Os esquerdistas critican ao goberno municipal por non ofrecer un servizo de campamento ou ludoteca durante a Semana Santa que permitira a conciliación nunhas datas nas que para moitas familias é máis doado atopar traballo.
Aseguran que, nun goberno con José A. Otero como Alcalde, ofrecerán un servizo de conciliación familiar na Semana Santa, verán e Nadal, e que traballarán para que ese servizo se vexa ampliado ao resto dos días do ano.
O Grove, 15 de abril de 2023.- Logo de ver como na Semana Santa dende o concello non se programou ningún tipo de campamento e/ou ludoteca que axudase á conciliación familiar, dende Esquerda Unida denuncian esta circunstancia e aproveitan para mostrar unha das medidas incluídas no seu programa de cara ás vindeiras eleccións municipais.
O seu candidato e actual voceiro do grupo municipal, José Antonio Otero, indica que non é de recibo que dende o concello non se puxese en marcha un campamento para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, ao igual que se ten feito no verán ou, nalgunha ocasión, nas vacacións de Nadal. E é que para Otero esas datas, as de semana santa, “son importantes para moitas familias, xa que poden acadar un posto de traballo que lle permite uns ingresos máis que precisos na actual situación económica”, e para lograr ese traballo, o esquerdista entende que “é necesaria a conciliación e só é posible coa implicación do Concello a través de campamentos ou ludotecas”.
Por iso, dende Esquerda Unida indican que, dentro do seu programa de cara a un goberno con Otero como Alcalde, teñen contemplada a posta en marcha dun servizo de conciliación, a través de campamentos ou ludotecas nas tres etapas máis longas dos paróns escolares; Semana Santa, Verán e Nadal. Pero ademais, aseguran que traballarán para que esa conciliación se leve a cabo tamén en xornada de tarde durante todas as semanas do curso escolar, así como nas fins de semana e nos días de festividade dos centros educativos do municipio.
Unha medida que consideran posible, “incluso sen ter que recorrer ao orzamento municipal, pois existen axudas para executar estes servizos, como o Plan Corresponsable, promovido e financiado polo Ministerio de Igualdade”, aseguran. Os esquerdistas indican que existen numerosos concellos de Galicia que fan uso deses fondos para ofrecer unha conciliación familiar durante todo o ano, e critican que “aquí nin tan sequera son capaces de poñer a funcionar un simple servizo de ludoteca durante unha semana”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario