense, que como membros do BNG, de EU ou do Partido Comunista, tamén
tomaron asento no seu día no salón de plenos da Casa Consistorial.
Concelleiros
como Manolo Mascato, Xan Caneda, Xesús María Domínguez, Antón Mascato,
María Soilán ou Julio Oubiña amosaron o seu apoio á coalición, algo que
Rei agradeceu ao inicio do mitin para posteriormente incidir no proceso
de conformación dunha coalición na que conflúen diversas forzas e
criticar que a maior actuación do Goberno autonómico no Grove fose un
“heliporto no que investiron tres quilos de pintura”, ao mesmo tempo que
lamentaba que en lugar de obras públicas, o PP trouxese ao Grove un
“hotel que non pedimos”, en alusión á Pousada da Lanzada.
“Catástrofe nacional”
Tamén
saudou a unión de “varias forzas da esquerda social e nacional de
Galicia”, Xan Lamelas,quen interveu en substitución de José Antonio
Taboada para explicar que esta coalición que engloba a Anova-Irmandade
Nacionalista, Esquerda Unida, EQUO e Espazo Ecosocialista vén motivada
por unha “situación de catástrofe nacional” da que culpou ás “políticas
do PP e do PSOE”.
Lembrou
Lamelas que Núñez Feijóo comezou a aplicar en Galicia as “políticas de
recortes” antes de que Mariano Rajoy chegase á Presidencia do Goberno
central, motivo polo que definiu ao Goberno galego como unha “avanzadilla
das políticas da Troika” que conducen a Galicia ao “desastre social”.
Ante esta situación, insistiu na necesidade de “botalos da Xunta” e
parar unhas “políticas que conducen ao desastre social”.
Lamelas
tamén criticou que o PPdeG empregase en campaña “o medo” aos gobernos
de coalición, algo que na súa opinión vén motivado polo feito de que
“ninguén quere pactar con eles, xa que están levando á ruína ao país”. O
dos pactos permitiulle tamén ao representante de EU enfocar o seu
discurso na política local, onde o PP goberna en coalición, para
criticar a “incoherencia ideolóxica” deste partido. Destacou Lamelas que
no Grove, esta formación goberna xunto cun edil “que se fai chamar
galeguista, que gobernou coa esquerda, que agora goberna coa dereita e
que pide o voto para unha forza que se presenta contra o PP”, en alusión
a Alfredo Bea. Por isto, concluíu que o PP “só quere conseguir o
poder”.
“Parar os recortes”
De
explicar as liñas programáticas de AGE responsabilizáronse dous dos
integrantes da candidatura da coalición na provincia de Pontevedra, a
mestra Bernarda Rubianes, integrante de ANOVA, e o cabeza de lista Juan
Fajardo, de EU, que incidiron na importancia de impedir que o PPdeG
renove a maioría absoluta como un xeito de “para os recortes”.
Nas
súas intervencións, tanto Rubianes coma Fajardo fixeron énfase na
necesidade de preservar servizos públicos como a educación ou a
sanidade, e reclamaron que a crise “a paguen os que a crearon”, en lugar
dos traballadores.
Por outra banda, incidiron tamén na importancia dunha
“rexeneración democrática”, en rematar coa “corrupción” da clase
política e en fomentar no Parlamento “unha democracia real e
participativa”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario