martes, 13 de decembro de 2022

EU pide que se reserve unha porcentaxe das entradas do auditorio a servizos sociais.

 

O Grove, 13 de decembro de 2022.- Logo de que se dese a coñecer a programación de actividades que albergará o auditorio para o que resta de ano e principios de 2023, e tendo en conta que a gran maioría son espectáculos de pago, dende Esquerda Unida piden que unha parte das entradas se reserven para persoas e familias con baixos recursos. 

Dende a agrupación de esquerdas entenden que se cobre polas actuacións e concordan en que a cultura non ten que ser totalmente gratuíta, pero tamén son conscientes das dificultades económicas que poden ter moitas familias grovenses para acceder aos espectáculos programados para o auditorio. "É por iso que propoñemos á concellería de Cultura que reserve unha porcentaxe das entradas para que sexan xestionadas por servizos sociais, a través de descontos ou de forma gratuíta, e deste modo se lle dea facilidades de acceso a estas familias", indica o seu voceiro, José Antonio Otero. 

Tendo en conta que a maioría dos espectáculos de pago non lograron cubrir todas as prazas e a media de asistencia, segundo o Alcalde é de 250 persoas das 465 butacas das que dispón o auditorio, "consideramos que non debería supoñer un problema que se reserve, por exemplo, un 10% das entradas (46) para as persoas que, por dificultades económicas, non poden mercalas" remarca Otero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario