16 setembro 2026

Esquerda Unida reclama ao Concello que corrixa as deficiencias da nova sinalización turística

A formación detecta sinais mal orientados, parcialmente ocultos ou colocados en puntos que reducen a visibilidade dos vehículos, pese a que o proxecto contemplaba expresamente a instalación e o control de calidade dos novos elementos. 

Advirten tamén de paneis nas praias que anuncian aseos, bandeiras sobre o estado do mar ou servizo de socorrismo que son inexistentes.

O Grove, 16 de setembro de 2026.-Esquerda Unida reclama ao Goberno municipal que revise e corrixa as deficiencias detectadas na nova sinalización turística instalada no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) “A Gastromeca”, logo de comprobar sobre o terreo diferentes problemas tanto na colocación dos sinais como na información recollida nalgúns dos novos paneis instalados nas praias. 

A actuación forma parte do contrato para a implantación dun sistema integral de información e sinalización turística intelixente. Dentro do proxecto, a sinalización física contaba cun orzamento superior aos 100.000 euros, destinado á fabricación, instalación e control de calidade de 143 elementos distribuídos polo municipio. 

Logo de revisar parte da sinalización instalada, Esquerda Unida comprobou a existencia de sinais parcialmente ocultos, outros colocados en puntos pouco axeitados e indicacións cuxa orientación non se corresponde cos sentidos de circulación das vías. 

Entre os exemplos detectados pola formación atópase o sinal instalado na entrada da rúa Pablo Iglesias, cuxa visión queda parcialmente obstaculizada polas ramas dunha árbore. Na rotonda da Ponte da Toxa, a situación dos novos elementos reduce a visibilidade dos vehículos que acceden á rotonda por dous dos tres carrís, introducindo un problema que consideran especialmente grave ao afectar directamente á seguridade viaria. 

Outro exemplo atópase fonte á parada de taxis, onde os paneis son parcialmente visibles unicamente polos vehículos que circulan nunha soa dirección, o mesmo que sucede en outros puntos do concello. 

Esquerda Unida aclara que estes son só algúns dos exemplos localizados durante a revisión realizada pola formación e que existen máis erros similares noutros puntos do municipio, tanto na orientación dos sinais como na súa situación e visibilidade. 

Para o voceiro de Esquerda Unida, José Antonio Otero, estas situacións resultan difíciles de entender tendo en conta que o proxecto non se limitaba á fabricación dos elementos, senón que contemplaba tamén a súa instalación e o correspondente control de calidade. 

“Estamos falando dunha actuación para a que o proxecto contemplaba máis de 100.000 euros só para a sinalización física e que incluía expresamente a instalación e o control de calidade. Por iso non é razoable atopar agora elementos que non se ven correctamente, que están mal orientados ou que mesmo reducen a visibilidade do tráfico”, sinala José Antonio Otero. 

Paneis que anuncian servizos inexistentes nas praias

Esquerda Unida advirte tamén de deficiencias na información incorporada aos novos paneis situados nos accesos ás praias. En concreto, a formación comprobou que os instalados nos areais do Carreiro e A Mexilloeira recollen servizos que actualmente non existen nestas praias. 

Os paneis informan, entre outras cuestións, da existencia de aseos, bandeiras indicadoras do estado do mar e servizo de socorrismo, cando estes servizos non están dispoñibles nos citados areais. 

Para Esquerda Unida, neste caso o problema vai máis alá dun simple erro informativo, xa que algunhas destas indicacións fan referencia directa á seguridade das persoas usuarias das praias. A sinalización pode levar a unha persoa a interpretar que se atopa nun areal vixiado ou que existe un sistema de bandeiras para advertir das condicións do baño cando realmente non é así. 

“Un panel turístico ten que ofrecer información certa e útil. Non se pode anunciar un servizo de socorrismo ou un sistema de bandeiras nunha praia que non dispón deles, porque estamos trasladando ás persoas usuarias unha información que non se corresponde coa realidade e que, ademais, está relacionada coa súa seguridade”, advirte o voceiro. 

A formación considera que as deficiencias detectadas son perfectamente corrixibles e reclama ao Goberno municipal que realice unha revisión completa dos 143 elementos da nova sinalización, comprobando a localización, orientación e visibilidade dos sinais, así como a exactitude da información incluída nos paneis das praias. 

“Non estamos ante un único sinal mal colocado. Atopamos diferentes erros que se repiten en distintos puntos e por iso o Concello debe revisar o conxunto da actuación, non limitarse a corrixir os casos que nós poidamos sinalar”, insiste Otero. 

Esquerda Unida subliña que non cuestiona a necesidade de renovar a sinalización turística do municipio, senón que reclama que unha actuación destas características se execute correctamente e que o Concello comprobe o resultado. 

“A renovación da sinalización é necesaria e positiva, pero precisamente por iso hai que facela ben. Se o propio proxecto contempla a instalación e o control de calidade, non ten sentido que aparezan sinais que non se ven, outros mal orientados, elementos que reducen a visibilidade do tráfico ou paneis que anuncian servizos inexistentes. O Concello debe revisar os 143 elementos e esixir que se corrixan todas as deficiencias”, indica José Antonio Otero. 

Fiscalización dos fondos europeos 

Esquerda Unida enmarca esta denuncia no traballo de revisión e fiscalización que a formación está realizando sobre a execución dos proxectos financiados con fondos europeos no municipio, co obxectivo de comprobar non só o destino dos recursos públicos, senón tamén que as actuacións se executaron correctamente e cómpren coa finalidade para a que foron financiadas. 

“Os fondos europeos representaron unha oportunidade importante para mellorar O Grove, pero precisamente pola contía dos recursos mobilizados é fundamental facer un seguimento rigoroso da súa execución. Imos continuar revisando estas actuacións, sinalando as deficiencias que atopemos e reclamando que cada euro invertido fose destinado a melloras reais para o municipio”, conclúe o voceiro de Esquerda Unida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario