Os esquerdistas recordaron as propostas que realizaron no 2019 relativas á accesibilidade e seguridade da festa. Queren que se facilite o acceso aos produtos ás persoas con mobilidade reducida, que se aumenten os efectivos que velen pola seguridade e que se instale un punto morado durante os concertos.
Descentralizar as actividades culturais e de ocio, potenciar a natureza e o rural dando visibilidade a San Vicente, a Siradella, Moreiras ou ó Monte Central, e desprazar os autobuses á Lanzada para facilitar máis estacionamento no Corgo son outras das medidas que Esquerda Unida puxo enriba da mesa no último Consello Local.
O Grove, 6 de agosto de 2022.- O pasado martes, logo de cinco meses, volveuse reunir o Consello Local de Turismo para coñecer o estado dos preparativos da vindeira edición da Festa do Marisco, que terá lugar entre o 29 de setembro e o 12 de outubro. Na xuntanza, Esquerda Unida, a través do seu voceiro, José Antonio Otero, trasladou unha serie de propostas que, consideran, mellorarán varios aspectos do evento gastronómico como a accesibilidade, a seguridade e a promoción cultural e turística do concello.
Otero comezou lembrando varias das propostas realizadas e rexistradas xa no 2019 e que, segundo indica, non foron executadas nesa edición. Así, os esquerdistas volven pedir que se instale unha caixa a nivel do chan co propósito de facilitar a retirada de tickets ás persoas con mobilidade reducida (PMR) pois, segundo indican, “o acceso a estas, tal e como se instalan habitualmente supón, no mellor dos casos, unha auténtica odisea para unha persoa con cadeira de rodas”. “O mesmo sucede nos espazos nos que se despacha a comida, pois a zona dos soportais é totalmente inaccesible para estas persoas” sinala Otero. Para solucionar este problema, dende Esquerda Unida propoñen que o concello poña persoal de asistencia que poida realizar a retirada da comida ás persoas con mobilidade reducida que así o soliciten.
Outra das medidas é que o recinto conte con mesas adaptadas para as persoas en cadeira de rodas xa que as habituais son demasiado altas. Aínda que non comentadas na xuntanza, Otero lembra que dentro das propostas rexistradas hai dous anos tamén pedían que se aproximen os baños adaptados ao recinto “pois estes atópanse na parte traseira da Lonxa, o que supón un desprazamento moi longo para calquera persoa con mobilidade reducida”, aproximar do mesmo modo as cadeiras que se prestan ás persoas que precisan utilizalas para degustar os pratos, recuperar a carta de produtos en formato braille e que na zona de lactación se incorpore un cambiador e un microondas. Unhas propostas, que segundo indica o voceiro esquerdista, “non implica un gran desembolso económico e supoñen un salto cualitativo da festa dando unha maior facilidade ás persoas con mobilidade reducida que no mes de outubro acudan a gozar do noso evento gastronómico”.
Dentro das propostas realizadas xa no 2019, atopábase un apartado relativo á seguridade do evento. Neste senso, os esquerdistas piden que se solicite axuda a outros concellos para aumentar as forzas públicas, Policía Local e Garda Civil, durante a Festa. “Se xa considerabamos importante esta medida no 2019, nesta edición é imprescindible pois, tras dous anos sen festa debido á Covid, seguramente o número de visitantes sexa maior que os rexistrados anteriormente, polo que entendemos preciso redobrar a seguridade e, ao igual que ten feito cambados co Albariño, pedimos ao goberno que solicite reforzos a outros concellos e á subdelegación do goberno” asevera o voceiro esquerdista.
Dende Esquerda Unida tamén fan fincapé na necesidade de instalar o Punto Morado, cando menos, durante os concertos que se realicen no recinto, máxime logo do aumento de casos de violencia que están sufrindo as mulleres coa fórmula de sumisión química a través de pinchazos. Para Otero “non é descartable que este novo formato de violencia machista, que se está expandindo por todos os recunchos do estado, poida aparecer na Festa do Marisco e dende o Concello e o Consello Local de Igualdade pódese habilitar un espazo onde alertar e axudar ás mulleres que sufran esta situación ou calquera outra na que se atente contra elas”.
Ademais destas medidas, que xa foran rexistradas no 2019, os esquerdistas realizaron novas propostas no Consello Local. Deste modo, Otero pediu ao executivo que procurase descentralizar as actividades culturais e de ocio, levando estas a outras zonas e barrios do concello e que se potencien outras zonas da vila como San Vicente, A Siradella, Moreiras ou o Monte Central da Toxa aproveitando o funcionamento do Grobus. “Polo xeral os visitantes acceden á zona do Corgo e, como moito, aos arredores, polo que é preciso ensinarlles outras zonas de encanto coas que conta o noso concello potenciando o rural e a natureza que nos rodea”, sinala Otero.
Por último, co propósito de aumentar as prazas de estacionamento, dende Esquerda Unida propuxeron que os autobuses que neses quince días chegan a O Grove, descarguen aos pasaxeiros na zona do Corgo e logo se dirixan ao aparcadoiro da Lanzada, ofrecendo un servizo de recollida dos condutores. Os esquerdistas consideran que, “neses días o Heliporto é ocupado por un gran número de autobuses, polo que con esta medida e unha boa organización daríamos cabida a moitos vehículos particulares nesa zona, mellorando e aumentando o escaso espazo de estacionamento que existe no Grove nesas datas”.
Esquerda Unida, que considera que todas as medidas expostas son asumibles e realizables, agarda que o executivo local as aplique na edición deste ano, aínda que non teñen moitas esperanzas pois, segundo o seu voceiro, “ao goberno non lle senta ben que o noso grupo faga propostas e menos ter que aplicalas, do contrario convocaría o consello sectorial para traballar e non para trasladarnos información”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario