O grupo municipal de Esquerda Unida elevará ao pleno do vindeiro día 2 de novembro unha moción na que pedirá o apoio da corporación á manifestación que a Plataforma SOS Sanidade Pública ten convocada para o vindeiro 14 de novembro en Santiago de Compostela baixo o lema "Salvemos a Atención Primaria”. Así mesmo, pídese ao goberno municipal que poña autobuses a disposición das veciñas e veciños que queira acudir á manifestación.
Esquerda Unida considera de suma importancia a implicación do conxunto da sociedade meca nesta convocatoria pois, dende hai mais de dous anos, o Grove está a sufrir de primeira man a falta de facultativos no Centro de Saúde, chegando a situacións estremas como as vividas a pasada fin de semana, onde non houbo médico de urxencias, e as veciñas e veciños que precisaron do servizo tiveron que desprazarse a Pontevedra ou ao concello de Sanxenxo.
MOCIÓN COMPLETA
EN DEFENSA DA ATENCIÓN PRIMARIA E DE APOIO Á MANIFESTACIÓN DA PLATAFORMA SOS SANIDADE PÚBLICA O 14 DE NOVEMBRO EN SANTIAGO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Antes da pandemia da Covid-19 a Atención Primaria xa atravesaba unha profunda crise estrutural, con déficit de profesionais pola falta de adecuación dos cadros de persoal ás necesidades da poboación, a non renovación de xubilacións, baixas e vacacións e as demoras e masificación na asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular. Na actualidade, os orzamentos na Atención Primaria apenas supoñen o 12% do orzamento sanitario total, que é evidentemente insuficiente e é urxente incrementalo.
Durante a pandemia, en Atención Primaria priorizouse a atención telefónica sobre a presencial o que impediu o acceso dos doentes aos centros sanitarios e reduciuse o aforo das salas de agarda obrigándoos a facer cola fóra dos centros de saúde. Suspendeuse a realización de probas e controles de saúde periódicos, sobre todo en pacientes con patoloxías crónicas. Estas medidas para evitar a transmisión, están tendo consecuencias negativas na calidade da atención que reciben as e os cidadáns, entre elas o atraso no diagnóstico de patoloxías como as tumorais.
Hoxe temos agardas de máis de 10-12 días para recibir atención médica de forma telefónica no Centro de saúde, que poden chegar a un mes para unha consulta presencial, o que non é comprendido pola cidadanía e orixina nela un sentimento de abandono e desprotección por parte do Sistema Sanitario Público.
O contacto e a relación médico-paciente constitúe o alicerce fundamental da Atención Primaria, polo que manter esta modalidade de consulta telefónica ou telemática como base da atención sanitaria supón unha enorme limitación da accesibilidade, racionalidade e calidade do modelo sanitario. Isto xera malestar social e profesional que vai en aumento, cun deterioro da imaxe do Sistema Sanitario Público.
Durante os meses de confinamento, as traballadoras e os traballadores da Sanidade Publica recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía ao labor desenvolvido en durísimas condicións. Este recoñecemento abría a esperanza de que, tras o estado da alarma sanitaria, o SERGAS impulsaría medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como recomendan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais. Lamentablemente a realidade é ben distinta e a cidadanía atopamos a mesma precariedade anterior acrecentada por unha atención baseada en primar consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso ao Centro de Saúde.
Hai que recuperar a atención presencial e o acceso aos centros o antes posible, para evitar un maior deterioro do propio sistema e empeorar os datos de saúde da poboación.
As barreiras de acceso á Atención Primaria favorece a privatización, coa correspondente fuxida das persoas con maior capacidade económica aos seguros privados (na actualidade xa supón un 20% da poboación) e a desprotección das persoas con menos recursos, en consecuencia un aumento da falta de equidade.
Para reverter esta situación, é necesario:
- A apertura dos Centros de Saúde, con consultas 100% presenciais como única maneira de garantir a igualdade de oportunidades á poboación, nun entorno seguro que manteña as medidas hixiénicas e sanitarias: máscaras e distancia de seguridade.
- Reapertura de todos os Consultorios existentes e que foron pechados pola pandemia da Covid-19.
- Mellorar a accesibilidade acabando coas listas de espera, co desdobramento das consultas e o incremento de persoal para a súa atención. Limitando as consultas telefónicas ou telemáticas a actividades complementarias, que non limiten ou interfiran a necesaria relación persoal e presencial entre traballadores e traballadoras da Atención Primaria e a poboación, e que non sigan discriminando aínda máis ás persoas maiores ou con dificultades de acceso no manexo das novas tecnoloxías.
- Incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado á Atención Primaria. O obxectivo sería acadar o 25% en 5 anos.
- Contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal, poñendo en marcha un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que volva a avaliar os equipos multidisciplinares para dar cobertura ás necesidades de saúde da poboación.
Dende a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia consideran que: É urxente un cambio de política sanitaria da Xunta que poña en marcha medidas extraordinarias e urxentes, polo que esixen ao SERGAS e ao Goberno Galego:
- A recuperación da accesibilidade aos centros asistenciais. Atención 100% Presencial XA!!
- Incremento do cadro de persoal, nos Centros de Saúde de Galicia.
- Repoñer a Xerencia de Atención Primaria que eliminaron, como forma de organización específica da área e orzamento propio e non dependente do hospital de referencia.
A plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, tralo traballo que están a realizar as Plataformas en Defensa da Sanidade Pública nos ámbitos locais, convocan unha Manifestación o domingo 14 de novembro, ás 12 h., en Santiago de Compostela, baixo o lema : “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMARIA”, para reverter esta situación.
Por todo o anteriormente exposto, é polo que o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do pleno a aprobación da seguinte
PROPOSTA DE ACORDO
- Pleno do Concello do Grove mostra o seu apoio á manifestación que a plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia convoca para o vindeiro domingo 14 de novembro, ás 12 horas en Santiago de Compostela baixo o lema: “SALVEMOS A ATENCIÓN PRIMAIRA”.
- Instar ao goberno municipal a poñer a disposición das veciñas e veciños do Grove uns autobuses gratuítos para asistir á citada manifestación, xestionando o propio concello as reservas das prazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario