Este 8 de marzo debería presentarse con maiores espectativas, pero non é así, por iso as mulleres de ESQUERDA estamos ESIXINDO REALIDADES. Vémonos inmersas na dinámica dun goberno que fala en demasiadas ocasións en nome das mulleres sen consultarnos. Introduciu na axenda política leis que non significan o que esperabamos nas condicións de vida das mulleres.
A primeira Lei, a de Igualdade, basea a súa intervención no mundo familiar e laboral, pero non aborda todos aquelesámbitos que a desigualdade prevalece, pois o ámbito laboral require intervencións directas, axentes que inspeccionen e supervisen o cumprimento da lexislación en materia de igualdade, así como o desenrolo normativo que esixa ás empresas a elaboración e cumprimento de plans de igualdade no acceso e promoción do emprego.
O ámbito privado só pode transformarse desde un cambio profundo de valores, incidindo prioritariamente na educación.
A segunda Lei, a de Dependencia, pretende solucionar en gran parte o problema dun numeroso colectivo de persoas dependentes, introducindo incentivos económicos para quen realizan as tarefas de coidado, o oitenta por cento mulleres. A cuestión radica en que as mulleres levamos séculos loitando por acabar cos roles de sexo, porque eles perpetúan a desigualdade e a concepción patriarcal da sociedade.
Trátase de que o Estado dote de infraestruturas e de profesionais que se ecarguen desta tarefa, o que provocaría, por unha parte, un xacemento de emprego público, e por outra, permitiría ás mulleres seguir nos nosos empregos ou acceder a eles.
O goberno do PSOE, tamén nos puxo ante o espellismo dunha Lei Integral contra a Violencia de Xénero, que desde a Área de Muller de EU valoramos como insuficiente pola falla de medios, contidos e presupostos. E ademais, os centros de ensino seguen sen instrumentos para facilitar a educación en valores de igualdade real e efectiva.
En definitiva, as mulleres temos un longo camiño por diante para a consecución dun mundo sen desigualdades. Apoiaremos todas aquelas accións e cambios lexislativos que vaian derribando obstáculos, que vaian construíndo chanzos cara unha igualdade real de homes e mulleres na nosa sociedade, por eso desde ESQUERDA UNIDA seguiremos ESIXINDO REALIDADES.
Ningún comentario:
Publicar un comentario