30 xuño 2025

PLENO XUÑO 2025

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 30 de xuño de 2025

▶ Intervención: minuto 1:31:57


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Colector marrón

Preguntamos polo funcionamento deste sistema e polos usuarios que podían facer uso do mesmo.

🔻 Servizo de reciclaxe

Preguntamos polo problema existente na recollida de colectores selectivos, que estiveron semanas sen recollerse.

🔻 Camión de incendios do servizo de Emerxencias

Preguntamos pola solución prevista tras non superar a ITV.

🔻 Imaxe do concello antes da tempada estival

Preguntamos se o goberno era consciente da imaxe negativa que estaba proxectando o estado da vila.

Rogos e solicitudes

🔻 Sinalización viaria

Solicitamos o pintado dos pasos de peóns e da sinalización horizontal en todo o concello.

🔻 Fonte pública de Estonllo

Solicitamos a limpeza e adecuación da zona.

🔻 Placas co nome das rúas

Solicitamos actualizar ou instalar novas placas tras os cambios de dirección de varias rúas.

🔻 Baldosas nas rúas peonís

Solicitamos a reposición das baldosas levantadas.

17 xuño 2025

EU esixe o pintando de todas as sinalizacións horizontais do Grove e a inclusión do lema “O Mar Comeza Aquí” nas arquetas dos sumidoiros

A formación alerta do perigo que supón a ausencia de pasos de peóns e outras sinalizacións horizontais en moitas das rúas do concello e pide que o pintado non se limite ás recentemente asfaltadas.

Aproveitan para reclamar a aplicación efectiva da campaña “O Mar Comeza Aquí”, aprobada por unanimidade en 2024 a proposta de Esquerda Unida, que pretende concienciar sobre a conexión entre o lixo nas rúas e a contaminación mariña.

O Grove, 17 de xuño de 2025.-Esquerda Unida solicita ao goberno municipal que os traballos de pintado de sinalización horizontal non se limite ás rúas que veñen de ser asfaltadas e se estendan ao resto do concello. A formación alerta de que en moitos puntos do municipio a sinalización é “inapreciable ou inexistente”, especialmente os pasos de peóns, e isto “supón un perigo real tanto para os vehículos como para os viandantes”, explica o seu voceiro José Antonio Otero.

Desde Esquerda Unida lembran que en varios plenos anteriores xa advertiran desta situación, e que dende o goberno municipal se xustificou o atraso no pintado pola execución do plan de asfaltados. Con todo, “tememos que só se vai pintar o novo, e que volverán esquecer o resto das rúas, xusto cando se achega o verán e aumenta a afluencia de visitantes, o que fai aínda máis necesario garantir a seguridade peonil”, insiste Otero.

Ao mesmo tempo, Esquerda Unida propón que se aproveiten estes traballos para incorporar unha acción de sensibilización ambiental de baixo custo e alto valor educativo: o pintado do lema “O mar comeza aquí” nas arquetas dos sumidoiros, especialmente nas zonas máis transitadas.

Esta acción forma parte dunha campaña ambiental presentada por Esquerda Unida e aprobada por unanimidade no pleno de setembro de 2024, co obxectivo de lembrar á cidadanía que os residuos depositados nas rúas, como as cabichas, rematan moitas veces no mar. “Moita xente non é consciente de que o lixo que tiramos ao chan ou aos sumidoiros acaba na nosa ría. Este pintado é unha maneira visual, directa e económica de concienciar”, sinala o concelleiro Anxo Meis, defensor da iniciativa.

A medida xa foi implantada en numerosas cidades europeas e está recoñecida como boa práctica ambiental. Desde Esquerda Unida consideran que esta intervención debería ser o primeiro paso dunha campaña máis ampla, que inclúa tamén sistemas físicos de recollida de residuos nos sumidoiros.

“Se se están a pintar pasos de peóns e marcas viarias, non hai razón para non aplicar tamén esta medida que xa foi aprobada por este mesmo pleno”, engade Meis. A formación lembra que O Grove ten no mar o seu principal recurso económico e ambiental, polo que toda acción que contribúa a preservar o ecosistema mariño debe ser prioritaria.

Por todo isto, Esquerda Unida reclama que o Concello actúe de inmediato para estender o pintado de sinalizacións a todo o termo municipal e que execute xa os compromisos adquiridos coa campaña “O mar comeza aquí”.

09 xuño 2025

Esquerda Unida denuncia un novo gasto do auditorio a raíz dunha sentenza do TSXG

A Xustiza dá a razón á UTE executora da obra do Auditorio e Escola de Música do Grove e obriga ao Concello do Grove a pagar máis de 180.000 € pola revisión de prezos e os xuros. Consideran esta sentenza froito dunha mala xestión e deixadez do goberno municipal.

A agrupación lamenta que o Auditorio siga acumulando sobrecustos e aproveita para instar ao Alcalde a esixir a subsanación de todas as deficiencias que presenta a edificación dende a súa inauguración.

O Grove, 8 de xuño de 2025.-O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar ao Concello do Grove a aboar 151.303,68 euros, máis o IVE e os xuros legais desde abril de 2022 á UTE encargada da construción do Auditorio e Escola de Música, tras recoñecer que a empresa tiña dereito a unha revisión extraordinaria de prezos polo incremento dos custos dos materiais, ao abeiro do Real Decreto-lei 3/2022.

A empresa presentara a súa solicitude en abril de 2022, cando aínda non se aprobara a certificación final das obras. Sen embargo, o Goberno local non respondeu, dando lugar a unha desestimación por silencio administrativo. O recurso da UTE foi inicialmente rexeitado polo Xulgado de Pontevedra, pero agora o TSXG revoga esa decisión ao considerar que a solicitude foi presentada en prazo e cumpría os requisitos legais.

Aínda que cabe recurso, desde Esquerda Unida lamentan o que esta sentenza supón, “máis de 180.000 euros de fondos públicos que poderían terse evitado, ou cando menos a cantidade podía ser menor, se se fixese una xestión rigorosa, transparente e eficaz”, asevera o seu voceiro, José Antonio Otero, que considera que “tal e como se desprende da sentenza, isto é froito da mala xestión do goberno municipal, que actuou con deixadez, sen responder ás solicitudes da empresa e sen anticiparse a unha reclamación perfectamente encaixada na normativa vixente”.

Segundo a sentenza, o impacto dos materiais como o aceiro, o aluminio ou o cobre superou o 5% do orzamento, o que, para a xustiza, xustifica unha revisión de 151.303,68 euros, máis o IVE e os xuros legais desde abril de 2022. “A pesar de que a sentenza non é firme entendemos que non hai moitas opcións de cambiar o veredicto, polo cal o Concello deberá afrontar agora ese pagamento cos cartos de toda a veciñanza”, indica Otero.

Para Esquerda Unida, esta sentenza, ademais, pon de manifesto unha realidade preocupante, “a día de hoxe, seguimos sen saber cal é o custo real da obra do Auditorio. Tres anos despois da súa recepción, seguen aparecendo gastos asociados a unha infraestrutura que conta con numerosas deficiencias dende a súa inauguración”, afirma o seu voceiro.

Filtracións de auga, baños inutilizados, cableados de son e corrente oxidados, marcos das fiestras fendidos, focos de iluminación inservibles,... foron algunhas das deficiencias detectadas polos concelleiros de Esquerda Unida cando realizaron a visita ao Auditorio hai ano e medio. Segundo indican, a gran maioría seguen sen subsanarse, sen mencionar o ascensor, que funciona por tempadas, polo que instan ao Alcalde a que esixa á UTE a solución de todas esas deficiencias.

“Se temos que asumir este novo pago, que o Goberno local actúe con responsabilidade e lle reclame á empresa construtora a reparación de todas as deficiencias que presenta o edificio, que non son poucas. É inaceptable que, ademais de asumir sobrecustos e pagos por sentenza, o Concello tolere que o edificio presente problemas estruturais, técnicos ou funcionais sen reacción nin supervisión”, sentenza Otero.

02 xuño 2025

PLENO MAIO 2025

 ROGOS E PREGUNTAS

📅 2 de xuño de 2025

▶ Intervención: minuto 39:33


🔗 Enlace ao vídeo

Preguntas realizadas

🔻 Subida a Meloxo

Preguntamos polo estado do proxecto de execución desta obra.

🔻 Local do CR Mecos

Preguntamos polo estado do expediente de denuncia á empresa executora pola paralización das obras.

🔻 Estación de carga da rúa Castelao

Preguntamos polo motivo polo que se instalaba nun lugar diferente ao aprobado.

🔻 Estación de carga nas proximidades da Confraría

Preguntamos cando se procedería á súa instalación.

🔻 Local social de Reboredo

Preguntamos polo estado da reclamación da garantía da obra.

🔻 Gretas na rúa Alexandre Bóveda

Preguntamos polo estado da reclamación para a súa reparación.

🔻 Ordenanza de Bo Goberno

Preguntamos cando se modificaría para incluír as dúas horas sen música nas atraccións de feira.

🔻 Baños públicos detrás da Lonxa

Preguntamos polo motivo polo que permaneceron pechados durante a Media Maratón.

🔻 Mercado Municipal

Preguntamos cando se licitarían os locais e bancadas.

🔻 Sancións aos postos do mercado

Preguntamos polos motivos polos que se alertaba con sancións a uns postos mentres outros permanecían pechados durante máis tempo.

🔻 Estacionamento nas Pipas

Preguntamos se se habilitaría unha bolsa de estacionamento nesta zona.

🔻 Centro de Información á Muller

Preguntamos pola situación do servizo tras o traslado da traballadora responsable.

🔻 Museo da Salazón

Preguntamos se abriría durante a tempada estival e cal sería o seu funcionamento.

Rogos e solicitudes

🔻 Recollida de colectores de pilas

Solicitamos que o concello xestionase a súa recollida e reciclaxe.

🔻 Fonte pública de Estonllo

Solicitamos a limpeza e adecuación da zona.

🔻 Reloxo da fachada do Concello

Solicitamos o seu arranxo.

🔻 Cambio de sentido da rúa Conchases

Solicitamos executar esta modificación para facilitar a mobilidade.

🔻 Fonte da rúa Concepción Arenal

Solicitamos a súa reinstalación.

🔻 Camiño do alto de Pardiños

Solicitamos incluílo no plan de asfaltados.

🔻 Mercado Municipal

Solicitamos solucións ante o abandono de postos e os malos cheiros.

🔻 Documentación do mercado

Solicitamos que se nos trasladase a documentación solicitada por rexistro.

🔻 Sinalización viaria

Solicitamos o pintado de pasos de peóns e sinalizacións horizontais.

🔻 Parque do Sineiro

Solicitamos unha solución á proliferación de pulgas.