Prensa:
ENTREVISTA A XAM LAMELAS NO DÍARIO DE AROUSA CON MOTIVO DA VIAXE BRIGADISTA AO SAHARA.
Xan Lamelas: “Non é turismo revolucionario, senón solidariedade e formación”
O concelleiro de Esquerda Unida no Grove, Xan Lamelas, participou durante unha semana nunha brigada de solidariedade nos campamentos saharauis, organizada pola Unión de Xuventudes Comunistas de España, organización na que milita. Explica a experiencia e a situación deste pobo condenado a vivir no deserto.
Diario de Arousa. Xosé E. Vicente / O Grove.
O xoven concelleiro de Esquerda Unida no Grove vén de pasar por unha das experiencias máis intensas da súa vida, tanto desde o punto de vista persoal (polo contacto directo coa xente que vive desde hai tres décadas en campamentos de refuxiados) como desde a súa formación política e os valores de esquerdas nos que acredita.Explica en que consisten as tarefas que fan os brigadistas.
A Unión de Xuventudes Comunistas de España organiza cada ano brigadas de solidariedade a distintos países, como Cuba, Venezuela ou Colombia, e, desta volta, por primeira vez ao Sáhara. Non se trata de turismo revolucionario, senón dun xeito de coñecer a realidade, achegar solidariedade por medio do traballo ou achegando material, como fixemos nesta ocasión, e crear activistas formados no coñecemento das loitas de outros pobos.
¿Como atopaches o ánimo dos saharauais?
Trátase dun pobo moi dinámico e ben organizado, que ten moi clara a súa causa, a autodeterminación e a independencia. Moitos apoian ao Fronte Polisario, que reúne a distintas ideoloxías baixo a causa común da independencia do seu país. Queren deixar de depender da axuda humanitaria para valerse por si mesmos e ser libres.
Mais a evolución dos acontecimentos non foi propicia para a súa causa…
Esta semana comeza o XII Congreso do Frente Polisario, e ante a proximidade da xuntanza puidemos conversar con deputados, ministros e distintos cargos da República Árabe Saharaui Democrática, e comentáronnos a súa valoración da situación. O certo é que a mocidade, unha inmensa maioría da xuventude, está por retomar as armas contra a ocupación marroquina, xa que despois de 16 anos de alto ao fogo non houbo solución pacífica con Marrocos.
Aínda así, baralláse a negociación para a convocatoria do ansiado referendum.
Si, outras posturar pretenden concederlle a Marrocos un prazo duns dous anos para chegar a unha solución pacífica que pase pola convocatoria do referendum. Os saharauis non teñen problema en que se recolla a posibilidade da autonomía ou da incorporación a Marrocos, e están dispostos a que voten os marroquinos que viven actualmente no Sáhara ocupado.
Existiran grandes diferencias precisamente pola cuestión dos censos.
Xa no 99 os saharauis aceptaron que puideran votar os marroquinos que viven nas zonas ocupadas, moitos dos cais apoiaran a causa saharaui ante a brutal represión de Marrocos e a violación de dereitos humanos.
Vós tivestes unha entrevista tamén coas mocidades do Polisario.
Trátase dunha xeración que só coñeceu o deserto e a ocupación. Mantivemos un encontro cos mozos do Polisario e asinamos un protocolo de colaboración entre ambas as organizacións, asinados polos seus respectivos Secretarios Xerais.
¿En que consistiu o teu traballo alí?
Basicamente, achegámoslles material escolar e médico. Visitamos diversos centros educativos, como unha escola para diminuidos psíquicos, a primeira que existe no mundo nun campamento de refuxiados, ou o hospital de Smara. Teñen persoal moi cualificado pero carecen de medios, que teñen que ser achegados por medio da solidariedade internacional.
Por último, cal é a valoración que fan do papel do Estado Español no conflito?
Eles están moi agradecidos á solidariedade do pobo español, pero España, o goberno, é responsable da situación do pobo saharaui. Agardan que a solidariedade se vexa reflectida nas accións do goberno, que está xogando cos seus intereses ante Marrocos.
Entrevista íntegra do Diario de Arousa do 16-12-07.
Ningún comentario:
Publicar un comentario