Logo da postura adoptada polos grupos da oposición durante o pleno do pasado 26 de decembro, desde Esquerda Unida-Esquerda do Grove queremos poñer de relieve o que consideramos unha actuación impresentable polas seguintes razóns:
En primeiro lugar, o emprazamento da E.D.A.R do Grove foi seleccionado según criterios técnicos, entre oito posibles ubicacións. A corporación anterior aprobara o proxecto dunha E.D.A.R., pero naquel proxecto non se especificaba o emprazamento, que posteriormente consensuou o sr. Pérez únicamente consigo mesmo sen atender a ningún criterio. A razón podería radicar en que os terreos pertencen a Portos de Galicia, co cal se aforraba ter que xestionar a súa adquisición a pesar de ser un lince neste tipo de xestións: oito anos tivo para conseguir os terreos para o centro de saúde, co éxito acostumado.
Durante a sesión plenaria o Sr. Pérez afirmou que unha depuradora non pode estar cerca de empresas alimenticias. Se así fose (que non
é o caso), ¿ónde pensaba trasladar a praza de abastos, a lonxa e o recinto da Festa do Marisco, que tamén están no Corgo? Tamén puxo a depuradora de San Vicente como exemplo dunha intalación que mellorou o estado da auga na súa área de influencia. Daquela, ¿cómo compatibilizar esta afirmación con que a E.D.A.R. en Laxe de Rons vai ter o efecto contrario? ¿Cómo decide o Sr. Pérez que depuradoras presentan problemas e cales non? ¿Pódese afirmar unha cousa e a contraria ao mesmo tempo? O Sr. Pérez sí pode.
En canto ao custe da E.D.A.R., está de acordo co proxecto en que a construción vai ser máis cara que a do Corgo, pero non o está (outra
vez sen fundamento) en que o custe de mantenemento vai ser inferior: según lle pete, hai datos que decide crer e outros que prefire non crer.
Sobre a postura de Alternativa Meca, só hai que dicir que adiantou prezos de expropiación imposibles de calcular nesta fase, que se van
verquer augas fecais na praia de Terra de Porto, demostrando non entender como funcionan as medidas de seguridade dunha estación de bombeo, que da E.D.A.R. se desprenderán cheiros que afectarán ó barrio de Virxe das Mareas, polo que parece non comprender o que significa un <sistema de desodorización>. Etc., etc.
En resume, os grupos da oposición decidiron opoñerse ao proxecto do goberno municipal sen fundamento técnico nin argumento algún, aparte das falsedades e incoherencias coas que manipulan a opinión dos veciños, esquecendo que quen sementa ventos, recolle tempestades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario