martes, 25 de novembro de 2008

O noso corpo non ten prezo

Secretaría da Muller do Partido Comunista de España
25 de novembro, continúa a loita contra a violencia de xénero
A explotación sexual aféctanos ao conxunto das mulleres, do mesmo xeito que outras formas de violencia de xénero. A reivindicación dun mundo sen violencia, sen explotación sexual, en igualdade, é sen dúbida unha mensaxe prioritaria co que as mulleres debemos saír á rúa este próximo 25 de novembro.

A prostitución é unha forma extrema de violencia de xénero, que segue sumindo na escravitude a miles de mulleres, a inmensa maioría inmigrantes, pobres, procedentes da miseria, vulnerábeis á explotación de calquera tipo por necesidade. A prostitución é, non só un problema de xénero, senón de clase, e acrecentado pola globalización neoliberal. Ante esta situación, o reglamentarismo contemporáneo, coas súas cínicas propostas, lexitima o uso sexual das mulleres empobrecidas do mundo, a cambio dun prezo.
Hoxe, algunhas administracións públicas, e os poderes fácticos de sempre, confunden intencionadamente lecer con explotación e violencia extrema contra as mulleres, e revisten co nome de “industria do sexo”, a un imperio económico globalizado, do que se benefician os países máis ricos, en cuxos sumidoiros escóndese o drama de millóns de mulleres, que son explotadas por homes, novos, maiores, de esquerdas e de dereitas, prostituidores cómplices da desigualdade.
É esencial que os poderes públicos que adquiriron un compromiso formal coa igualdade, dean pasos cara á abolición da prostitución e, xa que logo, cara á erradicación desta violencia sexista, apostando por un modelo social que desaprobe e deslexitime aos homes que compran corpos de mulleres.
É fundamental facer un forte esforzo orzamentario para imprantar medidas integrais de apoio a aquelas mulleres que non teñen recursos, tanto para as que están xa atrapadas no sórdido mundo da prostitución como para as que están a piques de entrar e engrosar as escandalosas cifras de mulleres sometidas a esta violencia. É imprescindible crear as condicións para que todas elas poidan abandonar a prostitución con garantías de seguridade e empregabilidade.
Para isto non valen atallos, como o novo “Plan Integral contra a Trata con Fins Explotación Sexual” do goberno socialista, que desatendendo a recomendación da Comisión Mixta Congreso-Senado sobre os Dereitos da Muller, aborda únicamente o problema da trata, eludindo igualmente a súa obrigación á hora de obrigar aos medios de comunicación, esencialmente á prensa escrita, para que non publiciten anuncios de venda de carne de mulleres. Por outra banda estes medios, así como as tecnoloxías que teñen o poder de crear imaxinario, deben corresponsabilizarse no espertar da conciencia social para que a sociedade se posicione activamente en contra de calquera forma de violencia ou vexación das mulleres.
Esta é a mensaxe ao conxunto da sociedade que lanzamos as mulleres comunistas e, polo tanto, abolicionistas: o corpo das mulleres, o noso corpo, non debe ter prezo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario