venres, 14 de xuño de 2024

Esquerda Unida denuncia a inacción do goberno cos fondos europeos

O grupo municipal Esquerda Unida advirte que, tras un ano dende a autorización para a execución dos 2.000.000 de euros do PSTD A Gastromeca, o Concello do Grove aínda non investiu nada debido á falta de contratación dunha consultora. Esta demora ameaza a execución do proxecto e podería obrigar ao Concello a devolver os fondos, xunto cos intereses, afectando negativamente á economía local.

Piden a convocatoria do Consello Local de Turismo para que o Alcalde explique os motivos do atraso na contratación da consultora e o impacto desta demora no PSTD. O grupo reafirma o seu compromiso coa transparencia e responsabilidade na xestión dos recursos públicos, vixiando a evolución deste tema para asegurar o uso eficaz dos fondos europeos.

O Grove, 14 de xuño de 2024 – O grupo municipal de Esquerda Unida denuncia que este mes cúmprese un ano dende que a Xunta de Galicia autorizou ao Concello do Grove a execución dos 2.000.000 de euros do plan de Recuperación, Transformación e Resilencia a través do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) denominado A Gastromeca e que “lamentablemente, a día de hoxe, aínda non se investiu nin un só euro deses fondos europeos”

Dende Esquerda Unida indican que o Plan A Gastromeca, destinado a impulsar o turismo sostible e a dinamización económica do Grove, está estancado debido a que non se realizou a contratación da consultora encargada de desenvolver o proxecto. Esta parálise non só representa unha perda de tempo valioso, senón que tamén ameaza a execución completa das actuacións previstas antes do 31 de decembro de 2025, xa que, de non cumprirse os prazos, o Concello arríscase a ter que devolver os fondos á Unión Europea, “co correspondente pago de intereses, que sairán dos petos dos veciños e veciñas do Grove”.

Susana Millán, concelleira de Esquerda Unida, manifestou a súa preocupación, “temos un proxecto que inicialmente contemplaba a execución en dous anos e medio e que agora terá que desenvolverse en pouco máis dun ano, cos conseguintes problemas e riscos. Non podemos permitir que este financiamento crucial se perda pola incompetencia do goberno e a falta de planificación. É fundamental que se tomen medidas inmediatas para evitar que esta situación nos leve a un escenario que afectaría ás arcas municipais." 

Esquerda Unida insta ao goberno municipal a actuar con urxencia para desbloquear a situación e asegurar que os fondos Next Generation sexan empregados adecuadamente para o desenvolvemento do noso concello. “É imprescindible que se inicie o proceso de licitación da consultora canto antes, garantindo así a implementación efectiva da totalidade do Plan A Gastromeca e evitar repercusións económicas negativas para a veciñanza”, asevera Millán.

Dende Esquerda Unida piden ao Alcalde, quen á súa vez é o concelleiro responsable de Turismo, a convocatoria do Consello Local de Turismo para que dea conta dos motivos do retraso da contratación da consultora e como afectará a demora ao desenvolvemento do PSTD.

Deste modo, o grupo municipal volve mostrar o seu compromiso en defender os intereses dos veciños e veciñas do Grove, esixindo transparencia e responsabilidade na xestión dos recursos públicos e aseguran que seguirán vixiando atentamente a evolución deste tema e non dubidarán en tomar as accións necesarias para asegurar que os fondos europeos sexan utilizados de maneira eficaz e beneficiosa para a nosa localidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario