venres, 13 de setembro de 2019

EU traslada ao Consello Local de Turismo as súas propostas de accesibilidade e seguridade para a Festa do Marisco


Unha das carpas da Festa do Marisco. Foto: Faro de Vigo.
 Ofrecer maiores facilidades ás persoas con mobilidade reducida durante o evento gastronómico foi a principal demanda dos esquerdistas.

Manter a seguridade no acceso ao recinto da festa, a solicitude de reforzos policiais e a instalación dun punto morado foron demandados por Esquerda Unida.


O Grove, 12 de agosto de 2019.- Este mércores tivo lugar a celebración do Consello Local de Turismo onde, ademais de analizar as contas da Festa do Marisco do 2018, visualizar o programa da actual edición que comezará o día 3 de outubro e realizar as propostas para as Centolas de Ouro, Esquerda Unida trasladou unha serie de propostas para mellorar o evento gastronómico en canto a accesibilidade e seguridade.

A agrupación esquerdistas, que estivo representada neste consello sectorial por Susana Millán e o concelleiro José Antonio Otero, trasladou ao resto de representantes e ao propio goberno a súa preocupación polas dificultades que as persoas con mobilidade reducida se atopan no recinto durante a celebración da festa gastronómica grovense. Unha problemática que, segundo indican, foilles trasladada durante a pasada campaña electoral por un colectivo local. E é que para os esquerdistas, “unha persoa con mobilidade reducida atópase coa primeira pedra nada máis achegarse ás caixas, pois non contan coa accesibilidade adecuada” e por iso “solicitamos que se habilite unha caixa a nivel do chan para facilitar que estas persoas poidan adquirir os tickets pola súa propia conta”. Pero os problemas non rematan aí pois, se son capaces de mercar os tickets, “teñen que facer números para retirar os produtos, pois a inaccesibilidade é aínda maior e dificulta a tarefa” sentencia Otero, que pide que, “ante a imposibilidade de mellorar este aspecto, se dispoña dunha persoa do concello que realice ese traballo”.

Outro dos problemas que preocupa a Esquerda Unida é a distancia á que se atopan os diferentes servizos a disposición das persoas con mobilidade reducida, “pois dende as caixas ou mesas, existe unha gran distancia ata o posto de socorro, onde deben solicitar unha cadeira en caso de precisala, ou ata os servizos adaptados, que se atopan detrás da lonxa”. Por ese motivo José Antonio Otero e Susana Millán solicitaron que se tentase mellorar este aspecto e procurar reducir esas distancias.

Ademais destes aspectos, os esquerdistas solicitaron que se procurase recuperar a carta de produtos en Braille, que xa estivo dispoñible outros anos, e que se instalase un microondas e un cambiador na sala de lactación xa que, segundo indican, tan só conta con dúas cadeiras.

Por outro lado, a seguridade da Festa foi outro dos aspectos nos que Esquerda Unida fixo propostas. Otero e Millán reclamaron que se mantivese o peche perimetral do recinto, ao igual que en edicións pasadas, “para evitar calquera posible incidente con vehículos que poidan tentar acceder á zona de festa co propósito de facer dano”. Así mesmo pediron ao goberno que se reclamase a outros concellos a cesión de axentes de Policía para reforzar durante o evento o precario servizo co que conta nestes momentos O Grove.  Por último, os esquerdistas reclamaron a instalación dun Punto Morado de atención e información ás vítimas de violencia de xénero durante os 10 días da festa, ou cando menos nos días de concertos e maior afluencia de visitantes.


Gabinete de Prensa
Esquerda Unida O Grove



Á ORGANIZACIÓN DA FESTA DO MARISCO
CONSELLO LOCAL DO TURISMO

Dende  Esquerda Unida queremos realizar unha serie de propostas para a presente edición da Festa do Marisco (2019). As mesmas están divididas en dous bloques.

1.- ACCESIBILIDADE
2.- SEGURIDADE
 

1.- ACCESIBILIDADE:

Logo de termos mantido unha xuntanza cun colectivo relacionado coas persoas con mobilidade reducida, este mostrounos unha serie de problemas de accesibilidade existentes durante a celebración da Festa do Marisco. Está claro que se ten mellorado moito no aspecto de accesibilidade nas últimas edicións, pero aínda así existen aspectos que poderían beneficiar aínda máis a estas persoas, e así nolo fixeron chegar.

Unha das problemáticas que se atopa unha persoa con mobilidade reducida dentro do recinto da festa é un dos primeiros puntos de parada: as caixas onde deben recoller os tickets para obter os produtos. Indícasenos que o acceso ás mesmas é complicada, pois as ramplas existentes non permite que estas persoas poidan mercar os seus tickets sen depender da axuda doutra persoa. A segunda dificultade que se atopan é no momento no que queren trocar eses tickets, mercados con dificultade, pois os postos de comida son inaccesibles pola súa configuración, corredoiros estreitos e con numerosos obstáculos.

Outra das cuestións da que nos alertan son as distancias que teñen que percorrer para acceder aos servizos á súa disposición. As distancias son excesivas; dende as caixas ao posto socorro, onde terían que dirixirse para solicitar unha cadeira, ou mesmo se desexan facer uso dos aseos adaptados, que se atopan detrás da lonxa.

Por último, tamén se nos indica da problemática que se atopan para visualizar os concertos, pois así como agradecen a iniciativa de instalar un palco reservado para estas persoas, atópanse con que o mesmo está sendo usado por persoas sen dificultades sen que ninguén lles impida ese uso, dificultando que o poidan usar con comodidade ou simplemente renuncien ao seu uso por non atoparse con problemas.

Por ese motivo, dende Esquerda Unida facemos unha serie de propostas, en base, tal e como indicamos anteriormente, ás indicacións e recomendacións dun colectivo relacionado coas persoas de mobilidade reducida.
 
-       Instalación, cando menos, dunha caixa a nivel do chan con preferencia para as persoas con mobilidade reducida ou mellorar a accesibilidade ás caixas con ramplas en condicións que faciliten o acceso.

-     Dispoñer de persoal de asistencia, non é preciso que de forma permanente, que realice a tarefa de recollida dos alimentos que merquen estas persoas, se así o requiren.

-   Dispor dunha zona na que existan mesas adaptadas, sen ser preciso que sexan reservadas pero si preferentes para este colectivo.

-    Procurar aproximar os aseos adaptados a unha zona máis próxima ao espazo dos comensais. Se é posible preto desas mesas preferentes indicadas no punto anterior.

-    Que o lugar no que se soliciten/recollan as cadeiras reservadas para persoas con mobilidade reducida se aproxime á zona de caixas ou ao espazo das mesas indicado no punto terceiro.

-      Que no palco dos concertos reservado para persoas con mobilidade reducida se dispoña de persoal que vixíe que o uso sexa exclusivo para estas.

-      Recuperar a carta en Braille existente en outras edicións.

Fora da accesibilidade pero como mellora noutros aspectos propoñemos;

-      Que á zona de lactación, ademais das dúas cadeiras, que era o único co que contaba, se incorpore un microondas e un cambiador.

 2.- SEGURIDADE

Co propósito de mellorar a seguridade da Festa do Marisco en todos os aspectos, propoñemos:

-   Tendo en conta que o Ministerio de Interior mantén o Nivel 4 de Alerta Antiterrorista (NAA) instamos a manter o peche perimétrico do recinto con obstáculos que dificulten o acceso de vehículos de forma descontrolada, tal e como se leva realizando dende hai uns anos tras instancia de Esquerda Unida.

-      Dada a precariedade na que se atopa o servizo da Policía Local instamos a que se soliciten reforzos a outros concellos (ao igual que ten feito Cambados co Albariño) e a outras forzas do estado (Garda Civil, Policía Autonómica) para o control e seguridade do recinto da festa así como do tráfico rodado do concello, sobre todo nos días de maior afluencia.

-      Que se instale un Punto Morado contra as violencias machistas durante os días da festa, localizado nunha zona visible e que conte co persoal cualificado.  


O Grove, 1 de setembro de 2019.


Agrupación Local de Esquerda Unida O Grove
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario