13 xaneiro 2016

Esquerda Unida presenta unha moción para rexeitar o anteproxecto de Lei de acuicultura de Galicia

O Grupo Municipal de Esquerda Unida O Grove presentou esta mañá por rexistro unha moción para que o pleno do mes de xaneiro pronuncie o seu rexeitamento ao anteproxecto de Lei de acuicultura de Galicia.



O Anteproxecto de lei de acuicultura de Galicia que foi sometido a exposición pública durante o pasado mes de xaneiro, e que está pendente da contestación as diversas alegacións realizadas polos sectores produtivos do mar galegos, contempla algunhas determinacións que, de facto, suporían rachar coa actual configuración da explotación do mar, así como un risco non asumible para a nosa pesca e marisqueo tradicional, que debemos recordar son os eixos fundamentais nos que se sustentan os principios da política pesqueira común da Unión Europea.

Este anteproxecto súmase á batería lexislativa desenvolvida polo goberno Autonómico que afonda na demolición das medidas de protección e xestión racional do territorio, promovendo unha nova cultura do espolio. Así esta lei xunto co plan director  de Acuicultura de Galicia (PDALG) , o plan Sectorial de Actividades Extractivas, a Lei de Montes e lei de Costas, entre outras, abren sen límites a ocupación e privatización total do territorio costeiro e das nosas augas interiores, independentemente do lugar, cualificación urbanística ou figura de protección que teña.

A norma pretende salientar o carácter estratéxico da acuicultura fronte a calquera outra utilización da nosa costa ou lámina de auga, introducindo elementos que permiten, por exemplo, a expropiación forzosa, ou a consideración dos proxectos como de carácter supra-municipal, impedindo polo tanto aos concellos a súa capacidade para determinar os usos dos seu ámbito territorial.

Quizais con independencia das consideracións medio-ambientais que logo trataremos estamos ante o maior ataque os sectores tradicionais do noso mar, marisqueo, pesca tradicional, sector meixoeiro, etc. Dadas as modificacións introducidas polo anteproxecto no modelo de xestión das concesións administrativas, nas que se introduce a igualdade de acceso mediante permisos de actividade que serán outorgados baixo os principios de obxectividade, publicidade, transparencia e libre concorrencia, verbalizando polo tanto a propia lei, que calquera poderá acceder a solicitar estes permisos, e que a través dos procesos pregos para cada caso, será a capacidade económica e técnica quen defina en último lugar, quen explota unha ou outra concesión, eliminando polo tanto esa suposta igualdade, para beneficiar ás grandes multinacionais fronte as organizacións, como confrarías ou agrupación de mariscadoras, incapaces de competir con estes monstros económicos, gardando na manga ademais a posibilidade de, unha vez outorgada, a unha confraría ou agrupación, a autorización a posibilidade de ser revocada se non é sostible, o que garante en definitiva a privatización do noso mar.

Ademais a Xunta fixo xestións a través do consello europeo da Rexións, para ceder determinadas competencias na UE, de forma que esta lexisle o modo de acceso ás concesións, feito este que a propia Xunta, en documentos presentados ante este consello, propón como modelo a poxa, incidindo deste xeito na predilección polos máis poderosos economicamente fronte aos sectores tradicionais do noso mar.

Outra das mentiras que expón a consellería do Mar, é a suposta voluntariedade da transformación do marisqueo en acuicultura, xa que a suposta voluntariedade da non transformación, comporta a imposibilidade de acceder a axudas públicas, polo tanto unha desigualdade que obriga ás nosas agrupacións de mariscadores a conversión ou a desaparición.

No aspecto medio-ambiental non podemos compartir un modelo que considera a aposta pola acuicultura intensiva, de especies fundamentalmente carnívoras, e que considera como obxectivos a acuicultura multitrófica e a destinada a consumo non humano.

Ambas cuestións supoñen de facto un risco para a biodiversidade e sustentabilidade do noso mar, formulando os nosos sectores tradicionais un futuro onde simplemente serán subministradores de peixe e moluscos para a transformación en fariña que sirva de alimento ás grandes plantas piscícolas.

A práctica deste modelo de cría de especies carnívoras, sustentadas con derivados das fariñas de peixe, e rodeados de bivalvos que supostamente filtren os seus insumos, para logo seren utilizados como alimento das especies obxectivo, non salvagarda ás poboacións autóctonas do noso mar, senón que aumenta a súa depredación e o risco de supervivencia pola concentración de residuos e antibióticos liberados nestas plantacións, con medidas moi pouco eficaces de depuración, que supoñen un enorme impacto no fráxil equilibrio das nosas rías e costas.

Non podemos esquecer a elevada ocupación territorial deste modelo, que dado o seu carácter prioritario na lei, expulsará os pescadores tradicionais dos contornos das plantas, tal como se recolle no capítulo de prohibicións, ademais do apartado de sancións, onde as elevadísimas contías propostas son un elemento máis na política de expulsión dos produtores tradicionais.

É por todo o anteriormente exposto polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida someterá á consideración do pleno da corporación a aprobación dos seguintes acordos:



1.- Solicitar da Xunta de Galicia a retirada inmediata do anteproxecto de lei de acuicultura de Galicia.

2.- Dar traslado do acordo á Consellería do Mar, ao Presidente da Xunta e ao conxunto de grupos parlamentares do Parlamento Galego.

19 outubro 2015

Esquerda Unida apoia ás Marchas da Dignidade a anima a participar este 24 de outubro na mobilización en Santiago de Compostela

Desde a Asemblea Local do Grove de Esquerda Unida apoiamos a mobilización convocada polas Marchas da Dignidade prevista para o próximo 24 de outubro na Praza do Obradoiro en Santiago de Compostela e facemos un chamamento aos veciños e veciñas do noso concello a participar na mesma.

Somos conscientes da situación dramática que está a vivir a maioría social. A chamada crise económica lonxe de rematar chegou para quedarse, por moito que algúns utilicen certos indicadores económicos para aparentar unha mellora que nada ten que ver coa realidade nen cos sectores populares.

Esta situación de emerxencia social derivada da crise estrutural do Capitalismo, desde hai anos afecta sen distincións a unha maioría social que é agredida por distintas vías: o desemprego, os recortes sociais, os desafuizamentos, as privatizacións ou o desmantelamento dos sectores produtivos tradicionais. Todos estamos sendo golpeados, desde os pensionistas até a xuventude que ten que emigrar, pasando pola clase traballadora, o sector pesqueiro ou o pequeno comercio.

Este sábado 24 de outubro, todas e todos a encher o Obradoiro!!

 

28 setembro 2015

Esquerda Unida realizará unha serie de rogos e preguntas no pleno de setembro


O Grove, 26 de setembro de 2015. Esquerda Unida defenderá no pleno do vindeiro luns a moción contra a Lei 4/2015, de 30 de Marzo, de Protección da Seguridade Cidadá, que fora retirada na sesión do mes de xullo.

Ademais, os edís de Esquerda Unida levarán a pleno unha serie de rogos e preguntas para dar solución e coñecer a situación de diferentes problemas existentes no noso concello. Unhas solicitudes e dúbidas que os veciños trasladaron á agrupación local.

Deste modo, os esquerdistas preguntarán pola situación da finca de Beiramar, que o pasado ano fora alugada polo anterior executivo para aparcadoiro público, si lle foi renovado o contrato e en que condicións, pois a reserva de espazo para uso privado viuse aumentado a case a metade da finca. Así mesmo preguntarán por qué se pechou ao público o acceso ao mesmo dende a rúa Castelao. Juan Lamelas e José Antonio Otero interesaranse polo estado polas obras  de Rosalía, que contemplan a reparación da fachada do centro pero non a do edificio das vivendas dos mestres que entrañan un serio perigo tanto para os cativos que utilizan o patio do colexio como para os veciños que transitan pola rúa Conchases. Por último preguntarán pola actuación no barrio da Gandariña, onde continúan os problemas de cheiros procedentes da canalización da Edar, e si o goberno contempla a reparación dos diferentes parques infantís do concello que se atopan en estado de abandono e deterioro.

Tanto Juan Lamelas como José Antonio Otero realizarán tamén unha serie de peticións. Solicitarán que se repoñan os bancos da explanada do Corgo; que se solucione o problema existente con unha sinal na zona de Campos, perigosa para os viandantes; que se instalen papeleiras en diferentes rúas do concello; que se retiren os vehículos abandonados nas rúas; que se de solución á problemática existente coa recollida selectiva, pois os colectores de plástico atópanse cheos en numerosas ocasións provocando que os veciños teñan que depositar as bolsas na propia rúa; e que se cree un plan de accesibilidade que traballe na eliminación das numerosas barreiras arquitectónicas existentes no noso concello.

A maioría dos rogos e preguntas foron entregados por rexistro esta semana, co propósito de que no pleno do vindeiro luns o goberno local poida dar resposta a todos eles.

Pola mesma vía, a do rexistro municipal, os edís Juan Lameas e Jose Antonio Otero solicitaron o expediente das obras de Terra de Porto - Estrada do Conde, que provocou a denuncia dun particular e supostamente se atopa nun proceso de investigación por parte da Deputación de Pontevedra. Tamén pediron o Plan de acollida de refuxiados de Siria xa que se anuncia na web municipal pero non se pode descargar nin acceder a el de ningún modo. Así mesmo, os edís esquerdistas queren comprobar o expediente de licitación da cafetería da Festa do Marisco e ao listado completo dos máis de 150 veciños e veciñas que se inscribiron para participar como voluntarios da Festa do Marisco, co propósito de fiscalizar tanto o proceso de licitación da cafetería que suscitou polémica ao recaer nunha persoa vinculada ao PSOE e á súa candidatura, así como o de selección de persoal que traballará como voluntario na festa no que debería ser prioritaria a situación socioeconómica e familiar dos demandantes á hora de ser seleccionados.

Asemblea de Esquerda Unida O Grove

08 agosto 2015

Esquerda Unida solicitou criterios socioeconómicos á hora de seleccionar voluntarios para a Festa do Marisco

Os concelleiros de EU no Pleno. Foto: todogrove.es
No pleno do pasado 3 de agosto, os concelleiros de Esquerda Unida, Juan Lamelas e Jose A. Otero, solicitaron a través do punto de rogos e preguntas que para a selección do persoal que traballará como voluntario na Festa do marisco o goberno local teña en conta unha serie de criterios: que para a inscrición como voluntario se solicite copia da tarxeta do paro e o tempo que leva o solicitante como demandante de emprego, que non se seleccione como voluntario/a a ningunha persoa que se atope activa laboralmente, e que a hora de realizar a selección de persoal se valore a situación laboral, económica e social dos solicitantes, primando aos que leven máis tempo no paro e se atopen nunha situación económica de risco. Ademais, os concelleiros de EU pediron que se camiñe cara un sistema de contratación en vez de voluntarios de cara a vindeiras edicións da Festa do Marisco. 

Unha petición que tivo boa acollida por parte do goberno, que aplicará os criterios socioeconómicos na edición de este ano e valorará de cara ao futuro mudar o sistema de voluntariado por contratacións.

Esta non foi a única petición realizada polos esquerdistas, pois ademais solicitaron que se dese solución e se depurasen responsabilidades co vertido de escombro na rúa Irmáns Otero Goday, que se arranxase o valado do parque infantil de Rons, que se retirase ou aproveitase o panel do Cicri para a promoción turística do Grove, que se limpasen con frecuencia os areais do concello, que se arranxase o acceso á praia da Lavaxeira, que se revisase os problemas de cheiros e ruídos procedentes da canalización da EDAR na zona da Gandariña, que se solucionase o problema de seguridade no Portal Cidadá da web municipal e que se instalase un espello na zona do camiño do lavadoiro de Balea. 

Así mesmo, os concelleiros de EU preguntaron pola situación da recollida selectiva, logo de comprobar como en varias ocasións os colectores se atoparon cheos durante máis dun día, solicitando tamén que se ampliase a recollida durante os meses de verán. Tamén preguntaron si a empresa encargada das obras do gas tiñan previsto asfaltar as rúas e arranxar as beirarrúas por onde realizaron a canalización. Por último, solicitaron información pola falta de policías locais durante as noites do mes de xullo e instaron ao Alcalde a poñer en marcha o servizo durante o mes de agosto.

Todas os rogos e preguntas, que foron introducidos por rexistro antes do pleno, foron respondidos polos concelleiros delegados na sesión ordinaria.

25 xullo 2015

Esquerda Unida mostra o seu malestar pola ausencia de Policía Local durante a noite e reclaman que se reactive o servizo no mes de agosto.

A agrupación de esquerdas non entende como en pleno verán, O Grove non conte cunha patrulla da Policía Local durante as noites e reclaman que se reactive o servizo de garda, cando menos durante a fin de semana.

foto Todogrove.es
O Grove, 25 de xullo de 2015.- Esquerda Unida faise eco das críticas que neste último mes veñen realizando veciños e visitantes do Grove ante a ausencia de patrulla de garda nocturna da Policía Local, sobre todo na fin de semana, onde a se intensifica a actividade debido á movida nocturna. Precisamente son os locais de copas os que reclaman con máis tesón a presenza policial durante as noites de verán, especialmente nas dos venres e sábados, que é cando hai máis ambiente e as xornadas nocturnas poden ser máis conflitivas.

Os concelleiros esquerdistas, Juan Lamelas e José Antonio Otero, reclámanlle ao Alcalde e á vez responsable de Seguridade Cidadá que reactive o servizo nocturno da Policía Local durante o mes de agosto co fin de ofrecer un servizo básico e esencial nun concello turístico como O Grove, que nestes meses estivais aumenta considerablemente a súa poboación. Así mesmo, co fin de evitar estragos no mobiliario público, como sucedeu nas últimas semanas en rúas como Cándido Acuña Blanco, Luís Seoane, Paseo de Lordelo ou o parque de Terra de Porto, onde árbores, papeleiras e outros mobiliarios urbanos sufriron actos vandálicos.

É por iso que na vindeira semana os concelleiros de Esquerda Unida realizarán esta solicitude de forma oficial a través do rexistro municipal. Ademais, os edís preguntarán polo motivo que levou á non prestación deste servizo durante o mes de xullo, situación que se dá por primeira vez, xa que nos meses de verán sempre existiu patrulla de garda, ao menos, durante a fin de semana.
  

Asemblea de Esquerda Unida O Grove

18 xullo 2015

Esquerda Unida rexistra vairas iniciativas no concello e solicita unha reunión para abordar o tema dos semáforos

O Grove, 18 de xullo de 2015.- O venres, a agrupación local de Esquerda Unida introduciu a través do rexistro municipal unha serie de rogos nos que instamos ao goberno municipal a dar solución a diferentes problemas detectados e trasladados polos veciños.

Os esquerdistas solicitan a limpeza regular dos diferentes areais grovenses, tanto os de Bandeira Azul como os que non contan co prestixioso distintivo, pois foron moitos os usuarios que mostraron as súas queixas pola sucidade na que se atopan as praia nestas últimas semanas, chegando a acumularse durante días os restos de algas e outros elementos que as mareas depositan en terra.

Xan Lamelas e José A. Otero pídenlle ao executivo local que tamén arranxen o acceso de madeira da praia da Lavaxeira, que conta con un chanzo roto e varios en estado de deterioro, o que provocou algún incidente entre os usuarios ao areal de Porto Meloxo. Tamén o parque infantil de Rons centra as queixas dos concelleiros esquerdistas, que solicitan o arranxo do valado exterior do mesmo ao atoparse roto por varias zonas, o que implica un perigo para os nenos que o frecuentan, maioritariamente os do centro educativo próximo.

O barrio da Gandariña, en Rons, é outro dos puntos conflitivos, pois varios veciños trasladaron as súas queixas aos esquerdistas indicando que nos últimos días se apreciaban ruídos estraños e malos cheiros procedentes da canalización que traslada as augas residuais cara a EDAR.

Esquerda Unida tamén trasladou a súa preocupación co “Portal Cidadá” da web municipal, pois os usuarios que acceden ao mesmo para realizar os seus trámites co Concello atópanse cunha mensaxe na que se advirte de que non é unha páxina segura.

Por último, os concelleiros esquerdistas solicitaron unha xuntanza formal co Alcalde, e á vez responsable da área de Seguridade Cidadá, para abordar o tema dos semáforos radar pois, segundo indican, a única información  da que dispoñen, relativa aos problemas xurdidos estes últimos días e as reunións mantidas coa empresa  responsable, é a que se publicou nos diferentes medios de comunicación.

Asemblea de Esquerda Unida O Grove

Ver documentos:

11 xuño 2015

Esquerda Unida denuncia o trilerismo político do Partido Popular

Despois de que ao longo do día de onte varios membros do PP do Grove se puxeran en contacto con candidatos de EU para ofrecerlle a alcaldía a Juan Lamelas, os esquerdistas reuníronse de urxencia para ver de parar o que eles consideran unha “operación mafiosa dun cadáver político”.

O Grove, 11 de xuño de 2.015.­ Ao longo da mañá de onte distintos membros do Partido Popular do Grove puxéronse en contacto con membros de Esquerda Unida e BNG coa finalidade de artellar unha maioría na corporación en contra da candidatura de José Cacabelos á alcaldía. A militancia de Esquerda Unida, reunida de urxencia para tratar de frear unha operación da que eles non son máis que vítimas, acordaron non aceptar baixo ningunha circunstancia o apoio do PP, e así llo trasladaron ao PSOE e BNG de xeito inmediato. Para Lamelas “trátase dunha operación mafiosa dun cadáver político” pois considera que “o PP foi defenestrado pola cidadanía das decisións políticas no Grove, e fan un intento á desesperada de crear un escenario ingobernable coa finalidade de amosarse como únicos garantes de estabilidade ante os veciños, pois para eles está antes o partido que o pobo. Pero en EU témolo claro: co PP non imos a ningún lado”.

Desde Esquerda Unida denuncian tamén o que consideran xeitos mafiosos de actuar do Partido Popular. Escurantismo, secretismo, trileiros, recadeiros... son algúns dos cualificativos cos que se refiren nas filas esquerdistas ao acontecido onte. “Nós somos a candidatura da transparencia e da ética, sentímonos insultados polo PP tanto na proposta como nas formas” sentenciaba rotundamente un enfadado Lamelas, para quen os xeitos do PP “afortunadamente foron desterrados da vida política municipal pola cidadanía” e considera que o PP é consciente de que “se atopan na irrelevancia política na actual corporación”.

27 maio 2015

Grazas polo apoio recibido. Agora, a traballar!

Grazas a todas e todos os que confiáchedes na nosa proposta e na nosa candidatura. Logramos uns excelentes resultados que nos animan a continuar traballando polos intereses dos veciños e veciñas do Grove.

Nestas eleccións demostrouse que non se pode estar catro anos gobernando de costas á veciñanza. Os nosos concelleiros electos, Juan Lamelas Alfonso e José Antonio Otero González, así como o resto da nosa militancia, traballaremos porque as nosas propostas saían adiante nestes vindeiros catro anos.

07 maio 2015

Toda a información electoral nunha nova dirección web

Esquerda Unida - Son presenta a súa web electoral http://elocais.euogrove.es. Un portal no que as veciñas e veciños do Grove poderán seguir toda a información electoral da agrupación para estes comicios.

Unha web na que os visitantes poderán coñecer os perfís das candidatas e candidatos que forman parte da lista electoral de EU-Son, o traballo realizado polos concelleiros de Esquerda Undia (José A. Taboada na primeira parte do mandato e Juan Lamelas na segunda) nos últimos catro anos, os dez puntos do Código Ético, e as numerosas propostas que EU-Son leva no seu programa de goberno. Unha información que os usuarios poderán descargar en formato PDF.

Ademais, Esquerda Unida - Son dará detallada información dos actos que realizará durante a campaña electoral, así como dos resultados mesa por mesa do vindeiro 24 de maio.

01 maio 2015

Esquerda Unida celebra que a presión cidadá levara ao goberno a recuar no tema do Cicri

Esquerda Unida celebra que o goberno municipal recuara e retirara da orde do día o punto que trataba sobre o Cicri. A presión da cidadanía, claramente contraria a este proxecto, e a recollida de máis de mil sinaturas por parte de Esquerda Unida fixeron que o alcalde de O Grove e o seu goberno tripartito tiveran que dar marcha atrás.
Poderá o señor alcalde dar mil e unha escusa e esgrimir mil e un argumentos sobre o por qué da retirada do orde do día deste asunto. O que Esquerda Unida sabe, e os veciños e veciñas tamén, é que esta foi unha vitoria de todos e todas. A Sra. Aida Filgueira e o Sr. Carlos Otero tomaron a determinación de opoñerse á construción do Cicri debido ao descontento veciñal así como das asociacións culturais.

Para o concelleiro de Esquerda Unida, Juan Lamelas,  “as mentiras e os enganos xa non colan na sociedade, e a realidade é que esta obra, que nos tenta vender o Sr. Miguel Ángel Pérez e Rafael Louzán é simplemente unha cafetería, de preto de un millón de euros, no medio da praza do Corgo. E dicimos que é unha cafetería porque é para o único que foron capaces de conseguir financiamento”. Lamelas indicou que “O que non pode suceder é que cada día que pasa apareza nova información relativa a esta obra, que non conte cos informes favorables e que se ofreza unha valoración de ingresos claramente inflada (20.000 €/ano en entradas, 20.000 €/ano  en axudas, 2.000 €/ano de alugueres e 20.000 € da concesión da cafetería)”. Por último Juan Lamelas denuncia o proceder do Alcalde, que decidiu reunir ás asociacións culturais, a tres días do pleno para buscar o apoio destas, algo que non atopou, vendéndolle que o Cicri contemplaba o auditorio con butacas, pero que isto xa se vería si se facía na segunda ou terceira fase, xa que agora o que construirían sería a Cafetería. Lamelas pregunta “a quen está enganado o Sr. Alcalde, a Portos ou as asociacións e veciños do Grove? Xa que nos tres tomos que completan o proxecto do Cicri, non nomea por ningún lado a palabra auditorio, xa que Portos de Galicia non permite este tipo de actividade no seu solo”.

Na agrupación esquerdista consideran que non é normal que as rúas, estradas, beirarrúas, mobiliario urbano, parques, xardíns, centros educativos,... estean en estado lamentable e que se pretenda destinar os cartos anuais do plan de inversións da deputación nunha construción que non pediu nin demandou ninguén, en solo portuario, na zona onde se realizan as festas do Carme, de San Martiño e do Marisco, o mercado municipal, estragando aínda máis a fachada litoral do noso concello. Non se deron pasos para a construción do Centro de Día e do novo Centro de Saúde, prioridades a día de hoxe para o pobo, pero si se intentou enganar aos veciños con unha obra que suporía hipotecar as arcas municipais.

Ademais, a agrupación esquerdista considera unha tomadura de pelo e unha falta de respecto aos membros da oposición e, sobre todo, aos veciños e veciñas que na mañá do xoves se achegaron ao salón de plenos, que o Alcalde do Grove non quixese dar explicacións sobre os motivos que o levou a tomar a decisión de retirar ese punto da orde do día xa que, segundo as súas palabras, as daría na prensa. Tampouco ofreceu explicación pola hora da convocatoria da sesión plenaria, a pesar de afirmar nun medio de comunicación que sería no pleno onde ofrecería as razóns de tal horario. Unha mostra máis da prepotencia coa que o Sr. Miguel Ángel Pérez manexa o concello e o goberno tripartito, situación que non sorprende a Esquerda Unida, pois xa os ten habituado a este tipo de actitudes nas diferentes sesións plenarias destes catro anos de mandato.

Esquerda Unida considera tamén lamentables as verbas da Sra. Aida Filgueira, que no pleno e posteriormente na prensa mostrou unha falta de respecto cos veciños e veciñas do noso concello ao afirmar que o Centro de Día non é viable economicamente e propoña utilizar os 600.000 €, que o concello ten blindados para esa construción, para realizar un Centro Integral de Atención aos Maiores adecuando a saber que infraestrutura, que non cubriría en ningún momento as necesidades demandadas nun Centro de Día e aínda por riba anunciando que será unha realidade a curto prazo. Non se entende como a persoa que ata o día do pleno apoiaba incondicionalmente a obra do Cicri, de feito asistiu a charla do Sr. Alcalde coas asociación culturais e non abriu a boca, agora diga que o Centro de día non é viable economicamente e teña a desfachatez de erixirse como a salvadora do pobo ao forzar a retirada do punto do Cicri da orde do día.

Dende Esquerda Unida recórdanlle a Sr. Filgueira que seguen agardando polo cumprimento do acordo aprobado no pleno de xullo de 2011 no que se pedía un estudo obxectivo entre os maiores e familias con persoas dependentes que recollese o número de persoas do concello que precisases acudir a un Centro de Día, dependencia das mesmas, horas e días que precisasen ou estarían dispostas a acudir ao Centro de Día e estatus económico e social desas persoas. Tamén lle recordan que en outubro de 2011 a Sra. Filgueira respondeulle ao entón concelleiro de EU, José Antonio Taboada, que “estaba a colaborar para poñer a disposición da Xunta de Galicia os terreos onde se ía a construír esta instalación” en alusións a pregunta formulada sobre a situación na que se atopaba o Centro de Día do Grove.


Para finalizar, a agrupación esquerdista recórdalle ao goberno tripartito que, ao igual que sucedeu en numerosas ocasións nestes catro anos de mandato, no derradeiro pleno ordinario deixaron algunhas cuestións sen responder, como a dirixida ao Sr. Miguel Ángel Pérez na que pedíamos explicacións sobre a que atendía o reparto de libros entre os veciños ou que parecer lle tiña a imaxe que estaba deixando a nivel estatal os semáforos do Grove logo da publicación dunha carta de Fernándo Onega no programa de Onda Cero.